jueves. 09.07.2020 |
El tiempo
jueves. 09.07.2020
El tiempo

A incerteza reina nos escenarios e platós de Galicia

Carlos Blanco. DP
Carlos Blanco. DP
Carlos Blanco, Morris, Andrea Bayer, David Amor e María Vázquez analizan a situación actual e o futuro do mundo da cultura e o entretemento

Salas pechadas, escenarios desertos, rodaxes suspendidas... O parón do coronavirus supuxo un gran golpe para o mundo da cultura en xeral e para os actores e actrices en particular. Xa nas primeiras semanas do estado de alarma as perdas rondaban os sete millóns de euros e os despidos afectaban ao 23% dos intérpretes que estaban traballando, segundo datos recabados pola Unión de Actores y Actrices a partir das respostas de 1.500 profesionais do sector.

Aínda que na fase 1 da desescalada xa se permitía a produción audiovisual e a rodaxe de cine e series e na fase 2, na que se atopa Galicia, cines, teatros, auditorios e espacios similares poden reanudar a súa actividade sempre que conten con butacas asignadas previamente e no superen un tercio do aforo autorizado, o sector segue sumido na incerteza.

Cinco representantes da escena galega, Antonio Durán Morris, María Vázquez, Carlos Blanco, David Amor e Andrea Bayer, contan como viviron o estoupido da pandemia e analizan o escenario que lle espera ao seu sector.


ANTONIO DURÁN, MORRIS

"O sector foi maltratado sempre, non é culpa da pandemia"

MorrisComo a todo o mundo, a Antonio Durán Morris o coronavirus obrigouno a parar en seco, mais recoñece que o "pillou nunha situación persoal" que lle permite "aguantar mellor que outra xente". "Eu terminara varios proxectos e tiña pendente participar nun capítulo en Hierro, cuxa rodaxe se reanuda agora —conta o actor vigués—. Teño outras estreas e tamén un corto no meu pobo, Os Peares (de onde era a súa nai), que se tiveron que suspender. Estou á espera".

Malia que a desescalada xa permite a reanudación dalgunhas actividades, para Morris "a sensación é fastidiada". "Os teatros téñeno difícil polo protocolo, pola xente que poida meterse nunha sala, e, sinceramente, creo que a xente non vai ter a mente para meterse nun lugar pechado, nin nos cines. Á parte que o cine e o teatro teñen algo de socialización que, se se perde, pérdese tamén un pouco o acto en si", comenta o actor.

"De cara a cine e televisión pódese rodar. Eu con Hierro aínda non me explicaron como se vai facer, non teño nin data. Por outra banda, os protocolos encarecen moito as rodaxes porque hai que dedicarlle un tempo a desinfectar os materiais, ás maquillaxes un a un... Pero como lle pasa a toda a sociedade", sinala.

O actor confía en que "a cousa siga indo ben" e amósase convencido de que "no audiovisual a partir de setembro sairán un montón de proxectos porque —asegura— cónstame que moitos guionistas están traballando en mil proxectos alternativos a cousas que xa tiñan para que agora poidan ser máis fáciles de gravar".

Polo que respecta ás queixas do sector, que se considera ignorado polas administracións, Morris matiza que o maltratato "é desde sempre, non especialmente neste momento". Agora, di, "toca aguantar, remar e intentar saír todos disto. As axudas e os investimentos no teatro eran moi curtos e agora van seguir sendo curtos. Non é culpa da pandemia. Ás produtoras máis ou menos medias cústalles moito levantar unha película. É o gran momento das plataformas porque teñen a exhibición garantida e teñen cartos porque teñen abonados. Todo está mudando un pouco".

"Agora toca aguantar, remar e intentar saír todos disto"

Morris insiste en que as súas reivindicacións son "as mesmas que tiña antes" do coronavirus. "Hai moitos técnicos, moitos actores, moita xente que vive ao día, pero calquera sector que fale hoxe en día está moi fastidiado. Á parte de declaracións desafortunadas que houbo polo medio, eu creo que na conciencia do goberno está que non nos quedemos atrás. É momento de que as organizacións profesionais sectoriais que temos reclamen as medidas e as atencións para que isto sobreviva. Non podemos ir moito máis alá", afirma.

Á marxe da súa profesión, Morris, que aproveitou o confinamento para pintar, convida a reflexionar sobre a situación que estamos a vivir. "A min estame costando máis a desescalada que o confinamento. Inquiétame a situación social, laboral... Temos un nivel de vida, de consumismo, que parece que o temos todo e á mínima pode ir todo ao garete. Eu vivo en Vigo e esas imaxes que vin durante o confinamento na miña vida as vira. Son momentos delicados e vemos que non somos imprescindibles neste planeta".

Morris conclúe cun reproche: "As diferenzas entre os políticos mesmo dos distintos países. É incrible que exista unha UE e que en España se aproveite o momento da pandemia para atizar máis".


MARÍA VÁZQUEZ

"Espéranos un ano complicado a todo o país e nós non imos ser menos"

maria vazquez"Parada e intentando pensar novas fórmulas". Así se atopa María Vázquez. "Como a miña parella é actor e director estamos preparando proxectos de teatro, aproveitando que podemos estar xuntos e ensaiar. Polo demais, estamos esperando a ver como se vai desenvolvendo a situación porque está un pouco incerto todo. Na fase dúas reabríronse os teatros, pero está claro que non imos traballar de momento porque abrir ao 30% unha sala non é algo moi viable de cara ao sector. Tamén é verdade que o verán non é unha tempada de teatro, salvo festivais. A intención que temos é volver en setembro con máis ou menos normalidade, pero non se sabe", recalca.

No seu caso, a declaración do estado de alarma colleuna coa adaptación teatral de Fariña en cartel. "Tiñamos agora festivais e cousas que non sei se poderemos facer. Por sorte, o resto de traballos audiovisuais eran para máis adiante, pero agora están máis retrasados aínda porque o primeiro que se vai retomar é o que se paralizou", conta.

"Isto é unha oportunidade para sentar as bases de que mundo queremos"

Eses proxectos audiovisuais pendentes son dúas películas das que non quere falar demasiado pero está convencida de que se realizarán. "Eu teño a confianza en que a cultura, aínda que sexa algo que está bastante esquecido pola sociedade en xeral, é algo moi necesario e non pode desaparecer. Aí imos seguir, pero espéranos un ano complicado a todo o país e nós non imos ser menos. É un sector que nas crises está máis afectado sempre", afirma.

María tamén fai fincapé na necesidade de reflexionar sobre "as necesidades reais da sociedade". "Vexo que a xente empezou con moita conciencia e aínda non rematamos e xa parece que queremos volver ao de antes, a reactivar a economía, que por suposto é necesario, pero esta crise deixou claro que hai moitos sectores que hai que reforzar e que o ben común é o máis importante. A política que habería que facer para coidar o medio ambiente tamén parece que moitos non a queren escoitar. Isto é unha oportunidade para sentar as bases de que mundo queremos, xa non de que país. Preocúpame que non estean todos os políticos nas mesmas a nivel mundial. Vexo que esquecemos moi rápido", lamenta.

A actriz pasou a cuarentena en Santiago, na casa que ten preto do Monte Pedroso. "Estou como nunha aldea. Dentro do malo fun moi privilexiada. Plantamos as nosas cousas na horta e deunos moita vidilla a toda a familia. De feito, agora que podemos saír máis tampouco facemos moitas cousas", confesa.

O seu desexo é que finalice o estado de alarma "para poder cambiar de provincia e ir á miña zona, a Chantada, a Carballedo, e ver a familia, que hai moitas ganas. A ver se cando poida ir xa nos podemos apertar ben". 


CARLOS BLANCO

"Puxemos en marcha un experimento por internet para abrir camiño" 

Carlos BlancoO vilagarciano Carlos Blanco recoñece que o seu é un caso "un pouco atípico" porque, ademais de actor, é empresario. "Eu non fixen ERTE. Tiña moitísimas actuacións con Xosé Antonio Touriñán e houbo que reubicalas, polo que as oficinas tiveron que seguir traballando, readaptando", explica.

De feito, Blanco e Touriñán non só reubicaron as actuacións que tiñan previstas, senón que puxeron en marcha "un experimento por internet de pago", algo totalmente inédito ata o momento. "Estamos ofrecendo un espectáculo que se emitirá o día 6 de xuño ás 22.30 horas. Gravarémolo un par de días antes e emitirase ese día e a esa hora", detalla.

Trátase de Somos criminais, o espectáculo que rexistrou o maior número de entradas vendidas na historia do teatro galego. O aforo da sala virtual estará limitado a 5.000 accesos, con precio de 5 euros. "Xa máis de mil persoas nos compraron entrada e en moitos casos desde lonxe: Inglaterra, Alemaña... Hai moita xente que estaba fóra e non puido volver porque estaba traballando e venlle ben poder ver unha función un día a unha hora exacta. É un experimento que puxemos en marcha máis que nada por abrir un camiño a outros compañeiros que por aí tamén poden probar", comenta.

Á marxe da empresa, Carlos Blanco tamén puido ver como algún dos seus traballos se estreaban durante o confinamento. É o caso da serie La unidad. "Estreouse con moito éxito e renováronnos, o cal está super ben", afirma. E non só iso, "tamén estando confinado me chamaron para un papel nunha serie que se está producindo de cara ao Xacobeo que se titula Tres camiños. E vou rodar agora en xuño, cos protocolos actualizados, con separación...", conta o actor.

Con todo, algún dos seus proxectos si se viron afectados polo parón motivado pola crise sanitaria. "Tiña previsto marchar a México a rodar en agosto unha serie alí, pero non sei se se retrasará ou que pasará porque alí aínda van por detrás de nós. Non sei que decidirá a produtora mexicana", apunta Blanco.

"Neste momento o humor é tan imprescindible como as mascarillas"

O actor e humorista é consciente de que a súa é unha situación moi diferente a doutros compañeiros de profesión: "Eu son un tipo moi privilexiado porque fago monólogos e xa podería actuar. As compañías que teñen moitos actores é diferente. Por outro lado, eu fago humor en moitos casos e se hai algo que se precisa nestes momentos é humor. É tan imprescindible como as mascarillas. A miña visión é menos pesimista que a doutros compañeiros porque a miña posición tamén é un pouco diferente".

O seu lugar de residencia, a Illa de Arousa, tamén lle supuxo un privilexio á hora de pasar os meses de confinamento. "Vivindo aquí, que é un sitio pequeno, con mar, foi bastante máis relaxado. Non me quedou máis remedio que poñerme a limpar e a cociñar e ese tipo de cousas que antes non facía porque non tiña tempo", revela o actor.

Respecto á difícil situación que atravesa o sector ten claro que "sempre foi así". "Que se somos subvencionados? Cando se di mil veces unha mentira chega a crerse. A cultura infelizmente sempre leva as migallas e imaxino que neste caso vai ser así tamén", remata.


ANDREA BAYER

"Hai que reiventarse, pero téñennos que axudar"

JAVI (( le dije que llegarias sobre 11:20-11:30 )) He quedado a las 11 con Andrea Bayer en calle real. Calle real 12 1d de Maria VarelaPara a pontevedresa Andrea Bayer, fundadora xunto a Óscar Ferreira da compañía especializada en teatro infantil Baobab, o estado de alarma non podía chegar en peor momento. "A nós pillounos nos meses de máis traballo, que son marzo, abril e maio. Foi como un shock porque, como a todo o mundo, anulóusenos todo", subliña. "O traballo do verán para nós xa é frouxo porque somos máis de interior e xa contamos con iso, pero agora vén un palazo grande. Agora estamos en cese, con ERTE na xente que traballa con nós... Estamos coa incerteza".

As súas esperanzas están postas en setembro, aínda que as dúbidas son moitas. "Por agora nós non temos nada. Contamos que a nosa actividade empece un pouco despois do verán. O festival das Núbebes, por exemplo, ten aforos limitados. Temos pendente unha reunión co Concello para falar do sector cultural. Non sabemos que vai pasar nin como actuar", di Andrea Bayer.

"Na cuarentena os proxectos culturais salvaron os ánimos de todo o mundo"

Na súa opinión, non queda outra que "reinventarse": "Temos que facer unha nova reflexión e ver outras formas. Sempre hai que adaptarse ás situacións. En Baobab intentamos ser optimistas, facer outras fórmulas. Están pedindo moita cousa en vídeo, pero a min non me gusta. Creo que tanto o teatro como os contos perden, pero é unha maneira, aínda que, para min, puntual. Non creo que poida ser para sempre, senón xa é audiovisual, non teatro. Na cuarentena podía ter sentido".

Aínda que aposta pola reinvención, confesa que desde o punto de vista creativo segue "en shock" e as ideas non flúen en exceso. "Quedei paralizada. Son de retardo. Despois cando xa pasaran un par de semanas empecei a facer algunha cousa para aquí, cos veciños. Pero estou moi descentrada. É unha sensación rara. Ás veces séntome a escribir e algo sae, pero cóstame", admite.

Á hora de reivindicar medidas para o sector non ten dúbidas: "Reivindico que non se esquezan de nós. Foi moi visible na cuarentena que os proxectos culturais, musicais... salvaron un pouco os ánimos de todo o mundo. Claro que temos que ver a forma de reinventarnos, pero téñennos que axudar. Eu se non teño unha axuda terei que pechar. Tamén creo que deberiamos reinvertarnos desde a base, a cultura tería que estar moito máis metida na educación e, por Dios, que baixen o IVE. Non podo entender que o sector cultural sigamos pagando o 21% e a pornografía en cambio pague o 4%. Non se pode asumir ese IVE na cultura".


DAVID AMOR

"Non é o momento de amañar o noso sector nin ningún outro"

David amorTodos os proxectos de David Amor anuláronse a causa da pandemia. De feito, conta o showman pontevedrés, "algúns xa se empezaron a cancelar en febreiro, antes do estado de alarma". De momento, David non ten "nin idea" de que vai pasar con iso, mais, nunha situación na que está en xogo a saúde, as cuestións laborais non son as que máis lle preocupan. "Agora estou parado. Non queda outra. Estamos esperando e tendo claras as prioridades e, desde logo, a prioridade non é se eu podo o non podo traballar", afirma.

Por esa razón, o monologuista rexeita falar do maltrato que sofre o sector. "Paréceme un egoísmo. O noso sector está mal como están moitos sectores. Estamos atravesando unha pandemia mundial. Está morrendo xente en todo o mundo. Isto vai traer unha crise económica e desta sairemos ou sairá xente arruinada e hai que asumilo, pero o que importa agora é que non morra xente. A parte económica interésame bastante pouco. Flípame a xente que está preocupada polo sector. O sector, antes de que empezara isto, estaba mal, non estaba ben estruturado e, se algún día se amaña isto, haberá que pensar nesas cousas, pero creo que non é agora o momento nin do noso sector nin de ningún sector. Estamos nunha crise e a ver como saímos desta, pero non é o momento de estar amañando nada porque non sabemos nada", di con rotundidade.

"Demostrouse nesta crise que somos unha sociedade bastante de merda"

David Amor insiste en que "segue morrendo xente todos os días" e pide "empatía e solidariedade". "A verdade é que estou bastante desencantado de que todo o mundo estea preocupado co que hay de lo mío. Demostrouse nesta crise que somos unha sociedade bastante de merda. O que se dicía da solidariedade é unha gran mentira. Non saímos reforzados. Xa nunca fun moi positivo nin moi esperanzado coa sociedade pero aínda que hai honrosas excepcións, quedou demostrado que como grupo e como sociedade somos uns desastres, uns nenos malcriados. Eramos malos e isto demostra o malos que eramos. Non hai unha ansia verdadeira de mellorar. Antes había vergonza porque morría xente, agora parece que é aceptable que  morran 40 ou 50 persoas ao día e xa vale todo", lamenta.

Aínda que agora xa goza das liberdades que permite a fase 2, David Amor non esquece o confinamento, que pasou en Pontevedra, onde reside. "Leveino mal. Chega un momento que se che acumula. Pásase mal. Imaxino que como o resto da xente. Non podes ver a túa familia, estás preocupado... Son moitas horas ao día", conclúe.

A incerteza reina nos escenarios e platós de Galicia
Comentarios