O insólito caso Antón Fraguas

Polo Correo do Vento adica o segundo número da súa colección protagonizada pola detective Peregrina ao persoeiro de Cerdedo-Cotabade ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas

Volve a detective Peregrina. O personaxe creado polo Correo do Vento, o colectivo autoral que conforman Carlos Taboada e Enrique Mauricio, vive unha nova aventura. Lela Edicións vén de sacar á rúa o segundo título da colección que protagoniza esta rapariga que investiga unha serie de misterios relacionados con Pontevedra e, neste caso, co persoeiro ao que se lle adica o Día das Letras Galegas deste ano, Antón Fraguas.

"A primeira aventura da detective Peregrina que publicamos ["A detective Peregrina e o misterio do torque"] estaba relacionada co Museo de Pontevedra", conta Carlos Taboada. "Agora, aproveitando que Antón Fraguas é o autor ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas decidimos adicarlle este segundo título da serie".

"A detective Peregrina e o insólito caso Antón Fraguas" é un volume de banda deseñada "que conta a historia dunha vila na que comezan a desaparecer os oficios tradicionais", indica Taboada. "O que fará Peregrina será tratar de recuperalos. Porque a detective é unha entusiasta da cultura galega e o día que descobre a obra de Fraguas cambia a súa vida".

CONTACONTOS. Non é a primeira vez que Polo Correo do Vento decide homenaxear ao escritor ou estudoso ao que se lle adica o Día das Letras Galegas ben cun contacontos ilustrado ben cunha publicación. Este último caso deuse o ano pasado, cando Lela Edicións, o selo de Carlos Taboada e Joanna Lorenzo, publicou a primeira biografía para nenos de María Victoria Moreno. Naquel caso, a autora do título foi a propia Lorenzo e a obra foi ilustrada por Tania Solla. Nas súas páxinas inspirouse o mural que Polo Correo do Vento realizou na honra de Moreno na rúa Eduardo Pondal para o Concello de Pontevedra.

De igual maneira, en 2016, Taboada e Mauricio xa publicaran unha biografía sobre Manuel María, autor homenaxeado aquel 17 de maio. Daquela fora co selo editorial Cumio.

"Agora, no contacontos que faremos baseándonos no novo libro incluiremos pinceladas da vida e obra de Fraguas", din os autores.