Intelectuais e políticos lembran a Castelao no 70 aniversario da súa morte

A Fundación Castelao reivindica o seu legado como punto de encontro dos galegos e chama á unidade para impulsar un acto conxunto de homenaxe
O acto de homenaxe contou cunha ofrenda floral no lugar onde repousan os restos de Castelao. EP
photo_camera O acto de homenaxe contou cunha ofrenda floral no lugar onde repousan os restos de Castelao. EP

Escritor, político, artista, intelectual. Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao dedicou a súa vida á causa de Galicia en todas as facetas que compoñen a súa polifacética biografía, e 70 anos despois da súa morte no exilio é lembrado de forma "indubidable" como a "gran figura" da construción de Galicia respectada desde todos os ámbitos sociais. Este martes, no ano no que tamén se cumpre o centenario da Revista Nós, na que Castelao era director artístico, e da mostra na que se puido ver por primeira vez o seu traballo no Álbum Nós, intelectuais e políticos reuníronse na Igrexa de San Domingo de Bonaval para render homenaxe ao autor de Sempre en Galiza.

Miguel Anxo Seixas Seoane, vicepresidente e secretario da Fundación Castelao, foi o encargado de conducir o acto, no que reivindicou o simbolismo da figura do escritor e político, da que Galicia é "máis debedora", e aludiu especialmente ao seu papel no Álbum Nós como "debuxante crítico" e "pensador", plasmando "o súa particular diagnose da realidade". 

Neste sentido, incidiu en que Castelao, autodidacta, liberal e demócrata, era precisamente quen máis se diferenciaba do grupo de pensadores que estaba detrás desta publicación (coñecidos como a 'Xeración Nós'), na súa maioría conservadores e católicos. A pesar diso situouse como unha figura esencial que é necesario evocar neste centenario da revista. 

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou pola súa banda a importancia de "darlle a relevancia que tivo a súa persona, a súa obra" como unha "referencia" nos acontecementos históricos que lle tocou vivir e que viviu "para Galicia e para a nosa terra". 

Unha figura que tivo "un papel transcendental" na conformación da Galicia moderna, na vida política e cultural de España e na Galicia do exilio, do exterior, onde segue sendo unha referencia ética e cultural en todos os lugares nos que o seu percorrido vital deixou unha pegada.

UNHA "GRAN" HOMENAXE UNITARIA. O acto de homenaxe, que contou cunha ofrenda floral no lugar onde repousan os restos do intelectual, congregou a diversos representantes do panorama político e social galego, como o propio Valentín García, ou Teresa Táboas e Xesús Palmou. 

A pesar diso, o propio Seixas Seoane considerou "curioso" que unha figura tan "indiscutible e incuestionable" por todos os sectores galegos non reciba unha homenaxe "colectiva" que conte cunha participación unitaria da sociedade. Así, sentiuse responsable de non ser capaz de conseguir "esa amálgama de xente" e de representantes sociais, aínda que trasladou a súa vontade e desexo de lograr "nun futuro" un gran acto conxunto que permita conxugar todas as sensibilidades ao redor dun símbolo, o propio Castelao, no que todos teñen "cousas en común". 

Comentarios