ENTREVISTA XX

"A interpretación é un traballo que me fascina e me nutre"

Fundadora da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación, María Reimóndez tenlle posto voz a Michael Douglas ou a Mira Sorvino. En Pontevedra, ao arquitecto David Chipperfield.
 
María Reimóndez (Lugo, 1975). RAFA FARIÑA
photo_camera María Reimóndez (Lugo, 1975). RAFA FARIÑA

Como se fixo vostede intérprete? 
Cando tocou escoller que estudar nesas idades nas que che toca facelo, eu xa tiña claro que me gustaban os idiomas. A disxuntiva estaba entre Filoloxía e Tradución. Tradución acababa de empezar a impartirse na Universidade de Vigo: eu son da segunda promoción. Pareceume máis interesante e matriculeime nela porque pensei que me daría máis oportunidades de viaxar e de coñecer cousas novas. Aínda que a maior parte do programa estaba enfocado á tradución, souben dende o principio que eu ao que me quería dedicar era á interpretación. Tíveno moi claro. Igualmente fago tradución literaria e comercial, pero o que me gusta de verdade é interpretar. É o meu traballo, un traballo que me fascina e me nutre e que fai que teñamos, as que o eliximos, unha vida moi tola, pero tamén moi rica.

De todo o espectro que pode incluír a tradución e a interpretación, o de facer interpretación simultánea parece o máis complexo. 
Si que é complexo, do máis complexo que pode enfrontar o cerebro humano: tes que estar escoitando e falando ao mesmo tempo, e facer todos os procesos mentais aos que obriga pasar dunha lingua a outra en cuestión de décimas de segundo. Require moita concentración e é moi cansado. Pero todos os traballos son complexos na súa dimensión e todos requiren ter unhas capacidades concretas. Este ten a particularidade do estrés. Hai que ter unha certa temperanza para facelo porque poden pasar mil cousas inesperadas. E porque moitas veces tes que enfrontar situacións de gran responsabilidade ou emocionalmente complexas ou delicadas. E tes que estar no espazo público, moi exposta, aínda que parezamos invisibles. 

Cando se escoitan traducións simultáneas, moitas veces dá a sensación de que se fan como a cachos. É difícil fiar un discurso cando se está traducindo outro idioma?
Nós dependemos moito de como falan as persoas. Se unha persoa fala ben, é moito máis fácil de interpretar aínda que trate temas complexos. E ao revés: unha persoa que fala mal, que non acaba unha frase e fai un discurso sen ningún sentido da lóxica, é unha dificultade que hai que superar. Á parte diso, tamén depende da distancia que haxa entre os pares de linguas involucradas na interpretación. No meu par máis habitual, que podería ser o das linguas inglesa e galega, dáse a circunstancias de que nas linguas romances tendemos, en xeral, a expresarnos con frases moi longas e dando moitas voltas. Unha boa intérprete ten que trasladar iso a un inglés intelixible. Xa non digamos se falamos do alemán, que ten unha estrutura completamente distinta. En definitiva, o que ten que facer unha intérprete é dominar moi ben a lingua. E o problema que temos co galego é que moitas veces as persoas que teñen que facer unha interpretación non teñen os recursos para facelo. A diferenza do traballo escrito, aquí a lingua ten que estar viva na túa cabeza. Porque nese momento non podes mirar no diccionario. O que sexa ten que saír inmediata e directamente de ti.

A nivel institucional, en Galicia o noso traballo non está nin recoñecido, nin visibilizado, nin respectado.

Fálase antes coa persoa que se ten que interpretar?
Depende da circunstancia. Hai veces que tes a oportunidade de falar coa persoa, outras veces para nada. Date conta de que traballamos en contextos moi diferentes. No meu caso, dende en congresos científicos nos que fala moita xente e sería imposible facer iso, ata en actos do Placemaking Europe en Pontevedra, nos que si que podes previamente falar coas persoas. No noso traballo tamén hai unha parte moi importante de preparación previa. Por exemplo, no meu caso, ao traballar en cousas bastante especializadas de medicina, require estudar moito e dunha maneira moi específica. 

Está suficientemente valorada a súa profesión?
Para nada. É verdade que, cando fas un bo traballo, a xente acostuma a recoñecelo in situ e mesmo te vén a felicitar. Pero hai outro nivel, máis no caso do galego, que ten que ver co institucional, onde o noso traballo non está para nada nin recoñecido, nin visibilizado, nin respectado. A Xunta de Galicia finanza congresos disto e do outro constantemente, pero non asume a súa responsabilidade co idioma e non fai por que as persoas galegofalantes poidan usar a súa lingua neles, algo que se conseguiría a través do uso de intérpretes. Despois, en contextos especialmente complexos, como as comisarías, os hospitais ou os xulgados, moitas veces emprégase xente que non ten competencias en galego. Todo isto non está regulado e fai a nosa función moi difícil. Ás veces escoitas cousas que che dan dor de oídos ou ves a persoas facendo un traballo que non lles corresponde porque, no canto de contratar a unha intérprete, sabendo que o noso servizo non é un servizo barato, chaman a calquera que fale, eu que sei, inglés poñamos. Volvendo a eses contextos especialmente delicados dos que falabamos antes, as consecuencias que pode ter isto son tremendas. Porque non se trata só de saber vocabulario. Un profesional da interpretación manexa toda unha serie de ferramentas a maiores. Ti imaxina que alguén te chama para comunicarche un falecemento e che di: "Pai, morte, etc." no canto de comunicarcho como é debido. O mesmo é se lle tes que comunicar a unha persoa que está detida ou cuestións semellantes.

Fíltrase algo da súa faceta como intérprete á súa faceta como escritora?
Moitas cousas. A miña profesión de intérprete conéctame con moitísimas cousas e con moita xente moi diferente. Cada día estás con algo diferente. Ademais, accedes a moita información, que doutra maneira non terías. No meu caso, por exemplo, coñecer á adestradora canina Turid Rugaas, para a que fixen de intérprete nun curso, marcoume moito. E está no xermolo de toda a serie de novelas O ciclo dos elementos. Aparece en As estacións do lobo e En vías de extinción. Ou cuestións científicas que aparecen en Cobiza, que é unha distopía, están moi relacionadas con cousas que descubrín a partir do meu traballo como, por exemplo, como se rexenera o óso humano con principios vexetais. 

Comentarios