Invocando a Moloch

Laura García, Violeta Mosquera e Andrés Martínez renden homenaxe ao poeta Jorge Cuña cunha banda de rock progresivo e experimental que este luns presentou o seu primeiro disco
Laura García, Violeta Mosquera e Andrés Martínez, de esquerda a dereita, o luns, durante o concerto de Moloch no Teatro Principal. RAFA FARIÑA
photo_camera Laura García, Violeta Mosquera e Andrés Martínez, de esquerda a dereita, o luns, durante o concerto de Moloch no Teatro Principal. RAFA FARIÑA

Moloch. Deus dos fenicios e dos sirios, símbolo do lume purificador. Moloch. Demo próximo a Satán que encontra pracer en facer chorar ás nais roubándolle os fillos. Moloch. Segundo libro publicado por Jorge Cuña, poeta maldito pontevedrés, rebelde e anárquico, fillo do tamén autor Manuel Cuña Novás. Moloch. Banda de rock progresivo e experimental nacida para homenaxear a obra de Jorge Cuña ao abeiro da Fundación Cuña-Casasbellas, que agora publica o seu primeiro disco.

"Do que se trata é de revivir a palabra do poeta a través da música"

"Coller os versos dun poeta como Jorge Cuña para traballar con eles para nós xa era algo experimental. Ningún fixera nada parecido antes", conta unha das integrantes da banda, Laura García. "Pero é que, ademais, unha vez que os lemos, vimos que pedían unha certa estrutura experimental". Desa constatación saíu o son de Moloch. Este luns, dentro da programación do XV Brumario Poético, que organiza a Fundación Cuña, a banda presentou en directo o seu primeiro álbum. "Xusto un ano despois de ter creado o grupo".

Xusto antes do Brumario Poético de 2018 foi cando a fundación que vela polo legado da familia Cuña pensou que sería interesante musicar algúns poemas de Moloch, título publicado en 1977 por Jorge Cuña (Vigo, 1945-Pontevedra, 2004). Encargáronse de facelo tres músicos afincados na cidade, que militan en diferentes bandas e que son mestres no Estudio Bonobo: a vocalista, baixista e guitarrista Laura García (Monrovia), a batería Violeta Mosquera (Bala) e o pianista Andrés Martínez. "Aí xurdíu a idea. Pero, co paso do tempo, seguimos indagando e profundizando máis neste proxecto e acabou saíndo un disco completo, este que presentamos agora xunto á reedición do poemario de Jorge Cuña, que cobra unha nova vida despois de todo isto. Era un pouco do que se trataba, de revivir a palabra deste autor a través da música", explica a vocalista, que ademais avanza que o proxecto musical quere ter continuidade. "Queremos facer máis cousas. O sábado que vén estaremos tocando pola noite [22.00] no bar O Diaño [Charino]. E estamos planificando máis cousas para presentarnos en Galicia e en Madrid".

Comentarios