Invocando a Edgar Allan Poe

Os poetas Tamara Andrés e Marcus Daniel Cabada lanzan a revista literaria Ligeia dende Pontevedra ▶ "O noso é un sentimento de nostalxia por estas publicacións"

Marcus Daniel Cabada e Tamara Andrés, a comezos deste ano, na Libraría Paz. OLGA FERNÁNDEZ (ARCHIVO)
photo_camera Marcus Daniel Cabada e Tamara Andrés, a comezos deste ano, na Libraría Paz. OLGA FERNÁNDEZ (ARCHIVO)

Ligeia é o título dun relato curto de Edgar Allan Poe publicado en 1838. "Buscamos esa idea de muller antiga, etérea, sen rostro...", di Tamara Andrés. "Foi idea de Marcus Daniel Cabada". Eles dous, Andrés e Cabada, poetas pontevedreses, están detrás do proxecto dunha nova revista literaria bautizada precisamente así, Ligeia.

"O noso é un sentimento de nostalxia por este tipo de publicacións. Por iso foi que, de xeito un tanto irreflexivo, sen pensalo moito, nos propuxemos recuperar o espírito daquelas revistas literarias antigas que existían, sobre todo, en Francia", conta a cofundadora da cabeceira. A revista propón, segundo din os creadores, un achegamento "á esencia de cabeceiras fundamentais para a literatura do século XX", como son Litoral, Mediodía ou Gallo. "A nosa fin sería, en principio, recompilar o que se está a facer no mundo da cultura galega, manténdonos abertos tanto a España como a Latinoamérica".

Abertos á literatura, en Ligeia din estar centrados, en principio, "nos ámbitos creativo e académico", indica Andrés. Polo demais, as súas aspiracións son as de manterse no tempo. "Non temos ningún tipo de fin comercial. Todo o diñeiro que se recade a través da venda destinarase a sufragar os gastos da edición". Sorprende precisamente iso: unha edición en papel. "Ten que ver con iso da nostalxia á que me refería antes. Nós aínda somos xente de papel".

Publicación de carácter bilingüe, a aposta pola variedade de autores que reúne, polo menos no primeiro número, é evidente. "Teñen idades comprendidas entre os 15 e os 83 anos".

CONTIDOS. Os contidos van da poesía contemporánea ao xornalismo pasando pola investigación académica. O obxectivo final: "tender pontes entre as culturas e as xeracións do máis local ao máis universal, sempre dende unha concepción poética, estética e moral".

Se Tamara Andrés e Marcus Daniel Cabada exercen como directores, Paula Estévez faino como directora artística. Tamén colabora con eles, o poeta e crítico sevillano Pedro Luis Ibáñez Lérida, como parte do consello editorial.

Ligeia defínese como "libre, independente, plural e apolítica", ao tempo que asume como "valores de identidade": curiosidade, xenerosidade e "bo facer común".

O seu primeiro número levará como título Recuperar as mans e inclúe traballos de escritores, poetas, profesores, investigadores, xornalistas, artistas, fotógrafos, tradutores e críticos. Entre os distintos apartados nos que está dividido destacan os adicados á poesía galega (coa participación de autores como Emma Pedreira, último Premio da Crítica Española); á poesía hispanoamericana (con autores como Silbio Mattoni, Liliana Díaz Mindurry ou Winston Morales), e á poesía hispanomagrebí (editándose de xeito anexo unha microantoloxía periódica de autores magrebíes en lingua hispana).

Ligeia apostará tamén polo xornalismo cultural con entrevistas e reportaxes, pola investigación (publicando, por exemplo, en colaboración co Centro de Estudos Galegos da Universidade Christian-Albrechts de Kiel, Alemaña, un traballo sobre Neira Vilas) e pola difusión de obras inéditas.

70 autores de 14 países distintos

O primeiro número de Ligeia, que está previsto que saia á rúa a mediados do mes de xuño, contará coa sinatura de 70 autores procedentes de 14 países diferentes, entre eles, Alemaña, Marrocos, Estados Unidos, Arxentina e Francia.

Entre os autores que participan están Lucía Novas, Eli Ríos, Emma Pedreira e Iria Collazo. Ademais, inclúese un perfil de Xosé Manuel Beiras e un In Memorian de Juan Gelman; un repaso á figura de Rosalía de Castro e entrevistas a Xosé Mexuto, Keith Payne, Piedad Bonnett e Óscar Hahn.

Cunha periodicidade cuadrimestral, o obxectivo dos seus creadores é que estea á venda nas librerías. O seu prezo será de 4,50 euros, "que se destinarán integramente ao financiamento da edición", indica Tamara Andrés.

Ademais, os seus contidos poderanse consultar de xeito gratuíto na web .www.revistaligeia.com.

 

Comentarios