miércoles. 12.05.2021 |
El tiempo
miércoles. 12.05.2021
El tiempo

Iria Pazos sobe ao tren

Unha das fotos de Iria Pazos incluída no libro. MIGUEL VIDAL
Unha das fotos de Iria Pazos incluída no libro. MIGUEL VIDAL
Publica o poemario 'Largo tren nocturno', no que establece un diálogo de palabras e imaxes con Antón Sobral, Jorge Valenciano e Miguel Vidal

A realización dunha curtametraxe reuniu, no verán de 2019, á escritora e modelo pontevedresa Iria Pazos con dous creadores, o marinense Antón Sobral e o ourensán Jorge Valenciano. Aquela colaboración deu pé a unha serie de conversas sobre poesía que cristalizaron agora nun libro, autoeditado, Largo tren nocturno. Comeza así: "quiero bailar y que me fotografíen/ hasta que me certifiquen/ mi existencia porque me alejo me extirpo/ de mi mísera esencia de mi mismo/ sentido implícito".

Antón Sobral explica que o encontro entre todos os autores se producíu a partir dun proxecto audiovisual. "Jorge Valenciano e máis eu tivemos unha idea para unha mediometraxe e eliximos a Iria como protagonista". Gravado en distintos espazos de Portugal, ese traballo está agora en fase de montaxe á espera de moverse por festivais, segundo din os seus responsables. "É unha peza lenta, reflexiva e un tanto experimental", segue a explicar Sobral, que conta como o libro que agora publican complementa o filme. "De feito, o guión está baseado nos textos poéticos que publicamos". 

A partir de 40 poemas que Iria Pazos tiña escritos, Sobral e Valenciano realizan unhas réplicas, tamén poéticas: un contéstalle a 20 pezas e o outro a outras 20. O libro complétase cunha serie de fotografías que o pontevedrés Miguel Vidal lle realizou á propia Iria Pazos no mesmo verán no que se realizou a curta.

"Gustoume dende o primeiro momento a autencidade desta rapaza, a frescura da súa visión. Jorge e eu contestámoslle coa idea de manter un diálogo aberto, interxeracional e transversal", conta Sobral. "Creo que aquí os tres nos deixamos levar pola emoción e pola paixón, non pola razón. Incluso as imaxes de Miguel Vidal encaixan nisto que che digo. A min sempre me gustaron especialmente os libros de poesía con imaxes e contar coas de Miguel é un luxo. Porque as fronteiras entre as artes non existen. Para min é o mesmo a pintura, a poesía e a fotografía". 

O título ten que ver con esa fragmentación da realidade que se dá a través das xanelas dos trens. O libro quere evocar algo diso

FILILOXÍA. Iria Pazos, escritora e modelo, na actualidade estudante de Filoloxía Hispánica en Madrid, debuta como autora neste volume, "aínda que como estudante xa tiña participado en antoloxías anteriormente". Sobre os poemas dos que partiu o libro, explica que son textos curtos "intensos e variados", escritos entre 2017 e 2019. "Sorprendeume moito que Antón Sobral e Jorge Valenciano os entenderan tan ben, que me captaran a pesar de que ás veces se pode pensar que trato de esconderme na linguaxe". Sobre a aposta por Miguel Vidal: "simplemente é un dos fotógrafos que máis me interesan en Galicia". 

Sobre o título do libro, a autora di que "ten que ver con esa fragmentación da realidade que se dá a través das xanelas dos trens, con esas imaxes curtas que che chegan cando está en movemento. O libro pretende evocar algo diso. A edición de Largo tren nocturno sairá para repartir "entre amigos e libreiros de confianza". 

Iria Pazos sobe ao tren
Comentarios
ç