Isaac Cordal protagonizará a primeira residencia artística da Illa das Esculturas

O creador pontevedrés intervirá no espazo da Xunqueira e na cidade entre o 15 e o 29 de setembro
Obra de Isaac Cordal no encontro finlandés de Lapinjärvi Landart en 2019. © ISAAC CORDAL
photo_camera Obra de Isaac Cordal no encontro finlandés de Lapinjärvi Landart en 2019. © ISAAC CORDAL

A primeira residencia artística vinculada á Illa das Esculturas, promovida polo Concello de Pontevedra, terá lugar este mes de setembro e como protagonista ao creador Isaac Cordal (Pontevedra, 1974). "Levabamos tempo detrás del; vimos a oportunidade agora e aproveitámola", explicou a concelleira de Cultura, Carme Fouces, na presentación da actividade, vinculada á posta en valor deste museo ao aire libre que está levando adiante a Concellería de Patrimonio, a cargo de Xaquín Moreda. Ata o momento realizouse unha limpeza das doce pezas (entre as que hai traballos de Robert Morris ou Richard Long) e un acondicionamento da súa contorna. Para final de ano queda o desenvolvemento dun roteiro en forma de podcast e a publicación dunha guía didáctica.

Segundo explicaron os dous concelleiros, a residencia terá como sede central o Pazo da Cultura, que o artista usará como taller. As intervencións realizaranse despois na Illa das Esculturas e en distintos espazos da cidade. "A idea é que traballe sobre o terreo con total liberdade", dixo Moreda, que tamén anunciou que tanto o proceso artístico como as intervencións efémeras quedarán recollidas nun documental, que realizará Lois Cid

O concelleiro de Patrimonio informou de que a residencia incluirá tres actividades complementarias: un encontro do creador con alumnado de Belas Artes, facultade na que el se formou; un roteiro polas intervencións, unha vez que estean instaladas, "para que o autor poida falar da conexión entre o espazo e a obra", e a proxección do documental de Cid.

Pola súa banda, Carme Fouces quixo destacar a conexión desta residencia coa facultade de Belas Artes, o feito de que o creador pasase polo centro e a visita que o alumnado realizará ao seu taller. "A colaboración coa facultade está cada vez máis asentada", sinalou ao lembrar que esta mesma semana se inaugurou no Pazo da Cultura a exposición Do final e do comezo, con Traballos de Fin de Grao do alumnado do campus.

Isaac Cordal é un dos artistas pontevedreses contemporáneos que conta cunha maior proxección internacional. Ten intervido en distintas cidades de todo o mundo (Barcelona, Londres, Amsterdam, Berlín, Bogotá, etc.) e participado en diferentes encontros de land art. Vive entre Bilbao, Bruxelas e Pontevedra, e combina no seu traballo fundamentalmente escultura e fotografía. Entre os temas sobre os que propón unha reflexión a través das súas obras están o fracaso da clase política, o cambio climático ou a falta de liberdade.

Comentarios