Isaac Díaz Pardo: ''Ahora se intentan hacer cosas nuevas sin tradición y sin futuro''

Díaz Pardo, nunha imaxe de arquivo (Otto. AGN)
photo_camera Díaz Pardo, nunha imaxe de arquivo (Otto. AGN)

Partir da tradición para dialogar co mundo. Con esta idea xurdía no ano 1963 da man dos exiliados galegos o Laboratorio de Formas, capitaneado por Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Andrés Fernández-Albalat. O Laboratorio de Formas conectaba con outras iniciativas de vangarda, como a Bauhaus, Ulm, ou Vkhutemas, aínda que botaban man das formas propias da cultura galega para achegarse á modernidade.

Dende o deseño, buscábase recuperar a identidade de Galicia e para iso artelláronse proxectos como o grupo de empresas Sargadelos, a renovación de Cerámicas do Castro e a recuperación da cerámica de Sargadelos, amais de poñer en marcha o Museo Carlos Maside, Ediciós do Castro e a restitución do Seminario de Sargadelos, dedicado á investigación en materiais e deseño para levalos á cerámica.

O Laboratorio de Formas vén de ser recoñecido co Premio Nacional da Cultura Galega na modalidade de Iniciativa Cultural, por darlle continuidade ao Seminario de Estudos Galegos e polo carácter de identidade e modernidade que lle imprimiron os seus creadores.

Pregunta: Que significa para vostede recibir este premio neste momento concreto?

Resposta: Para min e para os demais compoñentes é unha satisfacción que se acorden de recoñecer a obra que fixo o Laboratorio de Formas, que non son soamente eu: está Fernández-Albalat polo medio, está tamén a Fundación Luis Seoane... Eu non son maioritario. Paréceme lóxico que lle dean o Premio, pero lamento que non estea Seoane para ver isto, porque é o personaxe máis importante neste asunto.

P: Considera que é un premio case póstumo? Porque o Laboratorio non vive o seu mellor momento...

R: Póstumo, non, porque o Laboratorio segue vivo. O Laboratorio fixo moitas cousas, o único que hai é no que afecta ás fábricas de cerámica que están querellados os dous administradores por unhas trampas que fixeron. Pero polo demais, o Museo Carlos Maside segue sendo do Laboratorio, Ediciós do Castro segue sendo do Laboratorio, o Seminario de Sargadelos... A actividade cultural segue sendo do Seminario. Os outros só foron polo diñeiro, cheos de envidia e de ignorancia.

O futuro do Laboratorio
P
: Velle continuidade ao Laboratorio nun futuro?

R: Supoño que non. Hai un proxecto agora cunha das consellerías para facer unha fundación que recolla todo e pode que as cousas vaian para diante, pero non se sabe é o que pode pasar nun futuro, porque pode vir un terremoto e botalo todo a rodar.

P: Naqueles anos 60 en que se creou o Laboratorio, Galicia tentou situarse na vangarda, cre que dende aquela houbo outros intentos co mesmo interese?

R: Eu diría que non. Estamos nunha situación difusa que non se sabe por onde vai ir, porque se está abandonando a recuperación da memoria histórica e xa pouco queda de que se recorde por exemplo a Castelao. As cousas que se están facendo teñen un defecto, que é que carecen de antecedentes históricos, abandonaron os antecedentes históricos. Iso por un lado.

E logo, en coñecemento da modernidade, non vexo que haxa unha manifestación, porque a xente descoñece algunhas das iniciativas máis importantes, como a Escola de Ulm. Hai unhas fallas aí producidas porque tratan de facer unha cousa nova sen tradición e sen futuro.

A importancia do Museo do Pobo
P: A quen lle daría vostede o próximo premio á Iniciativa Cultural?

R: Daríallo ao Museo do Pobo Galego.

P: Que xa levou o de Patrimonio...

R: Si, pero daríalle o premio de Iniciativa Cultural. O Museo tamén ten que ver moito co Laboratorio de Formas. O Museo do Pobo Galego foi unha idea que levou a un congreso de deseño industrial o arquitecto Gallego Jorreto, que tamén está premiado. Así que as cousas andan todas polo mesmo sitio, eh? Todo isto xúntase: o Museo do Pobo Galego, o Laboratorio de Formas, Gallego Jorreto... porque todo andaba nunha idea de crear unha cousa sostida.

Comentarios