martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

ISAAC XUBÍN, ESCRITOR

"A min o que me gusta é tirar anzois"

Isaac Xubín (A Coruña, 1978), en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Isaac Xubín (A Coruña, 1978), en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Publica 'Os largos e longos campos de liño azul', tras gañar o Premio da Crítica coa súa primeira novela. E move marcos con O Leo

Quen é O Rubio, ese interno 500-B a través do que introduce ao lector na súa nova novela?
O Rubio é un personaxe que enfía todas as voces que aparecen na novela. De xeito paradoxal, é un home que non sabe nin quen é nin onde está porque non ten memoria.

"Podería dicirse que carece de alma", diagnostícao un médico.
Investigando para este personaxe descubrín ata que punto este tipo de enfermidades cognitivas tan extremas transforman ao individuo. É dicir, descubrín que as memorias son algo fundamental na nosa identidade. Esta é a conclusión á que chega o doutor: non ten memoria, logo non ten personalidade, logo non ten alma.

A editorial Galaxia di que a novela é un crebacabezas.
A min o que me gusta é tirar anzois. Moitos. Por iso esta novela tamén é tan coral, con tantas voces e protagonistas. Si que podería ser un crebacabezas porque, como xa fixen na primeira novela, este é o xogo o que propoño: o de ir presentando situacións que despois, pouco a pouco, o lector pode chegar a colocar no sitio que lle corresponden.

"Co Leo o que fago é 'mover os marcos' das literaturas, sacar aos autores do seu contexto, mesturar a Rivas con Behan"

Enseguida aparecen as pistolas na novela. A violencia está aí, aínda que non se recree nela.
Penso que na primeira novela, en Non hai outro camiño (Xerais, 2016), era máis palpable. Iso pretendía. Pero nesta outra, Os largos e longos campos de liño azul (Galaxia, 2019), o que se percibe é a violencia que latexa na sociedade. E que non ten que ver co uso directo das armas.

"Entre a liberación e a fuxida, (...) cómpre escoller a liberación", escribe ao final da primeira parte do libro. É o que pensa o autor?
Esa é unha cuestión que se presenta moitas veces na novela. E precisamente por iso, entre outras cousas, podería dicirse que este título forma un conxunto coanterior. Non é que sexa unha segunda parte, pero si que existen unha serie de paralelismos entre un e outro. Aquí, neste, temos a un grupo de xente que está nunha encrucillada e que se ve na obriga de tomar unha decisión. A clave é como pensan executar esa opción que se ven obrigados a tomar. Establécese entón a diferencia entre o que é ser un traidor e ser un tramposo.

Os largos e longos campos de liño azul existen? Están inspirados nun espazo real?
Se che digo a verdade, o único nexo coa realidade, a única fonte da que bebín aí, é un poema de Anxo Angueira, O liño de María, que penso que está no libro O valo de Manselle. A alguén coma min, urbanita, de cidade, ese xeito tan apaixonado de falar do mundo rural acaba calándolle. No meu caso, foi moi impactante a imaxe de Anxo Angueira recitando este poema. Quedou dentro de min.

Falando de coincidencias entre Non hai outro camiño e Os largos e longos campos de liño azul, está o amor polo detalle. Segue a ser a súa unha literatura concienzuda na que mesmo se describe, case punto por punto, como se fai unha robaliza ao forno.
Si (ri). Nesta novela introducín a teima gastronómica. Pero hai outros asuntos que son moi importantes para min, como o rugby, por exemplo, que non aparecían na primeira novela e aquí si. Gústame incluir un montón de detalles que despois lle piden ao lector que sexa activo. Quizais isto lle custe un pouco ao principio, pero se segue recollendo as referencias que lle vou deixando, ao final, el constrúe a historia. Volvemos ao crebacabezas de antes: ao final é o lector o que vai reunindo as pezas que lle fun dando para montalo. Esa é a idea.

Igualmente, como na primeira novela, un ten a sensación de que a súa narrativa ten moito de metáfora permanente, de que, en realidade, está a falar doutra cousa.
O outro día falábao con Ismael Ramos, o editor. Eu creo que isto é algo que lle pasa a todos os escritores. Ás veces comezas a escribir algo porque queres contar unha anécdota ou porque queres denunciar unha situación ou porque queres compartir a beleza de algo... Pero, cando o argumento vai collendo forma, acabas esquecendo aquela dobre intención. Ao final, a historia imponse dalgún xeito á militancia.

Con Non hai outro camiño gañou o Premio da Crítica Española á mellor novela en lingua galega. Ese galardón pesou á hora de poñerse a escribir a segunda?
Home, en certa forma si, porque cando menos sabes que houbo xente que te leu e que valorou o que fixeches. Iso deixa un pouso. Aínda que realmente esta novela que sae agora comezou a escribirse antes, así que tampouco podo dicir que fose determinante. En realidade, non creo que ningún escritor se vexa realmente condicionado por un galardón. Penso que escribiría esta novela exactamente igual pasase o que pasase con Non hai outro camiño.

O 20 de febreiro (20.00 horas) presentará o libro na Casa das Campás. Pero tamén acaba de estar no Liceo Mutante co seu espectáculo con O Leo, Movemarcos, que se volverá ver o 21 de febreiro (21.00 horas) no pub Modus Vivendi de Santiago.
Este é un proxecto que naceu a raíz dunha conversa co Leo sobre o diálogo que poden manter entre si textos e músicas de determinadas xeografías. Facemos iso: mover os marcos para ver o que pasa. Sacamos aos autores do seu contexto. O resultado penso que é moi interesante e moi bonito. Porque se ti xuntas a Manuel Rivas con Brendan Behan, os seus textos adquiren unha dimensión diferente. Elévase á potencia o seu significado.

"A min o que me gusta é tirar anzois"
Comentarios