Ismael Ramos e Ana Garralón estarán no V Congreso de Mediación Lectora de Pontevedra

O evento, que recupera os obradoiros presenciais, contará cunha intervención en liña do pensador Francesco Tonucci 
Francesco Tonucci nunha visita a Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Francesco Tonucci nunha visita a Pontevedra. DAVID FREIRE

O V Congreso de Mediación Lectora de Pontevedra, que se desenvolverá ao longo de tres xoves, entre o 20 de abril e o 4 de maio, recupera os obradoiros presenciais, que se vira obrigado a suspender pola pandemia. Na nova edición celebrará ata unha ducia deles: catro diferentes en cada xornada. 

Ademais, o evento contará coa presenza de dous premios nacionais: o galego Ismael Ramos, que foi Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández o ano pasado por Lixeiro (Xerais, 2022), e a madrileña Ana Garralón, que foi Premio Nacional de Fomento da Lectura en 2016 (xunto coas librerías de La Conspiración de la Pólvora) polo seu blog Anatarambana Literatura Infantil. Ramos será o encargado de inaugurar o congreso o xoves 20 de abril, mentres que Garralón intervirá o día 27.

Na xornada de clausura o relator estrela será o pensador e psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, autor do libro A cidade dos nenos, no que propón a idea de que o progreso das cidades se vincule á crianza e que en diferentes ocasións relacionou co modelo urbano de Pontevedra. Tonucci, que visitou a capital da provincia varias veces, desta volta realizará unha intervención en liña. 

A maiores, o congreso contará coa presenza de dous representantes do país convidado do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra (evento ao que está vinculado) deste ano, Colombia. Trátase do divulgador especialista en Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) Diego Alejandro Ruiz e da narradora oral Carolina Rueda. O primeiro falará de A lectura como transformación social en Colombia. A segunda, que xa visitou Pontevedra en 2019 para participar no festival Sete Falares, impartirá un obradoiro.

Finalmente, tamén protagonizarán unha palestra Paco Veiga e Manuela Vázquez Coto. Falarán do patrimonio lúdico galego. Tamén impartirán obradoiros Hematocrítico (autor) e Raquel Queizás (contadora), entre outros. 

O prazo de inscrición para as 100 prazas dispoñibles ábrese hoxe ás 12.30 horas tanto para público en xeral como para profesorado en activo (plataforma fprofe código P2214002).

Comentarios