Ismael Ramos: "Os meus protagonistas son en realidade secundarios"

"E entón, cal é a parte fácil?", pregunta un personaxe de Ismael Ramos falando de escribir unha novela. O autor, Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, escolleu esa idea para titular o que é o seu debut na narrativa, o libro de relatos A parte fácil. Este xoves presentouno na librería Cronopios de Pontevedra.
 
O escritor Ismael Ramos na librería Cronopios de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera O escritor Ismael Ramos na librería Cronopios de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

"Dá igual o que escribas, o poeta sempre está aí", afirma Ismael Ramos (A Picota, Mazaricos, A Coruña, 1994). Gañador do Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández do ano pasado, por Lixeiro (editado en galego por Xerais e en castelán por La Bella Varsovia), o escritor vén de debutar na narrativa con A parte fácil (Xerais, 2023). Este xoves presentouno na librería Cronopios de Pontevedra nunha conversa, aberta ao público, coa xornalista Susana Pedreira de Onda Cero.

Que textos son os que reuniu nesta colección de relatos?
Son oito contos que fun escribindo ao longo dos últimos tres anos e que comecei durante o confinamento. A idea principal que os fía é que os seus protagonistas son en realidade personaxes secundarios. Nunca o grande acontecemento do conto lles sucede a eles. Sempre son vítimas colaterais. Interesábame moito ver que acontece coa xente que está ferida polo drama doutros. Como se convive con iso?

Son relatos interconectados, certo?
Si, era outra das cousas que me gustaba facer, presentar unha serie de personaxes e que despois fosen medrando. Son relatos nos que os protagonistas comezan sendo adolescentes e rematan tendo case 30 anos, a miña idade. Interesábame moito acompañalos nese arco temporal no que parece que nos vemos obrigados a conformarnos como persoas adultas nun mundo que, en realidade, é moi incerto. Ao mesmo tempo penso que é unha idade na que somos más conscientes que nunca dos límites que nos veñen impostos polo que sexa: clase, orixe... É un momento clave na vida da xente.

Un nunca quita o traxe de poeta. Eu sigo crendo que a poesía é o xénero literario no que a linguaxe acada o seu grao máximo de experimentación e de liberdade

Os seus protagonistas están marcados por cuestións de clase, de xénero, sexuais, xeracionais... Buscou tratar adrede estas cousas?
En realidade foi algo moi natural. Os meus personaxes van ao psicólogo ou falan por Whatsapp porque o meu día a día ten que ver con ir a terapia ou usar Whatsapp. Todos eses temas: a saúde mental, a diversidade sexual, etc. están tratados con moita naturalidade. Non foi para nada consciente. O obxectivo era outro, pero estes asuntos saíron porque estaban aí. Sempre digo que todos os momentos históricos teñen cousas boas e cousas malas e unha cousa boa do momento actual é a visibilización de moitos destes problemas. Xa non é estraño tratalos. Non é necesario forzalo.

Aprézase nos seus textos unha especial querencia polo detalle. É así?
É así. Se hai unha cousa que me obsesiona, son os detalles. Independentemente de cal sexa o tema do que queiras falar, ese tema nunca debe estar enunciado directamente, senón que se ten que poder percibir a través dos detalles, a través de pequenos xestos, dos pequenos momentos nos que os personaxes teñen que tomar unha ou outra decisión. Aí si que fixen un traballo consciente como escritor. Por exemplo hai un personaxe, no primeiro conto, que decide que non pode deitarse nunha mesa chea de ‘verdín’ porque vai manchar a roupa e non pode mercar outra. Esa decisión que parece tan pouco transcendente, que é absolutamente cotiá, dinos moitísimo do personaxe, da súa situación e dos seus límites.

A parte fácil é a parte na que te deixas levar. O máis difícil é empezar. Pero no medio do lío hai un momento completamente pracenteiro. Dura pouco, hai que aproveitalo e non sempre aparece

Un autor pode quitar o traxe de poeta?
Non, un nunca pode quitar o traxe de poeta. Eu sigo crendo que a poesía é o xénero literario no que a linguaxe acada o seu grao máximo de experimentación e liberdade. Penso que algo diso sempre queda en todo o que escribes. Dá igual o que sexa: un libro de relatos, un ensaio, un artigo de prensa... Dá igual. O poeta sempre está aí.

É cando menos curioso que alguén reciba o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández e, a continuación, publique un libro de relatos.
Ninguén pode dubidar de que iso foi unha casualidade tremenda! E, en realidade, bastante catastrófica. Porque a min déronme o premio nacional non sei se o 7 ou o 8 de outubro e eu tiña que entregar o libro o día 15. Foi horrible. Tería que estar revisándoo, concentrado, e érame completamente imposible. Con todo, alégrome de que as cousas fosen así. Ao final, o feito de publicar este libro despois do Premio Nacional, aínda que fose por casualidade, non deixa de encaixar co meu espírito. Porque son unha persoa que se deixa clasificar máis ben pouco e que se considera bastante contestón.

Vou citar a un dos seus personaxes e preguntarlle: cal é a parte fácil?
A parte fácil é a parte na que te deixas levar. O máis difícil, como con todo, é atreverse, empezar. Pero aí, no medio do lío, hai un momento completamente pracenteiro. Esa é a parte fácil. Dura pouco, hai que aproveitala moito e non sempre aparece.

Comentarios