"Isto é como Falcon Crest e eu son Angela Channing"

A actriz de Marín Mayka Braña volve á Televisión de Galicia para interpretar a unha das protagonistas da súa nova ficción, Saudade de ti ▶ A serie comeza a emitirse o domingo 3 de xullo
Unha foto de Mayka Braña captada durante a gravación da nova serie da TVG, 'Saudade de ti'. CEDIDA
photo_camera Unha foto de Mayka Braña captada durante a gravación da nova serie da TVG, 'Saudade de ti'. CEDIDA

Cando grava, fai 300 kilómetros ao día: de Marín á Coruña e volta. "Para min o traballo é importante, pero tamén o son a familia e os amigos. Atender ás dúas cousas é bastante sacrificado", explica a actriz Mayka Braña (Marín, 1968), que regresa á Televisión de Galicia (TVG) como unha das protagonistas da súa nova ficción, Saudade de ti. "É verdade que a TVG levaba un tempo sen emitir ningunha serie propia, pero aquí a recupera, como debe ser. Para min este proxecto supón volver tamén á casa, a Voz Audiovisual, porque comecei en Mareas vivas cara o ano 2002".

Saudade de ti emitirase, dende o 3 de xullo, diariamente, pola noite, de domingo a xoves, xusto despois do concurso Atrápame se podes (no lugar que, ata agora, ocupaba o espazo de humor Malicia noticias). Teñen gravados 60 capítulos de media hora. 

A intérprete repite coa súa parella en Libro de familia: Manuel San Martín

"É unha historia de intrigas e de romances entre dúas familias que viven nunha vila costeira ficticia que se chama Abrente, un trasunto de Ares". Ademais de nese concello, a serie tamén se gravou noutros puntos da provincia da Coruña como A Laracha e Miño. "A ficción comeza cun accidente de tráfico que implica ao meu home, que vai acompañado pola súa amante, a doutora da vila, e a unha parella de mozos entre os que está a filla dos donos dun bar. Aí comeza a trama", explica a actriz.

"Eu son Adela de Castro, unha muller poderosa na vila, que herdou unha empresa familiar e ten moito diñeiro. Como quero seguir tendo o status que teño, vou intentar tapar o que pasa". É a mala da historia. No remate da emisión da serie Pazo de familia (spin off de Libro de familia), despois de 14 anos interpretando a Sara Cebrián, unha muller inxenua e boa, Mayka Braña dicía que tiña ganas de dun papel de mala. Agora conseguiuno. "E non podo estar máis feliz. Non sabes como o estou gozando. Dende o mesmo casting!", recoñece. "Isto é como Falcon Crest e eu son Angela Channing".

Doce actores conforman o elenco principal da nova serie. Entre eles está a actriz María Costas, afincada en Pontevedra. Tamén, María Tasende, Alberto Rolán, Alfonso Agra e Manuel San Martín. Este último non só volve coincidir con Mayka Braña nunha ficción senón que interpreta de novo ao seu home (como en Libro de familia). "Non dabamos crédito cando nolo dixeron!".

Comentarios