''Es obvio que saben quién somos y qué hacemos''

O pallaso lucense Iván Prado foi deportado este luns por Israel cando viaxaba a Palestina para continuar cos preparativos do Festiclown que pretende organizar en outubro en Cisxordania. Aos seus 36 anos, dirixe o colectivo Pallasos en Rebeldía, organiza cada ano o Festival Internacional de Clown en Galicia e no seu compromiso cos territorios en conflito xa levou o seu espectáculo a Chiapas.

Agora cóntanos o que lle pasou en Tel-Aviv, como voltou a España e por que quixo ser un home de nariz vermello alá onde as bombas e os misís estouran sen petar primeiro na porta.

Pregunta
: Chegastes ao aeroporto de Ben Gurion e xa non saístes del. Que pasou alí?

Resposta:
Cando viron que a miña compañeira de viaxe, Laila, tiña apelido árabe, foi cando nos retiveron os pasaportes e nos pasaron a unha zona de interrogatorios. Alí estivemos 6 horas, máis ou menos, entrevistándonos con varios funcionarios, pasando dun a outro, xuntos e por separado. En ningún momento nos puxeron avogado nin tradutor, e iso que o pedimos. Inmediatamente comezaron a esixirnos cousas tan estrañas como que lles facilitase o contrasinal do meu correo electrónico, cuestión á que eu me neguei. Foi entón cando nos dixeron que nos expulsaban do país.

P:
Deportáronvos de inmediato...

R: A partir de aquí todo foi caótico e esquizofrénico. Metéronnos nunha cela sen explicarnos nada. Leváronnos nunha leiteira da policía a un centro de internamento de inmigrantes e ás seis da mañá subíronnos nun avión. Chegamos o martes a Madrid.

P: Cres que a causa foi o apelido árabe da túa compañeira?

R: En absoluto. É obvio que saben quen somos e que facemos. Eu xa estiven alí dúas veces actuando na parte dos refuxiados. Agora non sei se sabían que estabamos nunha visita para montar o Festiclown, pero tal como se comportaron, coa falta de información e de dereitos, sen dar ningunha explicación en ningún momento e só dicindo que era por seguridade nacional, é moi sospeitoso. Se me expulsaron por cinco anos!

P: Pero o Festiclown de Palestina que organizades é en outubro, dentro de só 5 meses... Como lle afectará ao proxecto?

R: Imos facelo si ou si. En teoría non nos quixeron dar ningún documento oficial, só nos dixeron que quedabamos expulsados cinco anos. Agora temos que resituar todo, porque contar co apoio diplomático do Goberno español, da Xunta de Galicia ou da institución que sexa, é complicadísimo. Mira, cando chegamos a Madrid, non puiden presentar nin sequera unha denuncia ante a Policía Nacional, porque para eles fixeron o adecuado.

P: Viaxabades para ultimar os preparativos dun festival para facer rir nun territorio de tristura. Por que Palestina?

R: Nesta viaxe só queriamos buscar contactos con artistas e xente de circo para organizar ben o festival. O leit motiv de facelo en Palestina é porque se trata dun país machacado por unha ocupación militar onde a xente non ten dereito ás liberdades mínimas. Por iso pensamos na necesidade de levar a risa e os pallasos para fortalecer a esperanza e unha futura democracia en Palestina.

P: O clown de hoxendía ten que ter conciencia cos conflitos do mundo?

R: En teoría o clown é iso, un altofalante de crítica contra o poder, igual que o bufón historicamente; alguén que a través da risa esperta a esperanza e constrúe formas diferentes de relacionarse entre as persoas. Un clown sen conciencia non pode estar no mundo porque lle faltaría sensibilidade. Ten a necesidade de estar coa xente que máis sofre e máis padece. Por iso, sen humanidade non pode haber pallaso e sen compromiso non pode haber humanidade.

P: Antes Chiapas, agora Palestina... é máis difícil atopar sorrisos onde as calamidades están á orde do día?

R: Ao contrario. Nestes sitios a xente ten moi claros os elos fraternais e está tan viva, porque cada día se está xogando a vida, que a risa calla dun xeito moito máis rápido e transformador.

P: Que fixo que quixeras ser un home de nariz vermello entre outros que levan mísiles, bombas e metralletas?

R: Pois todo empezou xa desde neno, aínda que foi aos vinte anos, no mundo do teatro, cando descubrín o potencial do clown para comunicar coa xente e, sobre todo, para cuestionar aquelas cousas coas que non estaba de acordo. Descubrín a risa como arma crítica contra o sistema. Logo veu o Festiclown -leva xa dez edicións en Galicia-, e empezamos coa compañía e con Pallasos en Rebeldía.

P: Supoño que, despois disto, aínda estarás máis comprometido coa causa Palestina...

R: Temos un compromiso total coa humanidade e hoxe a humanidade estase xogando en Palestina. Non é cuestión de escoller bandos, é cuestión de escoller a vida; por un lado a poboación civil que só ten catro armas e pedras e, polo outro, o mellor exército do mundo que está a ocupar un territorio que non é seu, que atenta contra os dereitos humanos e que acaba de construír un muro que recorda ao ghetto de Varsovia. A cuestión, por tanto, é se estou a favor de que humanidade sobreviva ou se me dá igual que as potencias armadas e as economías capitalistas gobernen a vida da xente.

P: Non parece doado ser pallaso nos tempos que corren?

R: É difícil porque é creativo, aínda que complicado non creo que sexa o adxectivo apropiado. É máis fácil ser pallaso que traballar nunha obra sen seguro e sen protección cada mañá ou que vivir en Palestina no medio dunha ocupación militar. Nese sentido, creo que somos afortunados.

Comentarios