"A humanidade xógase o futuro en Palestina"

Muerdo, Mercedes Peón e Grande Amore actuarán na gala pro Palestina que acollerá o Pazo da Cultura o 12 de novembro
Iván Prado (en primeiro termo) xunto ao concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Iván Prado (en primeiro termo) xunto ao concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra acollerá o domingo 12 de novembro a primeira de varias galas que o colectivo Pallasos en Rebeldía quere realizar por todo o territorio español en solidariedade co pobo palestino. O evento, que terá lugar no Pazo da Cultura (20.00 horas; con doazón económica voluntaria a través dunha taquilla inversa), contará coa presenza de Muerdo, Mercedes Peón, Grande Amore, Najla Shami, o Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado. Este último, representando a Pallasos en Rebeldía, foi o encargado de presentar este xoves a proposta en Pontevedra acompañado polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez

"O mundo segue mirando cara outro lado namentres esa potencia, que non é un estado, chamada Israel, practica un sistema de apartheid no século XXI, levantando un mundo de inxustiza", dixo Prado, en palabras facilitadas polo Concello. "A humanidade xógase o seu futuro en Palestina. Estamos moi contentas de estar hoxe aquí para anunciar a primeira de varias galas que iremos facendo polo estado español".

Nada xustifica unha carnicería como esta. Non hai ningún atentado, nin grupo terrorista, nada que xustifique o asasinato de 5.000 nenos e nenas

O clown agradeceulle ao Concello, co que xa colaborou en diferentes ocasións durante a década de 2000 organizando na cidade eventos como o Festiclown ou o festival de cine Olladas do Planeta, a súa boa disposición a acoller esta gala. "É moi triste ser artistas, crer na forza da cultura e da arte, pensar que o pallaso pode loitar contra as inxustizas e descubrir que as nosas institucións a nivel europeo, estatal e autonómico non teñen esa necesidade ou fame de xustiza e humanidade".

Pola súa banda, Demetrio Gómez lembrou que ao longo das últimas semanas se estima que foron asasinadas máis de 10.500 persoas en Palestina. "Falamos destes números en apenas un mes, nun territorio cun tamaño que é a metade da provincia de Pontevedra, onde viven dous millóns de persoas", sinalou. "Nada xustifica unha carnicería como esta. Non hai ningún atentado, nin grupo terrorista, nada que xustifique o asasinato de 5.000 nenos e nenas".

O edil, que chamou a non permanecer en silencio ante "esta nova fase do xenocidio do pobo palestino executada polo estado de Israel", afirmou que para Pontevedra era un orgullo acoller unha gala como a do próximo domingo, "que leva como lema Cultura contra a barbarie".

Comentarios