''Si Vigo no es el puerto de este barco pirata dejaremos Galicia definitivamente''

prado_dentro.jpg
photo_camera prado_dentro.jpg

Comezou en Pontevedra no 2000, consolidouse en Santiago a partir do 2003 e agora estrea unha nova etapa en Vigo. En oito anos, o Festiclown logrou situarse como un referente do teatro de rúa non só en Galicia, senón no conxunto do Estado. Mesmo teñen oído falar del por aí fóra.

Un dos seus responsables é Iván Prado, un lucense nado no 74, no que axiña espertou un espírito revolucionario e pallaso. Unha filosofía e 'modus operandi' presente en Cooperactiva Cultural, a empresa de xestión cultural que dirixe, e no Festiclown, que baleira os petos ao rematar as funcións para levar os risos a Chiapas. Nesta edición, o festival chamarase Mundoclown, estará dedicado ao mestre Carlo Colombaioni, e servirá de ponte cara un prometedor Festiclown 2009 na cidade olívica.

Pregunta:
O Festiclown continuará co seu carácter nómada?

Resposta: [Risa sonora] Non, en realidade o Festiclown deixou a súa cidade de orixe, Pontevedra, porque medrou bastante, máis alá da capacidade do Concello, segundo dicían os políticos. Chegamos a Compostela pensando que este era o sitio no que continuar, porque ten as prazas, o público, moitos recursos económicos para a cultura, é a capital do país... pero viuse que tampouco era o sitio do Festiclown. Será que somos cu de mal sentar! E agora probamos con Vigo con todas as intencións e con todas as ganas de quedar, porque se á terceira non vai á vencida, será a derradeira.

P: Cal era o problema?

R: Penso que máis alá do problema orzamentario que puidese ter o Concello, é un problema de 'conceto', como diría o filósofo Manquiña. Non sei cantos festivais en Galicia poden ter 50.000 participantes, pero un festival co nivel de éxito e proxección, co apoio que ten o Festiclown, non pode organizarse chamando á oficina dous meses antes, sen saber que orzamento tes, sen poder asinar un contrato con 12 meses de antelación... O gran problema era a falla de estabilidade, de planificación política.

Nós buscamos estabilidade, porque xa estabamos na dinámica de facer coproducións, conseguir acordos con escolas, entrar en redes de festivais,... pero institucionalmente existía nada máis en maio-xuño cando o Concello comezaba a asinar contratos. Non se pode estar chamando meses e meses a un teléfono para que nos digan algo da seguinte edición e que non haxa resposta, e menos cando o que estás poñendo en marcha non é un produto, como pensa algún político que anda por aí solto. O Festiclown é un ser vivo, que naceu para transformar a realidade local a través da cultura, e que por falta de estruturas políticas e administrativas que teñan esta visión, quedou no mellor festival de teatro de rúa de Galicia.

P:
Que posibilidades vedes en Vigo?

R: Contamos con que Vigo sexa o sitio, o primeiro porque un país non pode darlle as costas á única cidade que ten, cosmopolita, industrial, obreira, activa, e coa área de influencia que ten Vigo. Interpretamos que Vigo necesita un proxecto desta índole, proxectos culturais amplos, maioritarios, transformadores e que lle dean o valor que ten a cidade. Tamén estamos contentos de ir a Vigo porque é unha cidade obreira, e pensamos que podemos conectar moito co movemento veciñal. Se Vigo non é o porto deste barco pirata que é o Festiclown, teremos que deixar Galicia definitivamente, e buscar un sitio onde haxa estruturas políticas ou cidadás que lle dean cobertura ao elefante que é xa o Festiclown, é unha maquinaria moi ampla, que require unha base.

Mundoclown 2008
P: Esta edición será de transición, pero non será un festival pobre...

R: En clown nunca hai nada pobre, porque está tan cheo de vida o que fai o pallaso, tan cheo de verdade, que nunca hai pobreza. E ademais temos unha programación ben interesante, con cinco cursos, nos que teremos a Phillippe Gaulier, Jango Edwards,... xente moi boa do teatro de rúa Nanny Cogorno, Rita Maravilla,... Temos xente moi boa traballando dentro do certame e imos ter case máis de 20 compañías. Iso para un primeiro ano, cos poucos cartos que temos nesta edición, montando as cousas correndo e ás presas, e cunha cidade nova, está ben, é unha boa edición ponte. O que queremos é que volva o Festiclown.

P: E que expectativas tedes de cara ao Festiclown do 2009?

R: Basicamente que a Administración local consiga o diñeiro suficiente e sobretodo se implique a dous ou tres anos vista. E esperamos poder conectar e que a xente sinta que o festival é seu, porque esa é a maxia do festival. Logo acabará vindo xente de todas partes do mundo, pero a base do festival será a xente de Vigo.

Semente
P: Un dos apartados máis importantes do festival é o Formaclown, permitiuvos ver ao longo do tempo como xurdiron novos creadores interesados nesta arte?

R: Radicalmente, si. O Formaclown é o pulmón do festival, é o que lle dá osíxeno, porque non é só as risas que quedan pendurados do espazo aéreo dunha cidade, senón a semente que prende na xente para que o clown teña futuro. Cando empezamos co Festiclown en Galicia non había nin compañías de clown, nin programadores, nin público, e hoxe hai moita xente facendo clown en Galicia, e moito público. Vimos que non só se xeraba unha conciencia maior de cara ao clown, senón que nacían compañías de clown, en Galicia e fóra. Hai moita xente que está esperando o Formaclown cada ano, porque é unha oportunidade única de tocar os grandes xenios que andan polo mundo adiante.

P: Outra das achegas importantes do Festiclown é a Caravana Solidaria de Chiapas...

R: O fondo solidario do Festiclown é o corazón do festival. É onde poñemos o corazón e moitas veces cando marchamos de Chiapas, quédanos atrás e temos que volver por el. Esta última expedición de abril foi extraordinaria porque foi a primeira vez que os indíxenas zapatistas eran os protagonistas da xira, como pallasos, acróbatas, zancudos, malabaristas... e iso é froito de cinco anos de traballo moi intenso, de moitas viaxes, de moitas horas, de moito esforzo posto para conseguir que eles xeraran a súa propia compañía de pallasos. É a primeira vez na historia que hai unha compañía de pallasos indíxenas e zapatistas. Nese sentido nos transformou radicalmente, porque ser partícipes dese momento histórico e colaborar con eles e aprender deles é o máis cerca que podo estar de parir. 

Alternativos en Galicia
P: Como é volver de alá e tentar levantar proxectos alternativos aquí? Atópanse moitas trabas?

R: Son dúas realidades distintas, pero son como as augas dun mesmo mar. Tamén aquí hai inxustizas, falta de democracia, xente que ten que emigrar para atopar traballo, están machacando a terra e a costa... A gran diferencia é que eles están nunha situación tan de emerxencia que están moi organizados, e están facendo posible un mundo distinto hoxe, onde están vivindo, que era o que nós pensabamos que se podía facer coa cultura. Por iso ás veces cando volves aquí sentes moita frustración, sénteste perdido, pero como es parte deste país, desta historia, sabes que terás que seguir bebendo de fontes como a zapatista e seguir traballando aquí.

Ogallá que o Festiclown chegue a ser algún día ese pequeno empuxe para que a cultura sexa realmente un camiño da democratización da vida. Porque non podemos seguir pensando que a democracia consiste só en votar cada catro anos, ou que o común o teñen que xestionar uns profesionais.

P: Cooperactiva está a servir de modelo a outros proxectos socio-culturais en Galicia?

R: Non me toca dicir a min que somos un espello para ninguén... Que hai máis empresas de xestión cultural que cando nós empezamos, si. E que algunhas delas teñen visos alternativos, tamén. Cando nós empezamos, hai case dez anos, pensar que unha empresa ía facer cultura para transformar a sociedade na era de Fraga, era bastante estraño. E hoxe quizais hai máis xente que cre que pode ser posible e que se está poñendo en marcha.

Penso que o que queremos facer nós aínda non se acaba de entender, seguramente porque somos malos explicadores, pero para nós Cooperactiva tiña que ser ese enlace, esa ponte entre as administracións locais e a cidadanía, para que a cultura fora algo de todos, pero de verdade. Se poñemos en práctica a democracia na cultura, ímola poñer despois no posto de traballo, na casa e no concello ou na Xunta, e deixará de haber profesionais da política para haber xente organizada e que as cousas funcionen. Y hasta aquí puedo leer...

Humor e revolución
P: Que espertou antes: o Iván pallaso ou o Iván activista?

R: Eu diría que van da man, dende nenos. Hai pouco, miña nai contou unha anécdota que eu non sabía, que era que cando ibamos nos buses a visitar a familia, eu percorría todos os asentos para dicirlles tonterías á xente, que me mirasen e me aplaudisen, xa dende neno, e sen conciencia do que facía. E a conciencia social, dende moi neno tamén. Teño moi vivo como me afectaba de pequeno a xente pedindo esmola e esas cousas. Vai todo no mesmo frasco, non hai por onde dividilo.

P: E hoxe que impera máis: o riso revolucionario, o riso complacente, o riso ferinte...?

R: Eu creo que nun momento tan escuro da historia da humanidade como o que estamos, no que o mercado asulaga todo, o que impera é o sorriso comercial, aquilo co que se pode mercadear, o que cotiza en Wall Street ou no votímetro do político de turno. O que nos vai salvar como pobo é o riso do corazón, porque é unha fonte transformadora. Cando alguén ri de verdade, dende dentro, o seu organismo estoupa a unha velocidade e cunha potencia parecida á das bombas de neutróns. Iso está máis que estudiado. Imaxínate que poder ten a risa colectiva.

Comentarios