lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Jabois e Loureiro son os máis lidos en Pontevedra

Estanterías con libros. SABELA FREIRE
Estanterías con libros. SABELA FREIRE
A última novela do xornalista de Sanxenxo convértese nun dos libros máis vendidos do ano pasado xunto con La puerta, un título de 2020 que mantivo intacto o seu tirón

Os pontevedreses prefiren ler a autores locais. Nas listaxes de títulos máis vendidos o ano pasado nas librerías máis importantes da cidade, destacan dous nomes por enriba de todos, o de Manuel Jabois, coa súa última novela, Miss Marte (Alfaguara, 2021), e o de Manel Loureiro, cunha obra, La puerta (Planeta, 2020), que xa fora a máis vendida en 2020 e que mantén intacto o seu tirón entre os lectores. O de Jabois foi o título máis despachado en Cronopios, espazo onde o de Loureiro quedou en cuarto posto.

Pola súa banda, a obra do escritor de thriller e terror, ambientada en Cerdedo-Cotobade e Pontevedra, foi o volume máis vendido en Nobel, impoñéndose a grandes supervendas a nivel nacional e internacional como son Joel Dicker, con El enigma de la habitación 622 (Alfaguara, 2020), que quedou en segundo posto, e Arturo Pérez-Reverte, con Línea de fuego (Alfaguara, 2020), en terceiro. Tras eles seguen outros bestsellers como os de Juan Gómez-Jurado.

Pérez-Reverte, neste caso co seu último título, El italiano (Alfaguara, 2021), tamén é o que completa o podio de Cronopios tras o xa mencionado Jabois e María Dueñas, con Sira (Planeta, 2021).

Fóra dos thrillers e das novelas históricas, que habitualmente copan as listas de vendas, este ano nos primeiros postos tamén se situaron dous autores de gran relevancia na literatura contemporánea en castelán. A ambos perségueos tamén a polémica. Un deles é Fernando Aramburu, con Los vencejos (Tusquets, 2021), que precisamente visitou Pontevedra por primeira vez o ano pasado para presentar este título. Foi o quinto libro máis vendido en Cronopios.

O outro é Rafael Chirbes. Os seus Diarios. A ratos perdidos 1 y 2 (Anagrama, 2021) foron o terceiro título máis vendido en Paz.

Esta librería ten o seu propio ránking de máis despachados de 2021, onde destacan dous autores novos galegos, que escriben en castelán e que se converteron en dúas revelacións literarias recentes. Así, a obra de máis éxito entre a clientela de Paz foi Agnes (Blackie Books, 2021), de Javier Peña, seguida de Azucre (Pepitas de calabaza, 2021), de Bibiana Candia.

Este espazo, que ten un importante fondo de literatura galega, destaca tamén cales son os tres títulos máis vendidos neste ámbito: Golpes de luz (Xerais, 2021), de Ledicia Costas; O cervo e a sombra (Xerais, 2021), de Diego Ameixeiras, e Eternity (Galaxia, 2021), de Xosé Monteagudo. Este último confirma a querencia polos autores locais. No ránking de Cronopios só hai un libro galego, A vida secreta de Úrsula Bas (Galaxia, 2021), de Arantza Portabales. Aparece no posto 29º.

Paz, librería especializada en banda deseñada, tamén conta cales son os tres cómics máis despachados o ano pasado: Carta blanca (Norma, 2021), de Jordi Lafebre; Primavera para Madrid (Autsaider, 2021), de Magius, que gañou o Premio Nacional de Cómic, e Semillas (Astiberri, 2021), de David Aja e Ann Nocenti.

Finalmente, no ámbito da literatura infantil e xuvenil, no Espazo Lector Nobel destacan o tirón que seguen tendo sagas como ¡Resuelve el misterio! (Molino), de Lauren Magaziner, xunto a títulos como Las jirafas no pueden bailar (Bruño, 2014), de varios autores.

Librería Miranda. A librería Miranda de Bueu tamén fixo público nas súas redes sociais, hai uns poucos días, o seu ránking de títulos máis vendidos. Coinciden en boa medida cos de Pontevedra. Así, en segundo lugar, está La puerta, de Manel Loureiro, e en cuarto, Miss Marte, de Manuel Jabois.

No que racha co agardado Miranda é no seu número un: a obra que máis despachou a librería buenense foi As formiguiñas filandeiras (Hércules, 2021), de Victoria García. Trátase dun conto dirixido á cativada, escrito por unha xornalista e mestra pontevedresa que debuta na literatura con esta obra.

O terceiro libro máis vendido en Bueu foi Una herencia peligrosa (Ediciones B, 2021), primeira parte dunha saga para a rapazada escrita por Juan Gómez-Jurado e Bárbara Montes.

recorte libros

Jabois e Loureiro son os máis lidos en Pontevedra
Comentarios