Janiva Magness, Terri Lyne Carrington e Ruthie Foster, estrelas do Festival de Jazz

O guitarrista de Portonovo Virxilio da Silva, formado no Seminario de Jazz de Pontevedra, será o encargado de pechar, o domingo 19 de xullo, as actuacións na Praza da Ferraría, que este ano se adiantan unha semana por mor dos festivos. Felipe Villar e Nani García protagonizarán os concertos da Praza do Teucro. A programación do festival inclúe jam sessions nocturnas na Gramola, jazz pola rúa a diario e workshops de carácter gratuíto
Virxilio da Silva
photo_camera Virxilio da Silva

A gañadora de dous premios Grammy Terri Lyne Carrington actuará no Festival de Jazz de Pontevedra. É a estrela dun cartel do que tamén forman parte Janiva Magness, que repite no escenario da Ferrería, Ruthie Foster e o guitarrista de Portonovo Virxilio da Silva.

A concelleira de Festas, Carme da Silva; o coordinador das actividades previas e paralelas do festival, Luís Carballo, e un dos responsables dos concertos da Ferrería, Alberto Lastres, presentaron onte o XXIII Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra, destacando que segue a tratarse dun evento de carácter gratuíto que reúne a artistas de nivel internacional. A concelleira puntualizou ademais que este ano se adiantaba a celebración das actuacións "por mor dos festivos".

O festival celebrarase do 14 ao 19 de xullo en distintos espazos da cidade. Abrirano concertos de dous artistas galegos na Praza do Teucro (14 e 15 de xullo). As actuacións internacionais terán lugar a continuación na Ferrería (do 16 ao 19 de xullo). A programación inclúe ademais jam sessions cada medianoite na Gramola (con Valentín Caamaño, Jabier Abraldes e Pedro Freijeiro), jazz pola rúa a diario (coa Chivinjazz) e workshops abertos a todos os interesados no Antigo Conservatorio de Música (a cargo de Joris Roelofs e Mark Schilders).

PROGRAMACIÓN. "As actuacións da Ferrería comezarán o xoves 16 de xullo da man de Janiva Magness", indicou Alberto Lastres, que lembrou que esta cantante de blues e soul de vida azarosa xa estivo en Pontevedra en 2008, "deixando unha pegada inesquecible". Nada en Detroit, Magness viviu na rúa sendo adolescente despois do suicidio dos seus pais. Aos 17 anos quedou embarazada e tivo que dar o seu fillo en adopción. Empezou a cantar para gañar cartos e rematou por ser unha estrela. "Todas estas circunstancias marcaron profundamente o seu xeito de cantar", explicou Lastres. "De feito, na actualidade está preparando un musical sobre a súa vida coas cancións do seu último traballo, ‘Original’".

A batería Terri Lyne Carrington é a gran estrela do festival este ano. Actuará o venres 17 de xullo. Nena prodixio, con dez anos foi convidada a tocar coa banda do trompetista Clark Terry. Un ano despois conseguíu unha bolsa especial para entrar na Berklee School of Music de Boston. "Chegou a tocar con músicos da talla de Branford Marsalis e Carlos Santana". Compositora e produtora, ten gañado dous premios Grammy: o primeiro polo disco ‘The Mosaic Project’, no que colaboraba con artistas como Esperanza Spalding e Dianne Reeves, e o segundo por ‘Money Jungle: Provocative in Blue’, que a converteu na primeira muller que recibiu o galardón na categoría de mellor disco de jazz instrumental.

Ruthie Foster subirá ao escenario da Ferrería o sábado 18 de xullo. Compositora e cantante texana, a súa voz foi comparada coa de Aretha Franklin e Ella Fitzgerald. Enrolouse na Mariña estadounidense para coñecer mundo e, ao rematar o contrato, foi fichada polo mítico selo Atlantic Records. "Estivo a piques de converterse nunha estrela do rock e do pop, pero as súas inquietudes levárona a explorar outras vías".

Virxilio da Silva pechará, o domingo 19, o festival e a serie de concertos de músicos galegos, que abrirán Felipe Villar (día 14) e Nani García (día 15) no Teucro. "Felipe Villar, formado no Seminario de Pontevedra, é un dos artistas do xénero máis importantes da actualidade e Nani García, hoxe unha referencia na produción musical e de bandas sonoras, pertence á primeira xeración de músicos de jazz de Galicia", explicou Luís Carballo.

Comentarios