Jasper Carracedo, de Nao: "Se poideras escoller a túa morte, escollerías o mellor momento"

Nao. SOMOSNAO
photo_camera Nao. SOMOSNAO

O grupo Nao tocará este domingo en Vilaxoán de Arousa, no festival Revenidas. O compromiso social, a protesta e moita caña cargan as súas letras e o seu directo, do que o vindeiro domingo será unha das últimas oportunidades de desfrutar, xa que recentemente anunciaron a súa separación tras máis de 10 anos sobre os escenarios.

NAO nace no ano 2005, como foi cambiando dende entón ata agora?

O grupo naceu cando eu tiña 25 anos e agora teño 40. Entón claro, pasaron todo tipo de cousas. Imaxina todo o que lle pode pasar a unha persoa neses anos, pois nun grupo é o mesmo. Iniciámolo xuntándonos xente que nos coñecíamos e xente que non, para que fose un proxecto que lle dese máis calidade sonora ás cancións, non facer un grupo porque sí. Queriamos ter unha música e uns textos coidados, intentar plantar unha semente de conciencia crítica na mente da xente. A día de hoxe estamos moi orgullosos do que fixemos e pensamos que está por encima do que soñaramos daquela.

Pensades que agora que xa sodes unha banda consagrada é un bo momento para pechar o ciclo?

Claro, se poideras escoller a túa morte, escollerías que fose no mellor momento. Penso que todo o mundo tería feito o mesmo. Nós tivemos a valentía de facelo así, de ser o suficientemente precavidos, porque vemos o que lles pasou a outros grupos, que unha vez que se alcanza un relativo éxito comezas a facer malos discos, malas xiras, cambios na formación... Nós decidimos marchar poñendo o máximo de nós e estando na cima da nosa carreira. Afortunadamente dende que o anunciamos o grupo seguiu medrando e a día de hoxe estámonos indo co que pensamos que é o noso mellor disco, tanto nós coma a crítica, e ca que é a nosa mellor xira, co cal estamos encantados.

Como foi a recepción do público ao longo da vosa carreira?

Cando empezamos tivemos un relativo éxito, porque eramos un grupo novo que facía black metal e non había xente neste estilo que o fixera en galego. A verdade é que os inicios foron duros pero recibimos boa reacción da xente. Logo chegou un punto no que xa empezabamos a estar en festivais. Fixemos o disco Coas túas mans, que conseguiu enganchar a  moita xente. Logo houbo un punto de inflexión cando comecei a cantar eu, co disco Cancións de amor e liberdade, e a raíz de aí apostamos por cambiar tamén o estilo en certa medida, fomos evolucionando. Xa con Cartas no caderno vimos que tocáramos teito e anunciamos a despedida facendo tres discos. 

Queriamos ter unha música e uns textos coidados, intentar plantar unha semente de conciencia crítica na mente da xente.

Como valoras o cambio que houbo no panorama musical galego dende que empezastes ata hoxe?

Pois valóroo moi positivamente, porque cando eu empecei na música, aos 16 anos co grupo Xenreira, a xente que facía música en galego facía ska, punk e hardcore e para de contar. A día de hoxe hai moita xente profesional. Hai moitos músicos en lingua galega que viven da música, cando hai vinte anos era impensable. Logo hai unha demanda por parte do público, que pide grupos en galego. Os festivais poñen de cabezas de cartel a grupos de aquí, non a xente de fóra coma antes.

Nese sentido, o impulso que están tendo os festivais nos últimos anos, que se converten en eventos cada vez máis de masas, axudouvos moito aos grupos en galego...

Claro, apoiáronnos moito. E o Revenidas é un dos festivais que apoiou especialmente, que sempre tirou de que se programara en galego. E quen di o Revenidas di o Festigal, o Sonrías, o Armandiña... Iso foi fundamental, sobre todo cando unha banda empeza e non é grande, se hai sorte e un festival che permite tocar para miles de persoas, iso ábreche un gran mercado. Aínda que non adoita pasar moito tampouco, os festivais adoitan ir a tiro fixo, a grupos que funcionan. Para nós empezar a soar en festivales foi un éxito.

Antes de empezar esta derradeira xira, como foi tomar a decisión de acabar, que sensacións tedes?

Foi unha decisión moi meditada. Hai un momento no que te dás conta de que ter un grupo coma o noso supón un gran sacrificio a nivel persoal. Cando un grupo funciona tamén deixas de lado moitas cousas, non podes ter outra vida a parte de Nao e do teu traballo, entón sabes que iso cos anos non se dá mantido. E acabas tomando esa decisión. Foi duro, claro, porque para nós Nao é a nosa empresa vital, o noso gran proxecto, e loitamos moito. Temos a satisfacción de que estamos deixando un legado, de todas as amizades que creamos durante estes anos... A min o que me dá máis pena a nivel persoal é que xa non vaiamos ter a mesma relación os membros do grupo, perder ese vínculo persoal.

E agora que xa non ides estar xirando, como pensas encher ese 'baleiro'?

A verdade é que tamén necesitamos coller un pouco de distancia de todo o que foi isto. Poñer os pés no chan, porque nós vivimos nunha especie de nube. Nós xa somos xente adulta e xa nos damos conta de que hai que poñer os pés na terra. Temos pensado descansar e logo pois cada un verá o que fai. 

As letras de Nao teñen un compoñente crítico e social moi importante. Como valoras a situación actual de Galicia e do galego?

Pois moi negativamente. Vemos que moita xente vive totalmente acomplexada, outra que non sabe nin onde vive... Temos un goberno na Xunta de Galicia que está continuamente machacando e boicoteando coas súas políticas á nosa lingua e ao noso patrimonio. Queren converternos nun país sumiso, levan 50 putos anos facéndoo así, dicíndonos que o noso non vale, que non sirve. Nós seguimos aí e vemos que moita xente combate e abre os ollos e moitos outros van coma un rabaño de ovellas. Sempre hai que seguir loitando e facendo de muro de contención, ata que poidamos ser unha maioría e unha masa social que finalmente consiga o cambio. Facer políticas para a xente, para que queira á terra e non emigre nin morra de asco.

Cres que as persoas con influencia a nivel social fan por influír nesta situación?

Eu penso que os artistas temos o deber e a responsabilidade social de ser críticos co poder, dende sempre. A min non me interesan os artistas que non o son. Xogamos un papel importantísimo, temos moita relevancia. Se non, non se detería a rapeiros, nin se censurarían concertos, nin se prohibiría que nos entrevistasen. O noso deber é ter esa responsabilidade social e política, dicirlles á xente as cousas claramente para que poidan posicionarse. Hai unha minoría que non o fai, pero afortunadamente a maioría de grupos defendémolo. Eu estou totalmente en contra deses silencios cómplices, deses compadreos nauseabundos que hai no noso mundillo.

Temos tamén un gran reto, que é o 7 de decembro encher o recinto ferial de Amio, en Compostela. Queremos dar un concerto de despedida que quede para a historia.

Tras o Revenidas, que outras citas tedes este verán?

Imos estar no Bandeirock, no Armadiña en Combarro, no Festival Terra Brava do Incio, estamos no Castañazo... temos moitísimas citas. E temos tamén un gran reto, que é o 7 de decembro encher o recinto ferial de Amio, en Compostela, no concerto de despedida. Levamos moitas entradas vendidas pero aínda nos quedan. Queremos dar un concerto de despedida que quede para a historia. A nivel interno é complicado ter esa presión de que sexa un concerto que nós tamén desfrutemos porque é moita responsabilidade.

Tedes ganas de volver a Vilaxoán?

Sempre que vas a sitios onde viviches grandes concertos vas súper ilusionado porque tes recordos boísimos. Lembramos o primeiro ano que fomos con especial cariño. Desta volta imos un domingo, abrimos nós, entendemos que o facemos porque o festival ten a confianza en que vaiamos arrastrar á xente da praia para que se ocupe o recinto. Imos ilusionadísimos porque é a nosa xira de despedida e vimos duns concertos coma o do Sonrías, o de Esteiro das Carrilanas ou o do Viñarock, que foron a rehostia. Que chova ou que escampe, imos vernos o domingo alí no Revenidas e daremos un concertazo en homenaxe a todos eses anos que nos deron a oportunidade de tocar alí.

Comentarios