«O Santiago de 1983 a 1986 é o meu paraíso perdido, era como un futuro sen final»

O xornalista Santiago Jaureguizar gaña o Fernández del Riego por un artigo no Táboa Redonda de El Progreso e Diario de Pontevedra

Jaureguizar. PEPE TEJERO
photo_camera Jaureguizar. PEPE TEJERO

LUGO. A principios dos oitenta, Santiago Jaureguizar (Bilbao, 1965) só quería ser moderno. Levaba o pelo cardado, roupa escura e calcetíns de cores e poñía a man no queixo mentres non entendía O ceo sobre Berlín de Wim Wenders. O autor relatou ese tempo feliz no artigo Pólvora sen magnolias na discoteca Clangor, publicado o 31 de decembro de 2017 no suplemento Táboa Redonda de El Progreso e Diario de Pontevedra, e que onte foi recoñecido co premio Fernández del Riego de xornalismo en galego que concede Afundación. dotado con 6.000 euros.

Jaureguizar, redactor da sección de Cultura de El Progreso e novelista, confesa que neses primeiros compases da autonomía galega, mentres el descubría «a literatura, a música e o cine», locais como a discoteca Clangor «eran o patio de recreo da construción política de Galicia» —cita a Antonio Piñeiro e a súa A identidade fascinada— e Braulio Vilariño levaba adiante o Modus Vivendi, o primeiro pub de Galicia. «Santiago era o máis próximo á modernidade que tiña un rapaz de vila, de Ribadeo, que tiña que tirar un cabo pola ventá do segundo piso da casa para poder escoitar aínda que fose mal Radio 3».

O xornalista sinala que aquel Santiago entre 1983 e 1986, no que el «oficialmente» estudaba Dereito, é o seu «paraíso perdido». «Todo era un futuro sen final e eu cría firmemente que Galicia ía ser un país moderno, unha potencia creativa, e que a autonomía habería permitir unha vida propia moito máis desenvolvida do que logo chegou. Seguimos sendo un país moi dependente, tanto económica como politicamente, con esta seminacionalidade histórica. Eu agardada un protagonismo maior», sentenza.

Aquel soño estouballouse o día que estourou a discoteca Clangor, en 1990, a causa dun atentado no que faleceron unha moza e os dous membros do Exército Guerrilheiro que levaban os explosivos. «Uns rapaces, eu quero pensar que cándidos, quixeron acelerar ese proceso e as consecuencias foron moi duras e racharon aquel paraíso que tiña eu en Santiago».

Jaureguizar celebra este premio como o primeiro que recibe o suplemento de cultura de El Progreso e Diario de Pontevedra desde a súa nova etapa baixo a súa coordinación. «Faime moita ilusión porque estamos intentando experimentar e facer algo distinto e semellaba que os premios deste país nunca se lembraban de nós, que todo quedaba escorado cara ao Eixo Atlántico. Sempre é de agradecer unha chiscadela de respaldo para un proxecto que aposta por renovar as sinaturas no panorama galego, que aposta por outro tipo de cultura e que non aparecía na prensa galega. O Táboa Redonda, como o Clangor coa música dos oitenta, ten feito nestes dous anos e medio grandes descubertas para o xornalismo galego», conclúe.

Comentarios