Javier Lago: "Se non enfrontas o monstro, non vas vencer o monstro"

O músico publica o seu cuarto tema en solitario, Nada tiene sentido, unha canción sobre o acoso escolar baseada na súa propia experiencia ▶ O artista mantivo un encontro sobre este tema, a semana pasada, co alumnado do colexio Sagrado Corazón de Praceres
O cantante e músico pontevedrés Javier Lago. DAVID FREIRE
photo_camera O cantante, músico e compositor Javier Lago. DAVID FREIRE

Javier Lago (Vigo, 1996) volveu ao seu instituto en Pontevedra, o IES A Xunqueira II, para gravar o videoclip do seu novo tema, o cuarto que publica co seu propio nome, Nada tiene sentido. Antes xa saíran Aunque te quiera, Lo contaré en la Rolling Stone e La intimidad. A nova canción, que se pode escoitar dende onte nas plataformas YouTube e Spotify, supón un paso máis na traxectoria do cantante, músico e compositor, que liderara o grupo Australia hai uns anos e que en 2020 se lanzou en solitario. Por unha banda, no aspecto sonoro, por primeira vez mestura a electrónica coa súa canción de autor. Por outra, ábrese en canal para tratar o acoso escolar, que el mesmo sufriu nese centro ao que volveu para gravar o seu videoclip, que está dedicado a todos os que bailan sós. "Volver, coa perspectiva que che dá o tempo, foi intenso, pero tamén bonito", recoñece. "Todo o que está a suceder arredor deste tema está sendo dalgunha maneira catártico e serve para pechar un círculo que comezou sendo eu adolescente. Ou quizais non tanto de pechar como para comezar a sandar".

Lago escolleu o pop electrónico ("un son máis contemporáneo e actual, aínda que a maneira de cantar, a miña voz, que é quizais o que mellor me identifica, segue estando aí") para contar unha historia moi íntima. Ademais, escolleu facer o lanzamento do tema tres días antes do Día Mundial contra o Bullying (2 de maio) e incluíu no seu videoclip o contacto coa Fundación Amar, de axuda a nenos e adolescentes (900202010).

Eu sufrín acoso escolar durante moitos anos. E leveino en segredo. Non o contei nin na casa. Pero hai que empezar a falar de todo isto. E hai que falalo sen censura e sen vergoña.

"A canción naceu o pasado verán, cando asasinaron a Samuel [Luiz] na Coruña", conta o músico. "A partir de aí comecei a pensar no papel que todos xogamos cando ocorren este tipo de traxedias. A conclusión á que cheguei foi que hai que empezar a falar de todo isto, e a falar sen ningún tipo de censura, nin de vergoña. Hai que falar sobre a homofobia, sobre estes actos de violencia tan atroz, sobre todas estas cousas, porque é única maneira de empezar a superalas. É o punto de partida".

Así foi como decidiu contribuír ao debate e escribiu este tema. "Eu sufrín acoso escolar durante moitos anos. E leveino en segredo. Non o contei nin na casa", explica. "A miña maneira de enfrontarme a segundo que cousas é a música. Cada un ten que atopar a súa".

Todos temos a capacidade e a responsabilidade de mellorar o mundo, de non xirar a cara cara outro lado.

O propio músico é o coprotagonista e codirector do videoclip de Nada tienen sentido. Xunto a el aparece un cativo, Alejandro Pérez, que estuda no colexio Sagrado Corazón de Praceres e que lle contou á súa mestra o que estaba facer Javier Lago. Ela convidouno a mostrar o seu traballo e a manter un par de encontros con alumnado do centro para falar deste tema. "Foi unha mañá esgotadora, pero moi enriquecedora. Saín moi orgulloso de min mesmo e tamén contento porque comprobei que esta rapazada parte dun punto do que eu non partín. Algo si que se avanzou". Entre outras cousas por iso que el mesmo sinala: agora fálase deste tema. Cando a el lle touco sufrilo, non. 

FERIDA. "Eu refírome ao monstro. Creo que ata que non empecei a traballar nesta canción non o estaba enfrontando. E se non enfrontas o monstro, se sempre estás escapando del, non vas vencer o monstro, porque sempre se che pode volver aparecer ao dobrar a esquina", conta. "Porque, ao contrario do que poida parecer, este tipo de traumas non desaparecen co tempo. Un pode pensar que todo pasa, pero con estas cousas é ao contrario: a ferida empeza a supurar incluso moito despois".

Lago fala de responsabilidade individual das persoas. "Penso de corazón que todos temos a capacidade e a responsabilidade de mellorar o mundo, de non xirar a cara cara outro lado. Creo que este tema ou a charla que tiven no colexio poden axudar, polo menos, a que máis dun lle dea voltas a este asunto, que non é unha cousa de nenos, senón un problema serio", di o artista. "Na escola e no instituto, á parte de ensinar matemáticas e historia, deberíase traballar as emocións, a empatía e a compaixón".

Comentarios