Viernes. 22.02.2019 |
El tiempo
Viernes. 22.02.2019
El tiempo

JAVIER VEIGA. ACTOR, GUIONISTA E DIRECTOR

"Escribo do que sei: das miñas movidas, do meu embigo"

A ficción española vén de atopar un oco en Amazon Prime Video da man dun proxecto de Javier Veiga: ‘Pequeñas coincidencias’

Unha foto promocional de Javier Veiga (O Grove, 1973)Vaia responsabilidade que Amazon Prime Video elixise o seu proxecto Pequeñas coincidencias para apostar por primeira vez por unha produción española.
A verdade é que si. Estamos a vivir un momento tremendo co desembarco das plataformas en España. Chegaron con moitísima forza e están a cambiar completamente a forma de ver televisión. Que Amazon Prime Video decida apostar por este produto, evidentemente dá un pouco de medo. Pero ao mesmo tempo tamén che dá moita forza e moita confianza.

Como se xestou este proxecto?
Neste caso, o que fixen foi un capítulo piloto pola miña conta, no que arrisquei os meus cartos, para levarllo aos produtores, que son Atresmedia e Onza Entertainment, xa feito e rematado. Da man de Onza foi que chegamos a Amazon. É un proxecto multiplataforma porque se emite, primeiro, en Amazon e, despois, nalgunha das canles de Atresmedia, non sei se Antena 3 ou outra das filiais. Isto último será probablemente ao longo deste ano, pero aínda non temos data. É, dende logo, un produto curioso, feito a varias bandas, coproducido por unha canle convencional en aberto e por unha plataforma on-line ou de vídeo baixo demanda. Pero eu quería iso: non ir por aí movendo un papel cunha historia, senón chegar cun DVD no que se podía ver un traballo de 40 minutos e dicir, mire, isto é o que quero facer. Non quería ter que explicar nada. Quería chegar e dicir: ti mira isto, simplemente dálle ao play.

E así se converteu nun auténtico showrunner [creador ou guionista principal dunha serie que controla toda a historia]. Gustoulle a experiencia? Vai repetir?
Si, seguro. De feito, a miña idea agora mesmo é conducir a miña carreira cara a isto. Aínda que, en realidade, eu fun compaxinando sempre traballos como actor ou como humorista, con outros nos que podía sacar adiante ideas propias. No teatro leva sendo así moito tempo, porque é máis sinxelo. No cine fixen tamén un par de curtas. E, agora, en televisión, esta é a miña segunda serie. Poder seguir escribindo e dirixindo, contando historias en primeira persoa e ocupándome de todo o proceso creativo dun proxecto, é o que máis me interesa.

A súa primeira serie foi Gym Tony (Mediaset). Está contento co resultado dese proxecto?
Gym Tony é un proxecto moi distinto a este outro. Aquela era unha serie de encargo, moi complexa, diaria, de humor directo, cinco temporadas, máis de 10.000 minutos, ata 22 guionistas traballando comigo, un equipo enorme... Era todo grandísimo. Foi como facer un gran curso de ficción para televisión. En todo caso, é algo moi distinto a isto. Aquí estamos falando case dunha serie de autor. Son experiencias moi distintas, pero que a min me serviron para aprender moito.

"Que Amazon decida apostar polo teu proxecto, dá un pouco de medo. Pero tamén dá moita forza e moita confianza"

Pequeñas coincidencias débelle moito ás comedias románticas norteamericanas?
Non sei... A min gústanme moito as comedias románticas británicas. Por exemplo, as de Richard Curtis: Catro vodas e un funeral, Notting Hill ou, sobre todo, Love actually. Sempre me gustaron moito. Pero, si, a serie tamén pode ter algunha influencia norteamericana de Judd Apatow [‘Virgen a los 40’] , que fai un tipo de comedia máis urbana, onde se fala moito, con personaxes que se comen moito o coco e se enredan con todo, que teñen moito lío consigo mesmos e se enfrontan a problemas que veñen máis de dentro que de fóra.

En todo caso, sempre comedia. Porque hai que rirse de todo?
Si. A min gústame usar a comedia para expresarme. Creo que se pode contar calquera historia dende o punto de vista cómico. Aínda que neste caso estamos ante unha comedia romántica, que tampouco busca a gargallada. Non se trata só de facer rir. Hai detrás unha historia que queriamos contar, unha historia sobre ter ou non ter fillos, unha historia moi xeracional sobre o momento vital dos que estamos arredor dos 40 anos. Esta dúbida sobre ser ou non ser pai é algo completamente novo. Antes simplemente sucedía.

Tamén estaban moi apegadas á realidade das relacións hoxe en día as súas obras de teatro, sobre todo, Amigos ata a morte.
A min gústame falar de cousas que coñezo de preto, das miñas movidas, do meu embigo. Escribo sobre cousas que coñezo.

Aquí, calquera parecido coa realidade non é pura coincidencia.
Claro! Hai xente á que lle gusta trasladarse a un barrio marxinal de Bogotá. Eu, como non estiven nunca nun barrio marxinal de Bogotá, non sabería que contar. Falo do que coñezo e do que sei.

E nesta serie, como en Amigos ata a morte, volve contar con Xosé Antonio Touriñán.
Si, é que Touriñán e máis eu somos moi amigos e temos intención de facer moitas máis cousas xuntos. De feito, no mes de maio penso que estrearemos algo novo en teatro.

Tamén repite coa súa parella na vida real, Marta Hazas.
Para min é algo natural. Coñecémonos traballando e dende entón fixemos tres ou catro proxectos máis xuntos, incluído este. Pero é que me criei así: meus pais levaban xuntos un restaurante, el o comedor e ela a cociña. Paréceme o normal. Traballar con xente que queres, para min é unha vantaxe. Para que vas ir buscar fóra da casa o que tes dentro (ri).

Igual serve ata de terapia.
En realidade, case todos os que escribimos facémolo como terapia. É un xeito de purgar o que che anda pola cabeza.

"Escribo do que sei: das miñas movidas, do meu embigo"
Comentarios