John Mayall actuará en Pontevedra

O chamado 'pai branco do blues' contou con guitarristas como Eric Clapton, Peter Green e Mick Taylor na súa banda máis coñecida

O músico británico John Mayall, de 85 anos, nunha imaxe promocional
photo_camera O músico británico John Mayall, de 85 anos, nunha imaxe promocional

O mestre do blues, cantante, instrumentista e compositor John Mayall (Macclesfield, Cheshire, Reino Unido, 1933) vén de anunciar nova xira por España para o próximo outono, coincidindo cos seus 85 anos. Precisamente 85 th Anniversary Tour é o título desta serie de concertos que inclúe unha data en Pontevedra, o 5 de outubro no Auditorio de Afundación, segundo informa a axencia Europa Press e confirman fontes de Afundación.

John Mayall, considerado unha das figuras fundamentais da historia do blues, percorrerá España en setembro e en outubro cunha banda da que forman parte Carolyn Wonderland (guitarras), Greg Rzab (baixo eléctrico) e Jay Davenport (batería).

ℹ SABER MÁIS
As entradas para o concerto de John Mayall poñeranse á venda en breve en ataquilla.com

A xira comezará en Barcelona (30 de setembro, Barts) e proseguirá en Bilbao (1 de outubro, Sala BBK), A Coruña (2 de outubro, Teatro Colón), Salamanca (4 de outubro, CAEM), Pontevedra (5 de outubro, Auditorio de Afundación Sede) e Xixón (6 de outubro, A Laboral).

Pasará despois por Madrid (8 de outubro, Teatro Nuevo Apolo), Málaga (9 de outubro, Teatro Cervantes), Alacante (11 de outubro, Vig Xperience), Valencia (12 de outubro, Sala Moon) e Pamplona (13 de outubro, Zentral), onde rematará a xira.

ERIC CLAPTON. John Mayall fundou a súa primeira banda, The Powerhouse Four, en 1955. Pouco despois creou o que sería o seu grupo máis coñecido: The Bluesbreakers, no que contou con guitarristas como Eric Clapton, Peter Green e Mick Taylor. Desa banda sairían os músicos que integrarían algunhas formacións fundamentais da historia do rock como Fleetwood Mac ou Cream.

Dende 1969 Mayall vén gravando discos co seu propio nome. Ten publicado máis de medio cento de álbums, 20 deles, directos. O seu último traballo é deste mesmo ano, Nobody Told Me.

Británico afincado nos Estados Unidos dende principios dos 70, gañouse o sobrenome de "pai branco do blues". Nunha entrevista con Diego A. Manrique, do ano 2016, en El País, dicía: "No soy una estrella. Nunca he tenido un éxito. Ni siquiera me han nominado para el Rock and Roll Hall of Fame".

Comentarios