Jordi López: "Hai accións concretas, pero falta estrutura"

A Ponte do Burgo, este mércores ás 20.00 horas, é o escenario escollido pola iniciativa En3vistas para unir nunha mesma charla as caras visibles de Aí Falaches e EFerro, Jordi e Elena. Dúas formas de entender a moda e unha soa, explícita no primeiro caso e implícita no segundo, de entender o galego: falándoo en verbas e teas.

Jordi López. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Jordi López. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Jordi López chegou a Galicia hai xa hai tempo. E non o fixo de vacacións. Catalán de nacemento, non tardou en abrir o seu propio negocio: Aí falaches, unha iniciativa que mistura moda e filoloxía co obxectivo de exportar o significado de ese abano de expresións galegas desde aquí ao resto do mundo.

Este mércores, na Ponte do Burgo, e xa como un galego máis, é un dos elixidos para protagonizar o ciclo de En3vistas deste 2022.

Como recibiu esta invitación?
Cheo de ledicia, porque a liña que pretendemos buscar é esa: que se visualice a normalización lingüística. É unha honra. E máis cando me dixeron que aínda por riba estaría compartindo a entrevista con Elena Ferro, que para min é un referente a nivel de recuperación da cultura.

Ofertan vostedes un produto, un bolso, co seguinte lema: Se tes vergoña da túa propia lingua, non vaias presumindo do noso polbo.
Isto realmente foi un post do instagram para o día das Letras Galegas. Primeiro de todo, non intento que ninguén se vexa obrigado a falar en galego. Eu poño en valor as culturas e unha cultura máis é a galega. Entón, a intención era un pouco remarcar con esta frase que a cultura tamén é a lingua. Sacas peito co polbo, sacas peito coa Catedral de Santiago, e co galego non é só que non saques peito, senón que tratas de escondelo.

Nese sentido nota unha visión moi distinta, a nivel xeral, xa non só institucional, do trato dos galegos ao galego e dos cataláns ao catalán?
É que hai moitos matices, claro. Pero si que vexo que o estigma de que falar galego era de pobres, ou do rural, o estigma ese que se quixo facer na ditadura, aínda a día de hoxe estamos pagándoo un pouco. Na televisión chámame a atención que moito do humor feito en galego redunda na caricaturización do mundo rural. Que me parece ben, eh! Pero pareceríame mellor se houbese outras ofertas. É como a música. Está moi ben ter música celta galega, pero tamén temos que ter reggaeton en galego e que teña unha difusión normalizada. Sobre todo para os novos, para que a xente nova teña referentes.

Sácase peito coa Catedral, co polbo, co marisco, pero non coa lingua

Que expectativas ten de cara ao futuro coa lingua galega?
A nivel institucional non se está facendo o que creo que se debería facer, porque creo que a política lingüística dos que mandan agora si defende o galego porque ten que defendelo, pero non entende que está moi enfermo e que ten que potencialo. Entendo que terían que facerse outras cousas, pero estas outras cousas a veces veñen un pouco ao azar. Por exemplo, as Tanxugueiras, que provocaron un repunte. Pero, se deixamos este tema ás cousas do azar, vai ser moi complicado. Esta iniciativa está moi ben. E a Xunta tamén ten boas iniciativas, pero son accións concretas. Falta unha estrutura de verdade, polo que non son moi optimista.

Comentarios