Jorge Lens gaña o Premio Internacional de Fotografía E CA de Riba-roja de Túria

Unha imaxe tomada este ano nos arredores de Vigo, titulada El jardín olvidado, valeulle o galardón, dotado con 5.000 euros
Fotografía 'El jardín olvidado', de Jorge Lens.
photo_camera Fotografía 'El jardín olvidado', de Jorge Lens.

Cunha instantánea tomada este ano nos arredores de Vigo, o profesor da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Jorge Lens vén de gañar o Premio Internacional de Fotografía E CA de Riba-roja de Túria (Valencia), dotado con 5.000 euros. Un milleiro de propostas, chegadas de distintas partes do mundo, foron presentadas á primeira edición deste certame, que ten como obxectivo "recoller plasticamente  naturezas contraditorias".

El jardín olvidado é o título da foto de Lens que gañou o concurso, unha imaxe que se detén nas contradicións entre unha paisaxe idílica e outra "caótica e real", en palabras do propio autor recollidas no Diario Dixital da Universidade de Vigo (Duvi).

O premio está organizado polo Ayuntamiento de Riba-roja en colaboración coa Generalitat Valenciana e o Institut Superior D’Ensenyances Artistiques, e está coordinado pola revista de artes visuais e cultura contemporánea Makma. Do xurado do certame formaron parte, entre outros, a directora de PhotoEspaña, Claude Bussac, e a Premio Nacional de Fotografía Ana Teresa Ortega

Ademais da obra de Lens, tamén resultaron galardoadas La maraña, de Claudio Chust, co segundo premio (3.000 euros), e El paisaje, de Cecilia Coca, que recibiu o premio E CA Jove (2.000 euros).

A instantánea de Lens, xunto con outras cen seleccionadas como finalistas, conformarán a exposición Naturalezas contraditorias, que este xoves (27 de outubro) se inaugura no Espai d´Art Contemporani E CA de Riba-roja.
 

Comentarios