lunes. 10.05.2021 |
El tiempo
lunes. 10.05.2021
El tiempo

José Besteiro: "Cunqueiro fallou no que máis quería, eu tamén fallei niso"

JOSE MARIA BESTEIRO
José Besteiro. XURXO LOBATO
Cunqueiro naceu na primeira metade do século XX, co cinema; Besteiro, na segunda metade, coa televisión. Cunqueiro triunfou na escrita e Besteiro, no audiovisual

José Besteiro, "un produtor de segunda rexional", empezou a indagar na vida de Álvaro Cunqueiro e descubriu que o autor tivo unha que el foi repetindo. Conta esas liñas paralelas en Un hombre que se parecía a Cunqueiro (Ediciones del Viento). A obra preséntase este venres ás 12.30 horas na Dársena do Porto da Coruña.

Este libro son as súas memorias contadas a través do espello da biografía de Cunqueiro. Imaxinemos o reflexo. Que pensaría Cunqueiro deste libro?
Encantaríalle a parte de homenaxe. Non teño claro se lle gustaría a parte privada. Todos somos humanos.

JOSE MARIA BESTEIROEl era hermético nesa parte.
García Márquez di que todos temos unha vida pública, unha vida privada e unha vida secreta. Como non coñecimos a súa vida secreta ofrecinme inmolado para imaxinar o que sentiría.

Fala vostede do seu fracaso matrimonial en paralelo ao de Cunqueiro. Non tivo pudor co seu.
Non sería xusto deixar espido a Cunqueiro se non quedo eu tamén espido. Quixen contar o que sente Cunqueiro cando se vai de casa sendo neno ou cando se divorcia, pero, como non teño o seu testemuño, utilizo o meu en circunstancias semellantes. Explica na obra que é unha encarga de Umbral que tardou corenta anos en cumprir.

Pero esta biografía comeza na súa infancia.
Con 8 anos descubrín Merlín e familia no pazo do meu tío Moirón, o pazo de Cachán, ao lado da miña casa, en Riotorto. Pasei de ler tebeos e contos de fadas a descubrir a literatura. Recoñezo unha paisaxe que é a miña. Cunqueiro escribía contos de fadas para adultos. Quería ser futbolista ou astronauta, pero empezo a querer ser Alvarito cando vexo que Cunqueiro escribe en Sábado Gráfico. Con dez anos vou a Lugo, compro os seus libros en Alonso e en Souto. Na perruquería Roando, na Praza Maior, leo a revista Sal y Pimienta e descubro a Umbral. Esa é a base. Fixen un primeiro intento cando estudaba en Madrid en 1986 por suxestión de Umbral, pero marcho a Boston e convértome nun bartleby, polo que vou atrasando o proxecto. Durante a pandemia empezo a escribir as miñas memorias, nas que hai un capítulo dedicado a Cunqueiro. Ese capítulo foi medrando ata dar este libro.

✍️ Lee aquí en exclusiva el epílogo de 'Un hombre que se parecía a Cunqueiro'

Era unha figura importante na súa casa.
Era un heroe. García Márquez pide o Nobel para el, para alguén nacido en Mondoñedo.

En Un hombre que se parecía a Cunqueiro revela que pasou polo cárcere de Lugo. Vostede descobre unha carta a Trapero Pardo na que lle di estar "desesperado".
Escoitara dicir que estivera no cárcere, pensei que era por política. Lin a biografía que lle fixo Faginas, pero boto en falta moitas cousas. A vida de Cunqueiro non cabe nunha biografía.

Vai varias veces ao cárcere por problemas co estraperlo por amor á familia, é infiel á súa muller, Elvira, por amor a outras. O amor é a súa condena?
O seu amigo Xabier Domingo di que era un grande amante e Francisco Fernández del Riego, que o coñeceu dende novo, di que era moi namoradizo. Eu tamén fun namoradizo. Tiven a paciencia de revisar toda a súa obra e anotei doce historias de amor.

Insisto na tese. Vive sen grandes luxos.Unicamente quere o mellor para os seus.
El admira as familias das novelas de Balzac, unha familia como a que tivera el.
Cunqueiro confésao: "Fallé en lo que más quería". Eu tamén fallei. A pesar de que coñecía a súa historia, repetina. El morre coa frustración de non recuperar a familia.

O que máis quería era a Elvira e aos cativos. Elvira dicía: "Álvaro no me contó una verdad en su vida". Ela encerrouse na súa casa de Mondoñedo como "en la casa de Bernarda Alba", escribe vostede.
Nos anos 50 dedica un poemario a E. Era Elvira.

Cunqueiro vive entre algodóns na familia ata que ten que marchar a Lugo para estudar. Vostede tamén era o centro da casa.
Todos os nenos que van a un internado son príncipes destronados.

"Se chega a ser falanxista non vai ao cárcere. Pásanlle factura"

Aínda perdura a convicción de que Álvaro Cunqueiro pasou de ser nacionalista galego a franquista tras o golpe de Estado.

Como explica ese cambio?

Cunqueiro ve como matan a Lorca e o seu editor, Ánxel Casal. Sabe que está na lista. É de familia conservadora. Deixa de ser heroe e disfrázase de sochantre para mimetizarse. Pode que sufra a síndrome de Estocolmo e acabe crendo o papel. Hai momentos en que o cre. A mediados dos anos 40 escribe en privado contra Franco. "¿Qué clase de misericordia es esta que no perdona a los enemigos?" Acabou indo ao cárcere. Se chega ser falanxista non tería ido. Pasáronlle factura por criticar o réxime.

Botou a vida pedindo perdón: á muller, ao nacionalismo...
Nos anos 60 reinvindica o uso do galego por escrito en público, pero os nacionalistas non o perdoan porque era anticomunista. Parece que non lle importa o que pensen del, estaba por riba. Era un visionario que se adianta en dez anos ao realismo máxico, mestura o surrealismo coas cantigas galaicoportuguesas, marca o canon da crítica gastronómica europea e crea o articulismo fabulado ao introducir unha historia en cada columna.

Empeza cedo como crítico gastronómico.
Con 10 anos vai xantar á casa do cura de Duarría. Cando serven o peixe parécelle tan marabilloso que se levanta a aplaudir.

Non só escribía sobre cociña, foi un cociñeiro dotado.
Aplica a imaxinación á cociña, ponlle poesía. Escribe receitas inventadas para dar orixinalidade aos seus textos. Os nomes dos pratos da cociña francesa e de Ferrán Adriá nacen de Cunqueiro. Marca un xeito de falar de gastronomía non a finais do século XX, senón a mediados do século XX.

Tras a biografía de Cunqueiro está escribindo a de Umbral.
Entrevistei a Umbral aos 18 anos como correspondente de El Progreso en Madrid. El era amigo de Cunqueiro. Pon o seu nome en negriña.

Afirma que vostede é familiar de Julián Besteiro.
Tamén dicía que era familia do escultor Otero Besteiro.

TEXTO: Jaureguizar | FOTOGRAFÍA: Xurxo Lobato

José Besteiro: "Cunqueiro fallou no que máis quería, eu tamén...
Comentarios
ç