martes. 20.04.2021 |
El tiempo
martes. 20.04.2021
El tiempo

José Suárez ou a beleza que transcende a realidade

Una de las fotografías de José Suárez incluídas na exposición do Museo realizadas en distintos periodos e en distintos lugares do mundo. JOSÉ SUÁREZ
Fotografías de José Suárez incluídas na exposición do Museo realizadas en distintos periodos e en distintos lugares do mundo. JOSÉ SUÁREZ
Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez-Canal pechan no Museo de Pontevedra a itinerancia da gran mostra que montaron en 2015 sobre o fotógrafo de Allariz ► Composta por 150 imaxes e unha selección de cartas, libros e audiovisuais, poderá visitarse ata o 18 de abril

Galicia, Salamanca, Arxentina, Xapón, La Mancha, Inglaterra, o Mediterráneo. Miguel de Unamuno, Rafael Alberti, Delia Garcés, Manuel Colmeiro. Todo iso retratou, ao longo da súa vida, José Suárez, "o fotógrafo galego máis internacional, non só pola relevancia da súa obra, senón por unha vida nómada marcada polo exilio", en palabras do director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey. No ano 2015, Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez-Canal montaron unha gran mostra arredor da vida e da obra deste autor. Inaugurouse na Cidade da Cultura, en Santiago, e despois moveuse polos distintos países que fotografou Suárez. "Esa itinerancia tiña que rematar no Museo de Pontevedra, o único sitio no que quixo depositar parte da súa obra, 150 pequenas fotografías que compoñen unha importante colección", explicou Suárez-Canal. Despois do aprazamento ao que obrigou a pandemia o ano pasado, "José Suárez (1902-1974)" quedou inaugurada onte no Edificio Castelao.

Ata o 18 de abril poderá visitarse esta mostra composta por 150 fotografías, ademais dunha selección de cartas, recortes de prensa, documentos de distinto tipo, libros e audiovisuais, que permiten repasar a traxectoria dun fotógrafo cunha obra marcada "pola vangarda e pola singularidade", segundo indicou Xosé Manuel Rey. Suárez, dixo, era "un innovador cun traballo desprovisto de folclore e artificio", era o retratista "dunha beleza que transcende a realidade".

Segundo explicou Suárez-Canal, a exposición segue unha liña cronolóxica e está dividida en tres partes: unha primeira, que coincide cos anos 30 e os seus primeiros traballos tanto en Galicia como en Salamanca, onde trata a intelectuais como Unamuno ou entra en relación con publicacións como a Revista de Occidente; unha segunda, que inclúe o seu exilio en Arxentina e a estancia de dous anos en Xapón, e unha terceira, que comeza cando volve a España e agrupa as súas fotos de La Mancha ou do Mediterráneo, ademais das viaxes por Europa e o regreso definitivo a Galicia. A mostra péchase cunha serie de retratos.

formato. Suárez-Canal tamén contou que para a exposición se respectara o formato orixinal das imaxes (30 por 40 centímetros), así como que entre as curiosidades da mostra está a carta que o autor levaba sempre no peto, na que indicaba como quería ser enterrado.

«Non é a mirada do mariñeiro, nin do gaucho, nin de Unamuno. É a mirada de José Suárez», resumiu Manuel Sendón sobre o contido da exposición. O profesor da facultade de Belas Artes analizou as características da obra do de Allariz, afastada do habitual da época, o traballo por encargo ou o pensado para premios. "Suárez é totalmente diferente. Usaba a foto como ferramenta de expresión para achegarse a temas que lle parecían interesantes". Sendón destacou a "dimensión extraordinaria" do seu traballo cos mariñeiros, a súa visión cinematográfica, a influencia das vangardas e o carácter humanista das súas imaxes.

José Suárez ou a beleza que transcende a realidade
Comentarios
ç