"Se buscas facer cartos, non te dedicas á música"

Ortiga, Novedades Carminha e Niños Mutantes teñen algo en común: o seu representante. É o pontecaldelán Josiño Carballo. Fundador de Ernie en 2003, aproveitou a pandemia para renovar o proxecto. Acaba de publicar un libro de Julio de la Rosa e de levar a Grande Amore a Madrid
Josiño Carballo, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Josiño Carballo, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

Di que se ve a si mesmo exactamente igual que hai 20 anos, cando fundou a empresa Ernie Records, unha axencia de management e selo discográfico co que irrumpiu no panorama musical estatal en 2003. Hoxe, Josiño Carballo (Ponte Caldelas, 1974) publica os discos de Nada Surf e é o responsable das xiras e concertos de once grupos, entre eles, Novedades Carminha, Niños Mutantes e Ortiga. A maiores, entre 2007 e 2012 organizou o festival Lolapop en Ponte Caldelas e Redondela. "Nunca descartei recuperalo. Pero é difícil", recoñece. Entre 2013 e 2020 estivo asociado á outra gran promotora, produtora e empresa de management musical da provincia, Esmerarte.

Por que decidiron separar os seus camiños?
Por nada en particular. Foi unha decisión de mutuo acordo, sen que pasara nada en concreto. As dinámicas de traballo leváronnos aí. Esmerarte ten un volume de negocio e de traballo moi grande e é unha empresa moi potente á que eu lle estou moi agradecido por todo o que me axudou durante os anos nos que colaboramos. Pero houbo un momento no que quixen marcar o inicio dunha nova etapa para Ernie, recuperando o selo discográfico por exemplo. Ao facelo, faleino con Kin [Martínez, director de Esmerarte] e decidimos xuntos que o mellor era volver ser totalmente independentes. Cada un segue o seu camiño, pero mantemos a amizade e a admiración mutuas.

"Non hai boina xa. As novas xeracións rompen con calquera prexuízo que nós herdamos e fano con total naturalidade"

Iso foi xusto antes da pandemia. Como levou Ernie as restricións?
Economicamente moi mal. Pero foi un momento que aproveitamos para pensar moito. Porque concertos non se podían facer. Foi tamén un periodo de falar moito cos artistas porque para eles era moi difícil estar aprazando e volvendo aprazar para despois acabar cancelando. Todo o sector estivo metido nunha semidepresión, nun aletargamento. E eu só pensaba que non podiamos caer niso, que había que tirar para adiante. De aí xurde recuperar Ernie Records, facer un cambio de imaxe, incorporar novos artistas... En definitiva, buscar felicidade, ilusión e alegría. Eu non podía concibir o de tirar a toalla. Coa idade que teño, xa non creo que me vaia dedicar a outra cousa. Había que seguir para adiante.

Foi un renacemento.
Foi un renacemento total. Sobre todo, a partir da incorporación de artistas novos. A algúns lévolles máis de 20 anos. Comezas a falar con eles e non deixas de sorprenderte. E de aprender. Aprendo moito con eles cada día.

Josiño Carballo, en Pontevedra. GONZALO GARCÍAUn deses artistas novos cos que traballa é Ortiga. Sorprendeuno o seu éxito?
Fíxate, eu atopeime con Ortiga cando estaba con Esteban & Manuel e xa quedei fascinado. En plan: "Pero isto que é?". Empezamos a coincidir en festivais e en salas e a falar. El sabía o moitísimo que me gustaba. Así que cando quixo lanzar algo en solitario, chamoume e nin o dubidei: de cabeza. Vino moi claro. Ortiga é un rapaz con moitísimo talento. E comparte algo moi importante con estes artistas de novas xeracións que estou coñecendo: son moi traballadores. Non se ven a si mesmos como eu son o artista e punto, senón que curran moitísimo. A Ortiga a inspiración píllao sempre traballando, asegúrocho. Amén do directo que fai e da conexión que ten coa xente. É un espectáculo.

Outro rapaz desta nova xeración é Grande Amore.
Que chegou a min da man do propio Ortiga, do que podemos dicir que é discípulo avantaxado, a pesar de facer unha música moi diferente. É outro exemplo de talento, de traballo e de dedicación. Ortiga e Grande Amore van da man.

Tanto como para crear un proxecto en común, Los Rastreadores.
Claro. De tanto tempo que pasan xuntos, nos concertos, no coche, no local de ensaio, era case lóxico que nacese algo común: Los Rastreadores, que seguro que terá continuidade. Veremos en que momento, porque agora mesmo están os dous moi liados, pero seguro que repetirán.

Esta nova xeración de músicos está a marcar realmente un punto e á parte na música galega, rompendo prexuízos por exemplo?
Seguro. Non hai boina xa. É algo tanxible. Eu vou con eles por toda a Península e é algo normal. Está totalmente normalizado que actúen onde sexa. Estas xeracións rompen con moitos prexuízos que nós herdamos. Rompen con todo e fano con total naturalidade.

Unha das novidades máis recentes do seu selo é El apego, de Julio de la Rosa. Un disco no que soa un tema de 49 minutos sen pausa.
É que Julio de la Rosa é alguén moi particular. Sempre o foi. Acaba de facer un disco para escoitar, fóra de modas, fóra das playlists das plataformas, fóra da búsqueda dun hit... É algo que a moita xente lle resultaría hoxe inconcebible. Pero el faino. É un disco para un melómano, para escoitar co corazón, para sentar e gozar. Neste caso é unha obra motivada polo nacemento da súa filla, que se completa cun libro.

O primeiro libro que publique Ernie.
Exacto. Son proxectos totalmente independentes que teñen en común ter nacido a partir da chegada da súa filla, Inés.

Fala ben do representante e do responsable do selo que lle dea liberdade total ao artista e non lle esixa ese hit do que falaba antes.
Os discos non se venden. Vivimos claramente dos directos. E, en todo caso, eu entendo que a función do manager é a de acompañamento. Acompañamento continuo. Que, nalgún caso, pode engadir unha certa guía. Non creo nun manager intervencionista, que lle diga ao artista tes que facer isto así ou asá, aínda que o levará a triunfar masivamente, fíxate. Pero non se trata diso. Porque matarías ao artista. Entón, que queres? Un artista ou unha máquina de facer cartos? Mira, se de verdade buscas facer cartos non te dedicas á música. Iso a día de hoxe téñoo clarísimo.

"É moitísimo máis doado traballar dende Madrid, pero a día de hoxe eu non cambio Ponte Caldelas por nada"

Julio de la Rosa, o artista que lle dedicou un Goya.
Aínda hoxe presumo dese premio e aínda hoxe me sinto absolutamente feliz cando lembro esa noite.

Unha das últimas incorporacións de Ernie son as Shego.
Si. As últimas foron as de Grande Amore, Shego e Vera Fauna.

As únicas rapazas que leva, que fan un punk rabioso e feminista moi destes tempos.
Eu chego a Shego por Carlangas [Novedades Carminha]. Despois dun concerto apareceron en Madrid e puxéronse a falar con el. E foi el o que me dixo que as tiña que escoitar. E non só as escoitei senón que as fichei e o disco está producido por Carlangas. Son unha auténtica explosión. Volvemos ao de antes: aprendo cada día que estou con elas. Teñen 20 anos e cero prexuízos. A actitude que teñen en directo déixate coa boca aberta. Letras acedas, directas, clarísimas e nas que levan toda a razón.

Ernie seguirá en Ponte Caldelas?
Quizais houbo algún momento na miña vida na que valorei brevemente trasladarme. Porque é moitísimo máis doado traballar dende Madrid, iso é así. Se non, o que che queda é viaxar alá todo o tempo. Pero que va. Hoxe non cambio Ponte Caldelas por nada. Estou moi feliz coa vida que teño.

Comentarios