'Jugar jueguitos' ou como conectar videoxogos e arte

Pontevedra acolle a primeira exposición dun proxecto que continuará expandíndose a través de mostras, jams dixitais e obradoiros
Un detalle da exposición que permanecerá aberta no espazo Kentada ata a semana que vén. RAFA FARIÑA
photo_camera Un detalle da exposición que permanecerá aberta no espazo Kentada ata a semana que vén. RAFA FARIÑA

Explorar e desenvolver o vínculo entre os videoxogos e a arte contemporánea é un dos obxectivos principais de Jugar jueguitos, un proxecto que vén de inaugurar en Pontevedra, no espazo Kentada (Rúa da Barca), a sua primeira exposición. Detrás da iniciativa está Roque Piñeiro Roquekes (Santiago de Compostela, 1998), creador afincado en Pontevedra interesado en investigar nas posibilidades da tecnoloxía.

"Detrás do proxecto non hai ningunha intención de dignificación nin de reivindicación de ningún tipo", explica Roquekes, que contou coa colaboración de Carlos Cortés e de Future Ruins. "Simplemente se trata de mostrar e poñer en común traballo en relación cos videoxogos".

O que quere facer Jugar jueguitos fundamentalmente é mostrar as posibilidades dos videoxogos como soporte de propostas artísticas experimentais e interactivas, máis alá do que é o seu carácter comercial dentro dunha industria.

"O obxectivo do proxecto e promover, difundir e impulsar estas manifestacións a través de exposicións, obradoiros, charlas, jams e contido nas redes, así como establecer unha comunidade e unha rede de contacto entre artistas", explica Roquekes. "É dicir, Jugar jueguitos non se centra no videoxogo como produto comercial pensando en termos de mercado ou industria, senón que pon o foco na perspectiva artística e experimental do medio e no seu potencial de expresión".

Así, na exposición de Kentada, na que participan, entre outros, Isi Cano, Eufrasio, Iván McGill, Alien Melon, Blaz Gracar, Cecile Richard, Nacho García, Luis Yang e a xa mencionada Future Ruins, os creadores traballaron "ben coa linguaxe do videoxogo, ben coa súa estética, ben coas súas referencias". As obras que se poden ver van dende videoxogos experimentais a net art, pasando por videoarte, ilustración, fotografía, escultura e instalacións.

Paralelismo co mundo dos fanzines

Roquekes fai un paralelismo entre esta proposta e "o mundo da fanzinada". "É dicir a arte gráfica e o cómic están moi relacionados cos fanzines, pero o contexto, o formato e o público obxectivo destes últimos permítenlles unha experimentación que non terían cabida nunha editorial convencional". Aquí pasa igual. "Do que se trata é de incentivar e mostrar estas manifestacións que ocorren dentro do videoxogo, pero que pola súa natureza nunca terían sitio no mercado".

Outro dos obxectivos de Jugar jueguitos é rachar cos límites dos videoxogos e, con eles, cos prexuízos. "Existen moitas ideas preconcibidas que acaban reducindo o videoxogo a un Super Mario ou a un Fifa, cando hai moitísimas máis cousas que está facendo xente que incluso non ten nin sequera nada que ver coa arte contemporánea, pero que emprega este medio para expresarse".

A idea de Roquekes é que o proxecto siga expandíndose con máis propostas. Este xoves celebrouse un obradoiro de Bitsy en Kentada e está en marcha unha jam dixital. A intención é que a proposta siga medrando.

A maiores, mentres a exposición permaneza aberta ao público (ata o 10 de xuño), Jugar jueguitos conta con celebrar unha jam dixital e un obradoiro de Bitsy presencial en Kentada.

Comentarios