lunes. 23.09.2019 |
El tiempo
lunes. 23.09.2019
El tiempo

Kalandraka faise canle de televisión

O equipo de Kalandraka presentando a canle, no Espazo Nemonon. CHRISTIAN FERNÁNDEZ
O equipo de Kalandraka presentando a canle, no Espazo Nemonon. CHRISTIAN FERNÁNDEZ

A editorial pontevedresa lanza un espazo audiovisual on-line adicado en exclusiva ao ámbito da literatura infantil e xuvenil ►«O noso obxectivo é que todo este traballo leve ao libro en papel. Non contemplamos outra cousa

PONTEVEDRA. Todo comezou nunha conferencia do ilustrador italiano Roberto Innocenti. «Saímos de alí pensando na pena que era non poder compartir toda aquela sabedoría coa xente», conta a directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez. «Xa nos gustaría ter hoxe "enlatadas" conferencias de Agustín Fernández Paz ou Xabier P. Docampo», corroborou o director do selo pontevedrés, Xosé Ballesteros. Esa foi a orixe da canle de televisión on-line de Kalandraka, www.kalandraka.tv, un espazo no que o equipo da editorial, xunto a Beatriz Campos e José Miguel Sagüillo, leva arredor de seis meses traballando. O proxecto, único no ámbito da literatura infantil e xuvenil, foi presentado onte (pola mañá para os medios de comunicación e pola tarde para o público en xeral) no Espazo Nemonon de Pontevedra.

É precisamente unha entrevista a Roberto Innocenti en Florencia un dos primeiros contidos da nova canle, que ademais ofrece reportaxes, visitas a obradoiros de ilustradores (como Mark Taeger), encontros entre escritores e debuxantes, recomendacións de lectores, booktrailers, videoclips e repaso de novidades, entre outras cousas. O portal nace con doce seccións e pretende ir renovando contidos cada semana. «Ademais estamos traballando nunha aplicación para poder acceder directamente ao espazo», contou Ballesteros, que lembrou que o obxectivo final de Kalandraka, mesmo no uso das novas tecnoloxías, era acabar chegando ao libro en papel. «O noso obxectivo é que todo este traballo leve ao papel. Non contemplamos outra cousa. Isto non deixa de ser unha fiestra para poder ollalo e que se entenda mellor que hai detrás del».

GALEGO E CASTELÁN. A televisión de Kalandraka utilizará como linguas vehiculares o galego e o castelán, pero ten previsto ir abríndose a máis. «Este é un proxecto en construción, para compartir con todos os sectores, unha fiestra aberta á que se poden asomar todos os que fan libros e todos os que os reciben». Neste sentido, Ballesteros aclarou que os contidos non se limitarán a promocionar os títulos de Kalandraka. «De feito, a primeira recomendación que se incluíu é un libro de Gloria Fuertes, editado por Blackie Books», apuntou Manuela Rodríguez.

A editorial pontevedresa enmarcou tamén o lanzamento da televisión na loita por facerse un oco entre os grandes selos editoriais. «De cada dez libros que se publican, seis son dun dos dous grandes grupos editoriais españois. Acadar visibilidade é unha tarefa titánica».

Kalandraka faise canle de televisión
Comentarios