Kalandraka faise con dous Premios aos Libros Mellor editados do ano

O Ministerio de Cultura recoñece 'Cándido y los demás' e 'Cara de velocidad' entre as mellores obras infantís e xuvenís de 2018
Portadas de 'Cándido y los demás' e 'Cara de velocidad' - Interior
photo_camera Portadas de 'Cándido y los demás' e 'Cara de velocidad'

A editorial pontevedresa Kalandraka vén de facerse con dous Premios aos Libros Mellor Editados do ano, que falla o Ministerio de Cultura. Trátase de Cándido y los demás e de Cara de velocidad, primeiro e terceiro posto na categoría de obras infantís e xuvenís destes galardóns.

Libros mellor editados 2018Trátase precisamente de dúas obras que gañaron os dous premios de álbum ilustrado que convoca Kalandraka: o Premio Compostela, xunto ao Concello de Santiago, que foi o que recibiu Cándido y los demás (2018) e o Premio Ciudad de Orihuela, xunto ao Ayuntamiento desa localidade alacantina, que foi para Cara de velocidad (2017).

O Ministerio de Cultura outorga cada ano quince recoñecementos aos libros mellor editados en España. Faino en cinco categorías: Arte, Bibliofilia, Facsímiles, LIX e Obras Xerais. Sen dotación económica, os galardóns supoñen "reconocimiento y prestigio", así como un impulso á difusión destes títulos, xa que son expostos nas feiras internacionais do libro Liber, Fráncfort e Leipzig. Finalmente, as obras son doadas ao German Book and Type Museum de Leipzig. Segundo informou o Ministerio, o xurado valorou este ano 145 obras.

A editorial pontevedresa suma estes dous novos recoñecementos a unha traxectoria pragada deles e que inclúe outros Premios aos Libros Mellor Editados, por Máquinas ou Kipling ilustrado por exemplo, e Premios Nacionais de Ilustración, por O coelliño branco ou ¿Dónde perdió la luna la risa? entre outros. O selo pontevedrés foi tamén merecedor do Premio Nacional á Mellor Labor Editorial en 2012.


DISTINTO. Neste caso, Cándido y los demás trata "a diferenza e a diversidade, a través das vivencias dun personaxe sensible, distinto; ou non tanto". Porque o que descubre esta obra é que todo depende da ollada propia cara os demais e da allea cara un mesmo. O autor do texto é Fran Pintadera e o das ilustracións Christian Inaraja. Á hora de outorgarlle o Premio Compostela, o xurado valorou "a contemporaneidade da linguaxe e a universalidade temática, o seu estilo directo, coherente, circular e a súa riqueza gráfica, achegada ao deseño actual".

A compostelana Marga Tojo, pola súa banda, é a autora de Cara de velocidad, que foi ilustrado por María Hergueta. Gañadora do X Premio Ciudad de Orihuela de Poesía para Niñas y Niños, a obra leva a aventura e o xogo cotián ao ámbito poético. Neste caso, o xurado escolleu o título "pola súa orixinalidade e potencia das súas imaxes poéticas (...), así como pola altura lírica das súas composicións".

Comentarios