Kalandraka publica Makakiños en galego

Unha das páxinas de 'Carapuchiña'. KALANDRAKA
photo_camera Unha das páxinas de 'Carapuchiña'. KALANDRAKA

Carapuchiña fala galego por primeira vez para os nenos con autismo. A editorial Kalandraka vén de publicar no idioma propio títulos da colección Makakiños, un proxecto dirixido a nenos con autismo e outras capacidades especiais que desenvolve en colaboración coa asociación Bata, de Vilagarcía de Arousa, dende 2010 e que ata agora incluía só títulos en castelán. Os dous primeiros contos que saen en galego son A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella e Nicolás cociña sen lume.

"As obras que se escolleron representan o que veñen a ser as dúas liñas de traballo que se seguen en Makakiños", explica a editorial. "Por un lado está a adaptación de contos tradicionais ou obras de autor a esta narración a través de pictogramas. Por outro, a serie que busca axudarlles a conseguir autonomía na súa vida cotiá, no seu día a día".

AVerdadeiraHistoriaDeCarapuKalandraka destaca o esforzo que supuxo a adaptación da Carapuchiña. "Foi un proceso longuísimo que pensamos que mereceu a pena pola calidade do resultado". Este conto, unha versión do mestre e escritor especializado en tradición oral Antonio Rodríguez Almodóvar, pretende achegarse o máximo posible ao conto orixinal. "Tiñamos especial interese e ilusión en que este fose o primeiro conto de autor de Makakiños en galego porque é un título moi particular e porque para nós ten un significado especial", indica o selo pontevedrés. "Entre outras cousas, foi a primeira vez que traballamos co ilustrador Marc Taeger, afincado en Bueu".

NicolásCociñaBATA_gALICIA SUÁREZ. A segunda das obras, Nicolás cociña sen lume tamén conta con debuxos dunha autora pontevedresa, Alicia Suárez. Neste caso, o título proponlle aos cativos unha serie de receitas sinxelas, que van dende un sandwich de xamón e queixo a unhas trufas de chocolate, co obxectivo de animalos a ter unha primeira experiencia na cociña.

Aínda que están realizados en colaboración coa asociación de tratamento do autismo de Vilagarcía (www.autismobata.com), este libros, que usan a linguaxe de pictogramas SPC, un sistema de comunicación baseado en debuxos e cores desenvolvido pola estadounidense Roxana Mayer-Johnson en 1981, serve para axudar na comprensión lectora a persoas con distintas discapacidades intelectuais ou de desenvolvemento como disfasia ou Síndrome de Down.

Comentarios