Kiko da Silva publicará un libro cos seus carteis para enfrontar as costas do xuízo contra o PP

Segundo contou o creador, a idea deulla outro ilustrador, Kohell, para poñer punto e final á súa relación co Entroido de Pontevedra
Ejemplares del libro. DP
photo_camera Ejemplares del libro. DP

O cartel de Santiago Paredes que se presentou este venres é o primeiro do Entroido que non realiza Kiko da Silva nos últimos 14 anos. O ilustrador, que renunciou en 2020 a seguir aceptando a encarga do Concello, comunicou a través das súas redes sociais que ía publicar un libro, Ilustrando o Entroido, no que reúne todos os carteis que veu facendo de xeito ininterrompido dende o ano 2008. Ademais de recompilar todas as ilustracións que formaron parte das diferentes campañas, Da Silva incluirá explicacións sobre o proceso creativo.

Segundo contou o creador, a idea deulla outro ilustrador, Kohell, para poñer punto e final á súa relación co Entroido de Pontevedra. A obra, que está en prevenda na páxina web da súa editora, verá a luz en maio de 2022.

O autor tamén contou que parte dos beneficios da venda do volume irán destinados a pagar as costas do xuízo que perdeu contra o voceiro do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez.

O debuxante denunciou ao político o ano pasado por considerar que atentaba contra a súa honra ao ter criticado publicamente que se lle viñesen outorgando "a dedo" estas encargas e relacionalo co feito de ir de número catro na lista do BNG pola provincia nas últimas eleccións xerais.

Tanto o xulgado, en primeira instancia, como a Audiencia Provincial, despois, desestimaron a denuncia e Da Silva está obrigado a pagar as costas xudiciais.

Comentarios