viernes. 18.10.2019 |
El tiempo
viernes. 18.10.2019
El tiempo

Kiko da Silva reivindicará en Pontevedra "a mensaxe real" de 'A derradeira leición do mestre'

Kiko da Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Kiko da Silva. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Non acudirá á inauguración en protesta pola "negación á verdade" nas verbas de Alberto Núñez Feijóo e no canto diso versionará o debuxo para "pór en valor" o seu significado

O debuxante Kiko da Silva fixo un chamamento á cidadanía para que participe este venres nun acto de protesta, ás 12.30 horas, contra a "negación á verdade" que viu nas palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a presentación de A derradeira leición do mestre de Castelao.

Para reivindicar "o significado" e "a mensaxe real" desta obra, na que "quen está alí é Alexandre Bóveda" en homenaxe aos mestres asasinados pola represión franquista, Kiko da Silva explicou, en declaracións a Europa Press, que prevé facer unha versión en directo do debuxo previo orixinal, que se expón no Museo de Pontevedra, pero que agora se trasladou para formar parte da exposición en torno ao cadro chegado de Arxentina.

Farao na sala Castelao, na que habitualmente se exhibe ou, no caso de que haxa algún problema para realizalo, na rúa, fronte ao Sexto Edificio do Museo pontevedrés.

A súa intención é "que haxa unha reflexión" sobre o "significado real" dun artista "cun convencemento político detrás" e que fixo esa obra exiliado. "Non se pode obviar (...) Temos que reivindicar, pór en valor e que perdure a mensaxe real", subliñou o debuxante.

Neste sentido, censura que a "sensación" que tivo este mércores é que Feijóo quería "cambiar a historia", algo que non quere que ocorra.

"NON ESQUECER A BARBARIE". Por iso, e aínda que recibiu unha invitación oficial para acudir á inauguración da exposición este venres ("en principio ía ir"), decidiu que non acudirá, pola "tomadura de pelo aos galegos", "á intelixencia" e á "xente da cultura" e que ten "unha vinculación artística" con Castelao. O propio Da Silva está a preparar unha adaptación ao cómic de relatos do autor de Rianxo.

"Hoxe volveron matar a Alexandre Bóveda outra vez... Feijóo non dixo nin unha soa palabra sobre a represión franquista no acto de presentación de A derradeira leición do mestre de Castelao", critica a través do evento creado en Facebook, que conclúe cunha exclamación: "A derradeira leición do mestre é non esquecer a barbarie do franquismo!".

Kiko da Silva reivindicará en Pontevedra "a mensaxe real" de 'A...
Comentarios