O Kraken chega a Pontevedra

O graduado en Belas Artes Daniel Rodríguez Palacios pon en marcha na cidade a primeira academia de animación stop motion de Galicia

Daniel Rodríguez Palacios traballando na súa academia da rúa Alcalde Hevia. GONZALO GARCÍA
photo_camera Daniel Rodríguez Palacios traballando na súa academia da rúa Alcalde Hevia. GONZALO GARCÍA

Pontevedra vén de converterse na única cidade galega que conta cunha academia de animación en stop motion (técnica que consiste en aparentar o movemento de obxectos por medio dunha serie de imaxes fixas sucesivas). Inspirándose no centro do mesmo tipo que dirixe Lula Gómez en Barcelona, púxoa en marcha, o ano pasado, Daniel Rodríguez Palacios 'Lizartonne' (A Coruña, 1989), graduado en Belas Artes, que actualmente prepara o seu doutoramento e que ten traballado con Fernando Cortizo (O Apóstolo) e con David Fidalgo Omil (Cartas a Superman), entre outros.

"A idea era iniciar as clases o pasado mes de setembro", conta Lizartonne. "Pero finalmente non puidemos abrir ata novembro. Así que o que estamos facendo este ano é un curso de iniciación á stop motion as fins de semana". A idea é que a academia, que bautizou como Kraken na honra da película ao traballo do mestre dos efectos especiais Ray Harryhausen en Furia de titáns, funcione a pleno rendemento o ano que vén.

"A miña intención é ofrecer unha formación íntegra de tres anos. Porque ata o momento, o que existe en Galicia é a posibilidade de facer cursos soltos. Ou o Máster en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual de Belas Artes. Pero aquí o que ofreceriamos é algo diferente, máis especializado, unha formación íntegra sobre este tema concreto, tocando todos os paus, dende o guión e o "concept art" ata a realización do filme".

O temario repartiríano en diferentes materias que impartirían o propio Lizartonne, David Fidalgo Omil e Nuria Bouzas, os tres ex-alumnos de Belas Artes. A idea é que ao longo de cada curso, os alumnos desenvolvan os seus propios proxectos. "E despois proxectalos e mesmo facer exposicións co traballo previo". Ademais, conta co apoio de profesionais do sector como Fernando Cortizo, a pontevedresa Cristina Acuña Solla (Kubo e as dúas cordas máxicas, A vida de cabaciña) ou o grovense Daniel Abalo (Anomalisa, Frankenweenie), que impartirían master class.

Na era da animación dixital, o stop motion reivindícase. "Á imaxe dixital finalmente fáltalle algo. Quizais é unha cuestión de plasticidade: por moito que o imiten, nunca acaban de ter o acabado dos bonecos reais", explica Lizartonne. "O do stop motion é agora mesmo un cine alternativo, cun público que mira con outros ollos".


 

Comentarios