jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Lalín peregrina con Laxeiro

Blanco, García e Vilariño caracterizado de Laxeiro con membros da cooperativa Urdime (dereita), este xoves. B.PAZ
Blanco, García e Vilariño caracterizado de Laxeiro con membros da cooperativa Urdime (dereita), este xoves. B.PAZ
Organiza dez roteiros teatralizados polo Camiño de Inverno co pintor como protagonista

En Lalín conflúen o Camiño de Inverno e a Vía da Prata. Co obxectivo de promocionar o patrimonio natural, material e cultural de ambas rutas ó seu paso pola localidade, o Concello porá en marcha ó longo da próxima semana o proxecto Lalín, cruce de camiños, unha iniciativa que conta co apoio do programa O teu Xacobeo e que contempla a realización de dez andainas teatralizadas polo trazado de Inverno e dunha última, guiada, polo da Prata. Nas primeiras, que se realizarán do luns 21 ó sábado 26, o actor local Inacio Vilariño encarnará ó pintor Laxeiro para acompañar ós camiñantes. Na de clausura, o domingo 27, haberá tres guías especializados. 

Os primeiros peregrinos serán os escolares dos colexios lalinenses Manuel Rivero, Vicente Arias de la Maza, Varela Buxán, Xesús Golmar, Xoaquín Loriga e Sagrado Corazón, así coma os estudantes dos institutos locais Laxeiro e Ramón María Aller Ulloa. Con dous centros cada día, celebraranse rutas polo Camiño de Inverno o luns, martes, mércores e venres. O xoves 24, será a quenda dos usuarios da Asociación de Pais de Diminuidos Psíquicos de Deza (Aspadeza). Todas elas serán teatralizadas, da man da personaxe de Laxeiro, a quen acompañarán Rocío González e Luchi Iglesias. Partirán da casa natal do pintor, situada en Donramiro, e percorrerán o Marquesado da Romea para descubrir a infancia do artista. Ataviado como o peregrino que unha vez foi, Laxeiro y os camiñantes iranse atopando coas personaxes das súas pinturas, ó tempo que pasarán pola igrexa de Donramiro ou a Casa da Crespa. 

As rutas serán a próxima semana e rematarán cunha guiada pola Vía da Prata e cun concerto

Este mesmo roteiro abrirase o sábado 26 ó público xeral. A saída será las 12.00 horas e conta con servizo de autobús para, ó rematar, voltar ó inicio. O percorrido será de dous kilómetros. Para participar é necesario realizar unha inscrición previa, a través da dirección de correo electrónico [email protected] ou chamando ó teléfono 604 062 506, en horario de 9.30 a 14.00 horas, de luns a venres. Hai 55 prazas dispoñibles. 

PECHE CON DEGUSTRACIÓNS. Lalín, cruce de camiños rematará o domingo 27 cunha ruta pola Vía da Prata ó longo de seis kilómetros. Comezará no albergue de A Laxe, en Bendoiro, e rematará na ponte romana de Ponte Taboada. A guía oficial será Paloma Trillo, á que se sumarán as aportacións do biólogo Fernando Anido e da filóloga Marta Negro, que abordará a toponimia dos lugares polos que pasen. Un dos puntos ó que chegará será o Pazo de Liñares, onde membros de Aspadeza convidarán a café e doces. Nesta ruta, os camiñantes tamén recibirán unha acreditación especial, coma se de peregrinos oficiais se tratase. 

A camiñata dominical pola Vía da Prata rematará cunha actuación do grupo tradicional Mayalde, na Praza da Igrexa

Tamén neste caso hai que anotarse previamente e haberá servizo de autobús, que partirá ás 9.45 horas da Praza da Igrexa de Lalín e voltará arredor das 13.00 horas ó mesmo lugar, onde se celebrará un concerto. Actuará o grupo de música tradicional Mayalde, que ten no mercado unha decena de discos, entre eles Camino de la Plata. A súa música amenizará a degustación de petiscos elaborados con produtos da zona e que se servirán baixo unha carpa. 

"Laxeiro naceu e viviu ó pé do Camiño", explicou este xoves o actor que encarnará ó pintor, do que dixo que "sempre albergou o desexo de facer o Camiño, e faino". Na súa teatralización, Vilariño deixará tamén patente o "vínculo moi forte" do artista co poeta Uxío Novoneira, "un gran cantor dos camiños de Santiago". 

Como novidade, a proposta inclúe a creación dunha audioguía baseada no roteiro teatralizado do Camiño de Inverno, da que poderán botar man as persoas que fagan o tramo con posterioridade. 

A creación dunha audioguía baseada no roteiro teatralizado para consultas daralle continuidade ó proxecto

COMO "MODELO". "Este proxecto pon a Lalín como escaparate e modelo do que queremos que fagan os concellos que están no Camiño, e mesmo outros, porque pretendemos que este sexa un Xacobeo de todos", sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. 

A través do Xacobeo, dixo, "temos que potenciar, música, paisaxe, gastronomía, cultura, economía, vida saudable... que nos axude a poñer en valor os nosos referentes de sempre". A edila de Cultura, Begoña Blanco, animou á participación e agradeceu o apoio económico da Xunta de Galicia.

Lalín peregrina con Laxeiro
Comentarios