Lara Dopazo: "Antonia Pozzi salvoume no confinamento"

Escritora e bolseira no Iowa Writers'Workshop en español, acaba de traducir unha escolma de poemas de Antonia Pozzi ao galego 
undefined
photo_camera Lara Dopazo, escritora. DP

Está agora mesmo nunha Escola de Escritura Creativa de Iowa de moita sona.

O famoso famoso é o programa en inglés, o Iowa Writers’ Workshop. Eu estou no programa en español. O outro, que xa tiña moito prestixio, acabou por facerse mainstream porque saíu na serie de Lena Dunham, Girls. Pero, ademais, el pasaron algúns dos autores máis coñecidos dos Estados Unidos do último século [entre eles, unha ducia de premios Pulitzer]. Os workshops de escritura creativa en inglés levan funcionando moitos anos. O de Iowa, do ano 30 e pico, foi o primeiro. Aquí teñen moita tradición. E haberá uns 10 ou 15 anos empezaron a aparecer os de español, eu creo que derivados do peso que o idioma comezou a ter no país e do peso que ten a literatura en español a nivel mundial. Son programas diferentes, pero é verdade que este se alimenta do prestixio do outro. Con todo, hai que recoñecer que é moi bo, que ten un profesorado excelente e moito nivel.

Á fin e ao cabo, forman parte da oferta do mesmo centro.

Claro, son da mesma universidade [College of Liberal Arts & Science]. E o formato, en realidade, é moi semellante. Dura dous anos e eu acabo de chegar. Levo aquí algo máis dun mes.

Non son clases ao uso.

Non, non son. Os talleres son moi prácticos. Asumen que todos os que chegan aquí xa son escritores, xa veñen aprendidos da casa, e veñen a mellorar a súa escrita. Así que se levan os textos aos distintos talleres e, alí, todo o mundo comenta o que ti escribes. Son obradoiros pensados para retroalimentarnos, digamos.

Atopou máis ou menos o que agardaba?

A imaxe destes workshops que teñen proxectado ficcións como Girls está distorsionada? No meu caso, o taller superou as miñas expectativas. Porque eu non estaba afeita a traballar desta maneira e é un proceso moi enriquecedor. O nivel das aulas é moi alto.

Mentres tanto, Rinoceronte publicoulle Lume branco unha escolma de poemas da italiana Antonia Pozzi que correu á súa conta e que traduciu vostede mesma.

Este proxecto xorde porque, antes da pandemia, alguén me fai a encarga de escolmar a Antonia Pozzi. Así que me puxen a traducila. Para min o confinamento foi Antonia Pozzi. Converteuse nunha táboa de salvación. Porque me mantivo ocupada. Era un traballo que podía facer sen saír da casa. Agradecín moito que aparecese esta muller na miña vida. Pero aquel proxecto finalmente caeu. E atopeime con que tiña un libro traducido e nada que facer con el. Revisando a páxina de Rinoceronte, dei coa súa colección de poesía. Traduciran a Constantino Cavafis, a Emily Dickinson... Encaixábame perfectamente Antonia Pozzi aí. Ofrecinlles o traballo e dixéronme que si. Ademais moi axiña e poñéndomo todo moi fácil.

Como foi achegarse a esta poeta?

Achegueime a ela sen saber moi ben que ía atopar e sorprendeume moito. Primeiro, pola súa contemporaneidade. Se eu non soubese que morreu nos anos 30 e me desen os seus poemas podería dicir que se escribiron onte. Utiliza unha linguaxe moi simple e depurada. A nivel lingua parece fácil entrarlle. Pero, baixo esa aparente simplicidade, ten moitas capas e atópase unha poesía máis complexa. A dificultade está en entendela ben e en conservar o ritmo dos poemas.

Outro proxecto seu, que se acaba de presentar na Semana do Libro de Compostela, é Defensoras dos dereitos. Que é esta colección?

Un proxecto que me encanta. Naceu a proposta de Agareso, da Coordinadora Galega de ONGD e da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, que traballan dende hai tempo na visibilización de defensoras de dereitos en Mesoamérica [Centroamérica máis México Trátase de dar a coñecer cal é a situación dos dereitos humanos en América Latina e os frentes que teñen abertos as mulleres: como feministas, como parte de minorías étnicas, como defensoras da terra, etc. É unha colección de cinco libros, cos tres primeiros xa publicados: os dedicados a Miriam Suazo, de Honduras; a Estela Ángeles Mondragón, de México, e a María Cuc Choc, de Guatemala. Son libros pensados para traballar en aulas con adolescentes, pero evidentemente tamén pode lelos calquera adulto. Son libros para descubrir e para pensar.

Amor pola literatura e compromiso. Por aí é por onde se move como autora?

Totalmente. Eu estudei xornalismo así que manteño esa pulsión por reportaxear. Traballei durante uns anos no ámbito do desenvolvemento e das ONG, así que teño unha base de coñecemento e de experiencia nese sentido. E despois está a literatura, por suposto.

Volverá a Marín cando remate a estancia en Iowa?

A miña idea é volver. Pero a vida dá moitas voltas. Se me dixeran hai tres anos que ía estar vivindo nos Estados Unidos, non o crería. Non sei se a Marín, pero a Galicia quero volver seguro.

Preguntáballo porque se ten referido ao prezo que se paga cando se elixe quedar nun sitio pequeno conscientemente.

Sen dúbida págase un prezo. A oportunidade que estou tendo agora en Estados Unidos, dous anos como bolseira para facer un mestrado de escritura creativa, é algo que nunca me podería pasar xa non digo en Galicia, senón en todo o territorio español. Pero vindo aquí renuncio a estar preto da miña familia, do lugar ao que pertenzo e da miña lingua. Por todo pagas un prezo sempre.

Comentarios