'Las Altas Presiones' xa loce nas grandes pantallas de Pontevedra

A película rodada en Pontevedra estreouse este venres nos cines da cidade coa presenza do director
Presentación da película na Casa das Campás co director, Ángel Santos; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e o produtor, Daniel Froiz
photo_camera Presentación da película na Casa das Campás co director, Ángel Santos; a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e o produtor, Daniel Froiz

"Hai dous anos estabamos en Pontevedra rodando esta película e este sábado se estrenou nos cines da cidade e de toda España", explicaba onte Daniel Froiz, produtor do filme ‘Las Altas Presiones’, que se proxecta estes días nos cines da cidade e máis nalgunhas outras salas de Galicia, como nos Multicines Norte de Vigo ou na Sala Numax de Santiago de Compostela. Deste xeito, ‘Las Altas Presiones’ poderase ver en once salas de toda España.

O director da longametraxe rodada en Pontevedra e no seu contorno, Ángel Santos, presentouna onte na Casa das Campás xunto ao produtor, Daniel Froiz, e a concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Esta última expresou a súa ledicia por "ver como un proxecto que se produce aquí chega ao cinema".

Ángel Santos amosouse agradecido co Concello polo apoio prestado, xa que chegar ao cine é moi difícil. "Estamos celebrando que estamos nas salas, algo que pode parecer normal para unha película, pero que é moi complexo". E é que, tal e como explicou o propio produtor, ‘Las Altas Presiones’ compite nas carteleiras con filmes que distribúen grandes compañías como Warner Bros ou Universal. Neste sentido, o cineasta explicou que hai un movemento emerxente de persoas interesadas en dar saída ao cinema de autor e expresou o seu desexo de que estas boas intencións callen na cidade de Pontevedra con salas de cine alternativas ás grandes superficies comerciais.

O director destacou que con esta película a paisaxe de Pontevedra está a viaxar por todo o mundo. De feito, estreouse a nivel mundial no Festival de Cine de Busan, o máis importante de Asia. "Levanta moito a moral ver imaxes da ría de Pontevedra ou da Praza da Verdura con subtítulos en coreano", contaba onte Santos.

Ademais, Santos destacou o apego que ten Pontevedra pola cultura. Por iso, tanto o produtor do filme como o director destacaron a colaboración e implicación de diversos colectivos da cidade. Así, no filme hai varias escenas gravadas no Liceo Mutante e a música é obra do grupo pontevedrés Unicornibot. "Na película incluso pode verse unha actuación desta banda en directo, que nos cedeu a súa música de favor, xa que nós non podiamos permitirnos pagar o que custa unha banda sonora para a película".

Santos fixo fincapé na utilidade das "conexións de ida e volta" nun filme no que o orzamento non superou os 600.000 euros. Deste xeito, intercambiar experiencias con bandas de música emerxentes e outros colectivos interesados en acoller unha rodaxe foi unha ferramenta fundamental para levar a cabo esta película.

Ademais da presentación do domingo, o filme tamén contou cunha estrea oficial en Vialia, na que participou o propio director cun coloquio previo á proxección.

Comentarios