jueves. 25.02.2021 |
El tiempo
jueves. 25.02.2021
El tiempo

Laura de Gabriel: "Estamos felices de que tanta xente cante con nós"

Uxía Lambona. DP
Uxía Lambona. DP
A súa versión da Carolina ten máis de 240.000 visualizacións en YouTube e os seus Parabéns foron un dos temas do confinamento

Como nace Uxía Lambona?

Nace dentro do grupo de animación Troula. Buscabamos un proxecto dirixido especificamente á rapazada e ao meu compañeiro Serxio [Rodríguez] ocorréuselle crear un grupo infantil. Así naceu Uxía Lambona e a Banda Molona. Comezamos collendo temas tradicionais galegos e dándolle unha voltiña e acabamos incluíndo tamén temas propios. O obxectivo era ese: achegarlle a música tradicional aos nenos.

E funcionou moi ben.

Collémolo, como todo o que facemos en Troula, con moitas ganas e botándolle moito corazón, pero Uxía Lambona foi unha gran sorpresa porque funcionou xenial dende o principio. E, mira, xa levamos seis aniños longos con ela e segue medrando. Sabemos que cada vez nos seguen máis nenos e nenas e estamos marabillados. Veñen vestidos coma nós aos concertos e iso fainos unha ilusión terrible. A primeira vez que vin a unha nena vestida de Uxía Lambona non o podía crer, foi incrible.

O videoclip de O Chimpín ten máis de 80.000 reproducións na súa canle de YouTube. E a súa versión de A saia da Carolina, máis de 240.000.

Estamos entrando en moitas casiñas, si. Iso ponnos moi contentos porque nós tampouco somos especialistas en redes. O noso é o espectáculo en directo. Á fin e ao cabo somos un grupo de animación. Estamos felices de que nos escoiten e de que tanta xente cante e baile con nós.

E iso que as súas versións se caracterizan por unha certa ousadía. Non todo o mundo se atrevería a rapear a Carolina. Tamén lle meten aos temas ska, reggae...

É que nós, antes que músicos, somos animadores. Quero dicir que nos atrevemos a defender moitas cousas grazas a esa licenza. Buscamos ese punto de orixinalidade para chamar a atención da cativada. A idea dende o principio era coller o cancioneiro tradicional galego e darlle unha volta, ben cambiándolle o ritmo, ben cambiándolle o estilo musical... Así foi que decidimos rapear a Carolina, facer rockeiro o gato e que o Benitiño soase a cumbia. Da mesma maneira collemos unha melodía tradicional e metémoslle outra letra pensando en que a canten os nenos e as nenas. Buscamos que o resultado do que facemos sexa atractivo, divertido e ao mesmo tempo lles sirva para aprender cousas.

Aínda que non é o tema que máis reproducións ten, un dos hits de Uxía Lambona é, sen dúbida, Parabéns. Non sei se queda algún cativo en Galicia que non festexe o aniversario con esa canción.

Fíxate que iso que me dis, que é algo que che comenta alguén de cando en vez, é algo que me enche de alegría. Por estas cousas é polas que nós facemos este traballo no que poñemos tanta enerxía positiva. Que despois consigas transmitir iso é algo fermosísimo. Que vou dicir eu de Parabéns se é un tema que compuxen eu! É unha canción moi moi especial. Apetecíame moitísimo que houbese un tema para que os nenos e nenas puidesen cantar no seu día. Creo que o nacemento de Uxía Lambona e a súa evolución ten que ver coa propia experiencia persoal dos integrantes do grupo. A proposta naceu cando todos comezamos a ser nais e pais e os temas teñen moito que ver coa nosa experiencia nese sentido. Parabéns tiña que ser unha canción animada, que servise para compartir as ganas de festexar. E sei que durante o confinamento Protección Civil a puxo para felicitar os aniversarios á rapazada en diferentes puntos de Galicia. Son cousiñas moi emocionantes.

Uxía Lambona e a Banda Molona encaixa nesa serie de artistas que traballan para a cativada en Galicia como Maria Fumaça, Pablo Díaz, Mamá Cabra, Migallas, Pakolas...

Nós sacamos o noso traballo con varios obxectivos. Un deles, que sexa unha ferramenta didáctica nos centros escolares. É verdade que en Galicia funcionan moitos grupos que traballan para o público infantil e nós estamos orgullosos de ser un deles. Entre todos estamos facendo algo tan bonito como cantarlle en galego á cativada. Por momentos, a lingua parece estar ficando nun plano secundario e para min, para nós, iso é algo moi triste. Tiña que ser prioritario! Fíxate que cho di alguén que foi educada en castelán, como a maior parte dos membros do grupo. Pero como obviar que hai que traballar pola nosa lingua, que é imprescindibe facelo. Aínda que cometemos probablemente moitos erros, temos moi claro que seguiremos por aquí, porque os nenos e nenas necesitan referentes. A lingua debería estar por diante de todo.

Entre as cousas que a unen a Pontevedra están os seus estudos de Ciencias da Actividade Física e do Deporte e que Troula coordina un dos festivais de máis éxito da cidade, Itineranta.

Eu nacín na Coruña, crieime en Vigo, onde vivo, e estudei uns dez anos en Pontevedra, indo e vindo todos os días. Ademais de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, estudei aí Educación Infantil e Educación Física. Imaxina a cantidade de tempo que pasei en Pontevedra. E non sei cantos anos levamos traballando con Troula! Nin me lembro. Itineranta era un proxecto de festival de animación de rúa itinerante que tivemos moito tempo na cabeza. Presentámolo en varios sitios e foi Pontevedra a que apostou por el e por nós. Enormemente agradecidos lle estamos. E moi contentos do éxito que tivo entre a xente. Creo que tamén se nota o corazón que lle poñemos.

Teremos erros, pero seguiremos traballando en galego. A cativada necesita referentes, e a lingua debe estar por diante de todo

Laura de Gabriel: "Estamos felices de que tanta xente cante con nós"
Comentarios
ç