Laura LaMontagne electrifica a 'Música nova'

O proxecto da lucense xunto a PicoAmperio pecha un dos ciclos da programación do verán ▶ Adrián Solla chega hoxe ás Noites de jazz
Laura LaMontagne e PicoAmperio. JOSE LUIZ OUBIÑA
photo_camera Laura LaMontagne e PicoAmperio. JOSE LUIZ OUBIÑA
A revisión de cantigas e poemas dende a electrónica contemporánea, así como outras propostas persoais dende os sons máis actuais, que leva adiante a lucense Laura LaMontagne xunto a PicoAmperio serviu para pechar onte, na Praza da Ferrería, o ciclo Música nova, unha das propostas que o Concello de Pontevedra incluíu na súa programación de verán pos-covid, marcada pola aposta polo pequeno formato e por bandas e artistas de proximidade. O espectáculo de LaMontagne, xunto ao concerto do cuarteto vocal EJAZZ nos Xardíns de María Victoria Moreno, clausuraron unha proposta que se veu desenvolvendo dende o luns e pola que tamén pasaron MJ Pérez, Fransy González e Davide Salvado, Ton Risco xunto a Marcos Teira e a Bakin Blues Band.

A última xornada de Música nova coincidiu coa segunda de Noites de jazz, a proposta que suple a cancelación do festival internacional pontevedrés. Onte actuaron, ademais da Street Band, que animou as rúas tanto á mañá como á tarde, como cada día, The Jezz Trío, o grupo do guitarrista pontevedrés Javier Abraldes, na Praza da Pedreira, e Kambala Quartet, unha banda que fusiona músicos galegos e portugueses, na Praza de España.

Os concertos de jazz continúan hoxe co trío de jazz de Adrián Solla, pianista pontevedrés que comparte xira agora mesmo con Marta Sánchez, e o cuarteto de Rosolino Marinello, saxofonista italiano afincado en Sanxenxo.

A maiores, hoxe iníciase un novo ciclo da programación, Con voz de muller, que levará a estrear dous escenarios na cidade: un situado na Praza da Curtidoira, onde se poderá ver a representación teatral Puedes llorar los viernes, de 105 besos, e outro nas pistas de Campolongo, onde actuará Faia, compoñente de De Vacas que presentará o seu traballo en solitario. Tamén actuarán Aldadolado na Praza da Ferrería.

A programación completa do verán pódese consultar na páxina web do Concello de Pontevedra: www.pontevedra.gal.

Comentarios