"O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra é un súper salón"

Ledicia Costas: "Cos premios vólveste visible e iso é moi necesario"

Para a gañadora do Premio Nacional de Literatura infantil y juvenil 2015, o 2016 será un ano de traducións e viaxes

Ledicia Costas nun acto do Culturgal que se celebrou o pasado decembro en Pontevedra
photo_camera Ledicia Costas nun acto do Culturgal que se celebrou o pasado decembro en Pontevedra

Cando deixou a avogacía para dedicarse de cheo á escritura, Ledicia Costas (Vigo, 1979) non imaxinaba que a literatura lle ía dar tantas alegrías, as últimas hai tan só uns meses: o Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil por ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ e o Premio Lazarillo na modalidade de creación literaria pola novela ‘Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante’.

Está claro que 2015 foi o seu ano, como se presenta o 2016?

O 2016 creo que vai ser un ano de traducións e de viaxes. Vai saír a tradución de ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ ao catalán. A de castelán acaba de saír hai un mes e supoño que agora tamén empezará a moverse máis. Sairá tamén en galego ‘Esmeraldina, a pequena defunta’, que é a precuela de ‘Escarlatina’, e ‘As peripecias de Extravaganzza Pérez’, que é o libro do Salón do Libro de Pontevedra, e, por último, a obra coa que gañei o Lazarillo sairá nas tres linguas: galego, catalán e español. Respecto ás viaxes, polo Premio Nacional irei a Canarias para estar no primeiro salón do libro infantil e xuvenil insular; estarei na Universidade de Salamanca e a viaxe máis chula será a Nova York, a onde vou convidada polo Instituto Cervantes e pola Universidade de Nova York. Será en maio. Alá imos ‘Escarlatina’ e máis eu. Faime moita ilusión!

Remataba o ano pedindo un pouco de descanso despois da “voráxine literaria” dos últimos meses. Como viviu ese aluvión de premios?

Con moita intensidade, intentando ter os pés na terra sempre e intentando tamén responder a todo o mundo porque houbo moitas chamadas, moitas felicitacións... Foron un par de meses moi, moi intensos, pero vívese con moita ilusión. Sobre todo, estou moi contenta de ver que dúas obras escritas en galego conseguen recoñecementos a nivel de todo o territorio español. Hai unha frase que dixo Gonzalo Hermo cando lle deron o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández, algo así como «en galego pódese voar alto», e é certo. Do que máis orgullosa estou é de poñer a literatura galega no centro.

Foi o que destacou ao recibir o premio. Lamentablemente hai que seguir falando do idioma, non?

Si, claro. A nós cústanos moito saír de Galicia e conseguir unha tradución. O esforzo é o dobre ou o triplo. Non temos un organismo que dependa da Xunta de Galicia e se dedique a exportar obras galegas para fóra. Entón ás veces nós temos que facer labores que en principio non nos corresponderían. Eu son escritora, por que teño que facer tamén o traballo de vender os dereitos? Custa moitísimo traballo, pero creo que paga a pena o esforzo.

‘Escarlatina’ xa está en castelán (‘Escarlatina, la cocinera cadáver’). Como se sente nese idioma?

Para min Escarlatina é galega. Cada vez que nun medio nacional me preguntan poño o acento sobre iso. Sempre digo que é unha obra que naceu en galego e iso hai que defendelo por riba de todo, pero, por outra parte, é certo que a raíz de todo isto se che abren portas e fiestras coas que non contabas. Vólveste visible e iso é moi necesario. Claro que escribimos en galego e defendemos a lingua galega, pero todo o mundo quere ser traducido. É fantástico e a raíz destes premios, sobre todo o Nacional, gañas unha visibilidade que eu valoro moito.

Á parte de visibilidade e alegrías, os premios supoñen algún tipo de presión á hora de afrontar os próximos traballos?

Nese sentido, creo que é imprescindible ter un certo punto de frialdade, psicoloxicamente falando. Se eu agora me poño a pensar na presión que teño para os próximos libros, probablemente me bloquearía e non sería quen de escribir, co cal o que fago é abstraerme de todo iso. Teño que seguir facendo como facía ata agora: meténdome nas historias e dándoo todo diante do ordenador.

O Premio Nacional téñeno tamén catro grandes figuras das letras galegas: Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín e Xavier Docampo. Xa é unha dos grandes...

Eu non son a máis indicada para dicir iso. Está moi ben ser o quinto nome e, ademais, unha muller e, como resalta a xente, moi nova para levar este premio, pero eu vívoo cos pés na terra. Para min é moi importante non perder nunca a perspectiva para seguir traballando e facendo o que quero, que é vivir disto apostando pola literatura en galego.

Premio Nacional, Premio Merlín, Premio Fervenzas, Premio Xosé Neira Vilas da Asociación de Editores, milleiros de exemplares vendidos... ‘Escarlatina, a cociñeira defunta’ é un auténtico fenómeno.

Foi tremendo. Iamos pola cuarta edición e cando saíu o Premio Nacional imprimimos a quinta, que xa está practicamente esgotada. Creo que imos imprimir a sexta neste mes. Desde que saíu vendéronse arredor de 10.500 exemplares. Non contas nunca con semellantes cifras. Para min o mellor é a comunidade lectora e gastronómica que se creou arredor do libro. Iso é moi bonito.

E todo iso falándolle aos nenos dun tema como o da morte.

É que para min é imprescindible falarlles de cousas que son importantes e a morte é unha parte moi importante da vida. O que pasa é que como a nós mesmos nos custa falar da morte, como falarlle diso aos nenos? Eu pensei: como lles falo? Pois na súa linguaxe e meténdome no humor macabro como fío condutor.

Miyazaki, Tim Burton, As bólas do dragón, Roald Dahl... Con eses referentes está claro que non ía escribir de princesas...

(Ri) Claro que non! E se falase de princesas serían princesas un pouco ‘outsiders’, alternativas, desde logo non serían unhas princesas tipo Disney. Eu creo que hai que transgredir e ser un pouco irreverente. Hai que ser libres no que se fai no eido da creación. Paréceme fundamental.

Cando chegará aos lectores ‘Esmeraldina, a pequena defunta’?

Víctor Rivas está acabando de ilustrala e eu estou co proceso das correccións, polo que en marzo xa estará nas librerías.

Volverá sorprender os lectores?

O de sorprender era complicado porque xa ‘soprendera’ falando do tema da morte. Agora imos ir ao Oeste, imos facer un western. O libro é unha galería de pantasmas e conta como foi a morte de Escarlatina, que cando estaba viva se chamaba Esmeraldina e vivía nun hotel coa súa familia, ata que enfermou de escarlatina e morreu. Entón Esmeraldina ten que aprender a ser pantasma e asumir que está morta. A partir de aí desátase unha historia bastante disparatada. Paseino pipa escribindo esta aventura.

Semella que a súa cabeza non para de bulir...

Non, non para, sempre está argallando. Ti queres parar, pero ela non. Creo que iso xa é inherente en min.

O ano pasado tamén publicou un libro dos que se consideran de adultos, ‘Un animal chamado néboa’, composto por relatos ambientados na Segunda Guerra Mundial. Como foi ese cambio de rexistro?

É un cambio de rexistro, o que pasa é que eu levo moitos anos escribindo iso que chaman narrativa para persoas adultas. Entón síntome moi cómoda. Con ‘Un animal chamado néboa’, se houbo algunha dificultade non foi polo rexistro, senón por todo o proceso de documentación porque, ao ser un libro ambientado nun período histórico moi concreto, tiven que estudar moito sobre a II Guerra Mundial. Estou moi satisfeita do resultado e de como foi acollido.

Seica devoraba enciclopedias... Sen traballo son imposibles os premios, non?

Claro, todo isto non é unha casualidade. Si é certo que os premios teñen unha compoñente que é circunstancial. Dependen moito dos gustos do xurado e tamén hai un punto de sorte, pero é certo que, gañes un premio ou non o gañes, hai moito, moito traballo. Cando me preguntan pola inspiración, sempre digo que isto é currar e pasar moitas horas diante dun teclado e documentándote.

E que lle gusta facer cando non está escribindo ou documentándose?

Ultimamente o único que fago é andar a voltas coa literatura. Son moi lectora, pero tamén está vencellado coa literatura.

Que le?

Estou lendo agora mesmo a Neil Gaiman. Comprei no Nadal varios libros que me faltaban e estou devorándoos.

Tamén é moi activa nas redes sociais.

Si, parécenme unha ferramenta moi interesante se a sabes administrar ben para que non che roube máis tempo do debido. É moi útil para comunicar e para ensinarlle ao mundo o que estás facendo. Tamén para contar aventuras do día a día e poñerlle un pouco de humor á vida, que é necesario.

En ‘Escarlatina’ fala de auténticas delicias como galletas francesas recheas de praliné, ‘muffins’ de arandos recheos de iogur... A cociña que tal se lle dá?

(Ri) Aí hai trampa. Eu cociño regular, as cousas como son, pero teño unha irmá que é reposteira, polo que tiven unha asesora de luxo. Nesa liña tamén seguín con ‘Esmeraldina’, que trae menús enteiros.