Ledicia Costas: "Este libro está escrito para emocionar"

O animal mecánico que corre diante dos galgos nas carreiras nas que se aposta dá nome á súa nova novela xuvenil, que non vén soa, pois a viguesa tamén acaba de publicar a quinta entrega de Os Minimortos
(3G8A6085.JPG) IES Sanchez Canton Encontro da escritora Ledicia Costas con alumnado Foto tamen para entrevista Concretamos10254
photo_camera Ledicia Costas coas súas dúas obras máis recentes, o pasado 15 de novembro en Pontevedra. DAVID FREIRE

En marzo saíu do prelo O neno de lume (Xerais), a obra coa que conseguiu o Premio Merlín de Literatura Infantil o ano pasado e agora súmanse outras dúas novidades. Esta fin de semana calquera apostaría por que fose unha das autoras estrela de Culturgal, pero Ledicia Costas (Vigo, 1979) atópase a case 9.000 quilómetros de distancia, na Feria Internacional del Libro de Guadalajara (México). Costas volve por partida dobre, con libro infantil -a quinta entrega da colección Os Minimortos- e xuvenil. A lebre mecánica (ambos en Edicións Xerais), que mereceu o Premio Lazarillo de Creación Literaria 2021. Ela é a única autora na historia deste lonxevo galardón (leva 62 edicións) que logrou o triplete. En 2015 obtívoo por Escarlatina, a cociñeira defunta; e en 2017 por A balada dos unicornios. O Lazarillo recoñece obras escritas nas catro linguas oficiais de España e está promovido pola Organización Española para el Libro Infantil (Oepli).

A única autora cun triplete no Lazarillo. Será un orgullo.
Si, porque é o premio decano da literatura infantil e xuvenil en España. Xa gañalo unha vez me parece un milagre, tres... Pois imaxina! 

Despois de dez anos volve ao realismo social con A lebre mecánica. Que a levou a regresar a esta temática?
Algúns dos meus libros que sinto que son máis queridos pola mocidade, e así o verbalizan cando teño encontros nos institutos, son Unha estrela no vento, a primeira novela que me publicaron, e O corazón de Xúpiter. Os dous son libros de realismo social. Eu sentía como que debía escribir outra obra de realismo social seguindo o ronsel daquelas novelas que a min me marcaron tanto no instituto: Rebeldes ou La ley de la calle, de Susan E. Hinton, que para min foron cruciais como lectora. Por iso escribín A lebre mecánica. Ademais eu teño materia para escribir realismo social porque a cuestión tanto do desamor dunha ruptura sentimental, que é algo do que me apetecía falar, como a cuestión da ludopatía, están tan presentes na obra, xunto como outras cuestións de corte social como a homofobia ou a amizade e os lazos tan estreitos que se establecen na adolescencia. Todo ese hummus foi a materia que empreguei para escribir este libro.

"O foco non hai que poñelo en quen padece esta adicción, senón nos negocios que propician que isto suceda"

Como foi o proceso de documentación e escrita? Porque se implicou persoalmente, non? 
Si, porque cando escribes unha novela deste tipo, na que tratas unha cuestión tan delicada como a adicción ao xogo, o que non podes é pasar sobre as puntas dos pés nin falar de oídas. Entón fixen un labor de documentación que tivo varias pólas. A primeira consistiu en varias conversas con profesorado de Secundaria que ten alumnado con esta problemática nas súas aulas; pregunteilles como mudaba o comportamento e como afectaba tanto ao rendemento académico como nas relacións sociais que establecen con outros alumnnos do centro, da clase… Falei tamén con persoal da Xunta de Galicia para que me asesorase e houbo unha segunda fase, eu chámolle así, que foi un traballo de campo presencial.

En que consistiu?
Primeiro deime de alta nunha web de apostas, para ver como funcionaba a mecánica, nunca mellor dito, e apostar ás carreiras de galgos. Vin como unha desas webs, cando quixen recuperar os cartos quedaba con eles directamente e me bloqueaba a conta… Eran poucos, nin 15 euros. Imaxina o que tal non farán con outras cantidades! Despois fun presencialmente a casas de apostas para ver como eran por dentro, porque a verdade non estivera nunha. Quería ver como era, o tipo de persoas que hai alí, que son moi diversas. Como eran os locais por dentro, que tipo de apostas había, que tipo de máquinas… E cando tiven todo iso claro é cando me puiden poñer a escribir.

É un ambiente tan perigoso como parece, sobre todo pensando en adolescentes?
Claro. E hai algo moi delicado: hai referentes do mundo do deporte que se prestan a ser imaxe publicitaria deste tipo de negocios. Como que todo está vestido de que é algo divertido, que é algo estimulante, emocionante… E detrás disto hai negocios que se están aproveitando das persoas. Isto é así. Entón, tamén é verdade que esta adicción está moi estigmatizada. Dá moita vergoña, é tabú. E penso que hai que facer o contrario. O foco non hai que poñelo tanto nas persoas que padecen esta adicción como nos negocios, que propician que isto suceda. Canto máis máis labor de pedagoxía fagamos e máis falemos desta cuestión, máis doado será falar dela e conseguiremos desestigmatizala. Pero, por riba de todo, eu quería deixar clara unha cousa: eu non escribín este libro para dar unha lección. Este libro está escrito para emocionar. Quixen escribir unha historia emocionante, trepidante, e coa que o público destinatario natural desta obra, que é o xuvenil, puidese agarrarse e sentirse aí dentro dese universo que creei. Iso está por riba doutras cuestións.

"Cando escribes unha novela deste tipo non podes falar de oídas"

Como está a ser acollida?
Leva menos dun mes na rúa e, de feito, non teño aínda a opinión de ningún adolescente, que é o que estou esperando. De varias persoas adultas, si, pero necesito que me chegue esa recepción do público mozo, que estou expectante. Pero aínda non empecei as charlas con esta obra, non tiven encontros nin a oportunidade. Pero máis que con ningunha outra novela que escribín nos últimos anos estou devecendo por saber se conseguín o que eu quería, que ese público se emocione e se enganche.

Está destinada ao público xuvenil, e, sen esquecer que esta categoría non exclúe ao lectorado adulto, dada a temática sería especialmente recomendable que a lesen nais, pais, docentes…?
É verdade. Eu creo que si, que canto máis divulguemos esta cuestión, máis leamos sobre ela, máis nos informemos, teremos máis ferramentas para abordala na vida real. Nese sentido creo que a literatura é un vehículo extraordinario para tratar segundo que temas. Sempre o digo. Tamén o fixen co tabú da morte, agora coa adicción ao xogo. E ogallá suceda como con Escarlatina, que o leron moitas persoas adultas e que tamén pase con A lebre mecánica.

(3G8A6081.JPG) IES Sanchez Canton Encontro da escritora Ledicia Costas con alumnado Foto tamen para entrevista Concretamos10254
Costas, o pasado 15 de novembro no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. DAVID FREIRE

E ao mesmo tempo que sae este libro, publícase tamén a quinta entrega de Os Minimortos, ‘Ai, que risa!’, dirixido á cativada máis nova. Foi casualidade?
Cadrou así. Foi unha coincidencia, porque como son para públicos distintos non interfire o camiño dunha novela no rumbo do outro libro. Ás veces cos ritmos das editoriais, cando unha autora é tan prolífica como son eu, acaban cruzándose libros, saíndo simultaneamente… Igual estás moitos meses sen publicar e logo concéntranse aí. Agora ata febreiro non saco novela. Que bueno, dígoo así, pero está á volta da esquina. Non queda nada para a terceira entrega da Señorita Bubble!

Iso lle ía preguntar. Xa falta pouco para a nova entrega desta outra colección. 
E ademais con Isabel II como coprotagonista. Quedei chafada. Bueno, xa tiña unha idade, non era difícil adiviñar que podía suceder, e sucedeu. No seguinte libro de Bubble teñen unha presenza moi importante o palacio de Buckingham e Isabel II.

Que aventuras nos ofrecen desta volta Os Minimortos?
Pois o protagonista da quinta entrega é Penoso, que despois de facer unha estatística entre o alumnado de Primaria descubrín que é o favorito, con bastante diferenza. Penoso é un oso de peluxe que morreu de pena, porque o seu dono esqueceuno nun autobús e o pobre acabou morrendo nunha oficina de obxectos perdidos. É un dramático. Sempre está triste, deprimido, non quere estar morto, tampouco quere estar vivo… Non quere nada! O resto da cuadrilla dos Minimortos ten a misión de facelo rir, para que sexa feliz, e organizan un concurso de comedia.

"A literatura é un vehículo extraordinario para tratar segundo que temas; xa o fixen co tabú sobre a morte"

Os Minimortos tamén teñen boa acollida entre o público máis pequeno.
Si, a min faime moita graza. Os primeirísimos lectores e lectoras pensan diferente. E cando acaba de saír o último dos Minimortos xa che están pedindo o sexto. Eu dígolles: pero se acaba de saír hai un par de semanas. Ai, non, pero o seguinte? E o sétimo para cando? E o oitavo? E cantos vas escribir? Necesitan que sexan infinitos. Estou moi feliz de alimentar este universo e que siga medrando. 

Lense tan rápido que non poden esperar un ano polo seguinte.
Nin un mes poden!

No cuarto poñía próxima entrega ‘Ai, que risa!’, pero neste non adianta nada…
Non, porque deixei ese misterio aberto. Haberá sexto, eh. Sempre veñen coa última páxina e desta fixen unha falcatruada para darlles o susto de que remataban aquí, pero xa veñen preguntar se isto significa que non hai máis.

Haberá máis Minimortos, haberá máis Señorita Bubble e haberá unha nova novela para público adulto que é a que está escribindo agora nun proceso que mesmo relata nun fío de Twitter con notable audiencia.
Xusto. Escribo o que me deixa esta vida caótica que levo. Estou aí traballando nunha novela para público adulto. A miña intención é acabala no mes de marzo, pero creo que vou precisar toda a Semana Santa para rematala. Porque me esperan uns meses por diante moi intensos, moitas viaxes, tanto polo estranxeiro como por fóra de Galicia. Teño que protexer os momentos de escrita, que para unha escritora é algo moi importante. Non dispoño de tanto tempo para escribir como me gustaría, e iso que estou dedicada en exclusiva á literatura. É tremendo.

"Unha das cousas máis bonitas para min de 2022 foi regresar á poesía"

Porque a literatura non é só escribir, é tamén participar en encontros nos centros educativos, presentacións, sinaturas, feiras…
Todo iso implica un traballo de promoción, sobre todo cando es escritora de libros infantís, xuvenís, para público adulto, editada en distintas linguas… É xenial, fantástico, moi bonito, pero o nivel de esixencia e entrega é moi elevado. Isto non só consiste en escribir, que si, que hai que estar alimentando o sistema literario, sobre todo cando vives disto, pero tamén o grao de promoción é moi elevado. Charlas en coles, centros de Secundaria, conferencias en bibliotecas… Cheguei a semana pasada de Barcelona, do festival 42 [a entrevista fíxose o 15 de novembro] de literatura fantástica e ciencia ficción, e mañá marcho outra vez a Barcelona a outro festival de literatura infantil onde veñen editores de todo o mundo, o FLIC. Neses sitios hai que estar. Vou compartir mesa con Ana Pessoa, unha autora portuguesa á que admiro moito. É difícil ás veces rexeitar segundo que oportunidades. Entón estou abocada a andar sempre coa lingua fóra.

E, ademais, ten pendente a publicación de Ultraluz, o poemario co que recentemente gañou o XX Premio de Poesía Afundación.
Xa me esquecía! Está no prelo e en cuestión de semanas, o que tarde en chegar da imprenta, teremos Ultraluz nas mans. É unha das cousas máis bonitas de 2022 para min, regresar á poesía. Tiña esa débeda comigo mesma. Xa tiña publicado un libro de poesía hai moitos anos e recitei durante moitos anos, pero dende hai un tempo para min era imposible co ritmo que levo. Este verán conseguín rematar Ultraluz. É poesía de fantasía. Foi un reto. E o premio foi unha sorpresa de marca maior. Estou desexando que chegue ás mans do público. Hai unha edición específica do PEN Club galego, que coordina a edición xunto co equipo de Afundación. Sae na colección Arte de trobar. É un premio moi prestixioso, está moi ben dotado (6.000 euros), gañárono poetas moi importantes, pero a distribución destes libros é cativa. Vai ser unha edición singular.

Barcelona, México…
E logo a escribir. Decembro, xaneiro e febreiro vou estar pechada, concentrada escribindo. Tiven que ser moi ríxida para conseguir sacar adiante a novela, senón é imposible. En marzo empezarei a xira: Jaén, León, Asturias… ata xuño estarei viaxando por España.

E no medio, a Señorita Bubble.
Igual teño que ir ao palacio de Buckingham!

Comentarios