Ledicia Costas: "Son neofalante grazas á literatura infantil e xuvenil"

Escribiu máis de 20 libros e, aínda que foron traducidos a linguas como o coreano ou o persa, sempre naceron en galego, o idioma que abrazou na adolescencia
Ledicia Costas. GONZALO GARCÍA
photo_camera Ledicia Costas. GONZALO GARCÍA

Auténtico referente da literatura infantil e xuvenil (LIX), tamén acadou o éxito coas súas dúas novelas para lectorado adulto. É a multipremiada Ledicia Costas (Vigo, 1979), que este martes conversará en Pontevedra coas fundadoras do proxecto editorial Apiario.

Escribir en galego é algo planeado ou nin se cuestiona?
É algo que non se cuestiona. É a miña lingua. Fágoo de xeito absolutamente deliberado porque non hai mellor xeito de defender a túa lingua que expresándote nela.

Falou galego dende pequena?
Son neofalante. Falo galego despois de ter vivido un proceso de tránsito desde o castelán, idioma no que fun educada e no que falaba a miña familia. Eu fun quen introduciu o galego na casa. Como cheguei a el? A través da literatura infantil e xuvenil, con aquelas obras que lía no instituto. Descubrín que había libros escritos en galego que me entusiasmaban e así empecei a escribir os meus propios textos. Primeiro convertinme no literario e despois na fala.

Quen foron eses primeiros autores que a fixeron ver a luz?
Fundamentalmente Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey. E xa non me desprendín da lingua.

Vostede é unha peza clave na LIX e ía preguntarlle se é fundamental na transmisión do galego. No seu caso está claro que si.
Si, tivo toda a importancia. Foi algo radical. Para min converterme en neofalante veu da man de ser lectora de libros en galego. A LIX abriume a porta tamén á literatura considerada de maiores.

Contabiliza as súas visitas a centros educativos?
Nun curso fago máis de 160.

As novas xeracións conviven co galego como se fora unha lingua estranxeira

Como ve o panorama da lingua galega entre a rapazada?
É bastante desolador, porque as novas xeracións conviven co galego como se fora unha lingua estranxeira. Nas cidades, sobre todo, teñen maior competencia para expresarse en inglés que en galego, agás excepcións. É habitual chegar a unha escola e ver que non conseguen construír frases en galego correctamente, porque non hai hábito. Iso é demoledor. E co paso do tempo agrávase.

Moitas das súas visitas a escolas son fóra de Galicia. Con que percepción do galego se atopa?
Teñen conciencia. Saben que son unha escritora galega e que o levo por bandeira. Explícolles o meu proceso e a realidade da lingua. Pensan que somos unha burbulla estraña, non coñecen nada do traballo que se fai en Galicia e oxalá encontremos estratexias para romper esa burbulla. É difícil.

Comentarios