Ler sen saír de Pontevedra

Catro novelas de éxito, en galego e en castelán, publicadas nos últimos catro anos, transcorren en Pontevedra. A cidade é o escenario principal de Malaherba, de Manuel Jabois; Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco; La puerta, de Manel Loureiro, e Oito días sen Eva Cortes, de Sara Vila. Con elas pódese ir de vacacións sen saír da Boa Vila
Unha moza lendo un libro. CRISTIAN FERNÁNDEZ
photo_camera Unha moza lendo un libro. CRISTIAN FERNÁNDEZ

Como escenario literario, Pontevedra foi escollida recentemente por ata catro autores diferentes nos últimos catro anos para catro novelas de éxito. Manuel Jabois (Sanxenxo, 1978) elixiuna para o seu debut na narrativa en castelán, Malaherba (Alfaguara, 2019). Por razóns moi diferentes, Eduard Velasco (Barcelona, 1982) tamén decidiu ambientar as aventuras dos protagonistas de Os días felices de Benvido Seixas (Xerais, 2019) na capital da provincia. Manel Loureiro (Pontevedra, 1975) converteu La puerta (Planeta, 2020) nun bestseller. E Sara Vila (As Neves, 1989) debutou na narrativa galega con Oito días sen Eva Cortes (Galaxia, 2021), na que a localización é un trasunto de Pontevedra.

En Malaherba, Manuel Jabois asinaba una historia sobre as primeiras veces. Facíao a través dos ollos dun cativo que ía construíndo o mundo sobre a Pontevedra de finais dos anos 80. O colexio de Campolongo, a igrexa do barrio, o parque das Palmeiras, a ponte da Barca e a bocatería San Remo son algúns dos espazos reais que aparecen na novela. "Fuera de mí, hay un espacio físico real utilizado de forma muy pragmática, porque como novato en la novela, puedo crear personajes y puedo inventarme una historia, pero no soy capaz de crear un lugar. Como tampoco de ambientar la historia en Valladolid o inventarme un Macondo. No puedo", explicaba o autor cando publicou a obra. "Colocar a estos niños en mi edificio, en mi calle, en mi colegio... era sencillo para mí. De hecho, desde el primer momento los visualicé allí".

Manuel Jabois: Colocar a estos niños en mi edificio, en mi calle, en mi colegio... era sencillo para mí. Desde el primer momento los visualicé allí.

Eduard Velasco: Para xogar cos tópicos, como eu quería, Pontevedra era unha cidade que me funcionaba.

Jabois si que aclaraba que, a pesar de estar ambientada en espazos reais e de recrear algunha anécdota tamén real, a súa novela era finalmente unha ficción. E poñía como exemplo o papel que xogaba o colexio de Campolongo na obra. "Que mi historia transcurra en Campolongo es circunstancial. Es un colegio público en el que me eduqué y en el que fui inmensamente feliz. Si bien es cierto que la mirada sobre el pasado, sobre la infancia, quizás tienda a idealizarla. Pero, en todo caso, era un colegio absolutamente normal. Lo que cuento no pasó en Campolongo".

O mesmo ano que Manuel Jabois publicaba Malaherba, Eduard Velasco lanzaba Os días felices de Benvido Seixas, unha novela humorística que recibiu o premio Losada Diéguez. Pontevedra é o espazo que escolleu o autor para imaxinar unha historia de amor entre unha moza progresista e un rapaz de cartos da Caeira. "Se eu teño algún vínculo con algunha cidade galega é con Santiago. Pero en Santiago hai basicamente estudantes, vividores, peregrinos, curas, monxas e funcionarios. Ademais xentrificouse, que é unha cousa terrible. Non me daba pé a ambientar a novela", explicaba Velasco sobre a súa decisión de traer a súa narración á cidade.

"Pontevedra si que me encaixaba. O feito de que tivese mar xa me ía moi ben, para toda a parte marítima da historia. E eu quería unha cidade na que houbese xente rica de verdade, que fixese ostentación da súa riqueza e que fose vestida de xente rica. É dicir, unha cidade na que houbese unha diferenza de clases marcada, aprezable. Para xogar cos tópicos, como eu quería, funcionábame moi ben Pontevedra, onde penso que os extremos se aprezan moito máis".

Manel Loureiro: Soy un enamorado de mi ciudad. La puerta es una especie de carta de amor a Pontevedra.

Sara Vila: É evidente que Pontevella é Pontevedra. Recoñécese facilmente. Hai un río que se chama Leiro, unha Illa das Esculturas...

Quen si é de Pontevedra é Manel Loureiro, que se inspirou na lenda da Porta do Alén para escribir La puerta. Boa parte da trama transcorre na capital da provincia. "Yo soy un enamorado de esta ciudad. La puerta es una especie de carta de amor a Pontevedra", confesaba na promoción da obra. "Es una forma de agradecer, de alguna manera, lo bien que me siento yo aquí. Es el lugar desde el que he elegido trabajar y ver el mundo".

Non era a primeira vez que o escritor escollía a súa cidade para ambientar unha historia. Xa o fixera no seu debut, Apocalipsis Z. "Me apetecía volver a casa. Me apetecía contar otra vez una historia ambientada aquí, en Galicia, en Pontevedra. La covid nos ha robado muchas cosas. Por ejemplo, la capacidad de viajar. Gracias a La puerta, miles de lectores de todo el mundo van a viajar a Pontevedra y Cotobade, una Galicia que se aleja de las rutas turísticas habituales".

En plena pandemia tamén saíu á rúa Oito días sen Eva Cortes, a novela coa que Sara Vila gañou o Premio Illa Nova en 2021. Neste caso, a autora puxo á cidade fronte a un espello no canto de referirse a ela de xeito explícito. "Pontevella é evidentemente Pontevedra. Recoñécese facilmente. Hai un río que se chama Leiro, unha Illa das Esculturas... A paisaxe e a cidade están presentes. Foi inevitable. Necesitaba agarrarme a algo real, supoño que por deformación profesional", comentaba a escritora, que tamén aclaraba que moitos dos espazos foran terxiversados para crear a ficción. "Por exemplo: o Correo de Pontevella non é o Diario de Pontevedra. É un periódico local ficticio que creei usando cousas de todas as redaccións polas que fun pasando".

Comentarios