Las letras de Piñeiro

Houbo que agardar case 20 anos dende a súa morte, pero ao fin, tras a longa espera, chegou a hora de Ramón Piñeiro. A figura do ilustre galeguista ve así recompensado o seu traballo a prol de Galicia e a súa cultura.

Ramón Piñeiro López naceu en 1915 na localidade luguesa de Láncara. En 1932 ingresou nas Mocidades do Partido Galeguista, onde coñeceu ao non menos insigne Ramón Otero Pedrayo, chegando a ser elixido secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía, celebrado en 1936.

Paradoxalmente, durante a Guerra Civil loitou no bando nacional. O estudoso Miguel Barros, que este ano publica en Galaxia unha tese sobre o lugués, argumenta que uns amigos o avisaron de que a súa vida corría perigo se non entraba na quinta que lle correspondía. ''Foi unha solución instrumental para salvar a vida, cousa que era moi natural e comprensible'', matiza.

Con todo, catro anos despois de rematar a Guerra, participou na reorganización clandestina do Partido Galeguista. Así, será detido en 1946, permanecendo tres anos en prisión.

Loita política
Ao saír do cárcere, establécese en Compostela, desde onde defende a loita cultural fronte á loita política, en claro enfrontamento cos galeguistas que se vían obrigados a permanecer no exilio, sobre todo na Arxentina. Así, en 1950 participa na fundación da Editorial Galaxia, que dirixiu até 1966. Servíndose dela, puido publicar libros en galego en pleno Franquismo.

Nembargante, Barros puntualiza que a loita de Piñeiro tivo sempre un carácter netamente político. O estudoso explica que trasmutou unha estrutura de política nunha empresa legal, que era Galaxia e que, a partir de aí, elaborou un verdadeiro programa político.

Tras abandonar a dirección da Editorial, Piñeiro ingresa en 1967 na Real Academia Galega e participou na creación do Consello da Cultura Galega en 1983, do que foi o primeiro presidente, cargo que exerceu ata a súa morte. Nos últimos anos da dictadura, certo sector do nacionalismo de esquerdas criticouno duramente, chegando incluso a acusalo de ser un axente da CIA.

Sobre o seu enfrontamento con parte dos galeguistas, Barros asegura que ''iso pásalle a todo político audaz e el foino, porque rebaixou os principios das nacionalidades''. No tocante á peregrina suposición de que era un axente segredo dos norteamericanos, o investigador aclara que ''sencillamente, forma parte do que poderíamos englobar na malediciencia política''.

Metáfora da nación
A obra escrita por Piñeiro non é abundante e case que toda se centra na filosofía da saudade. En 1985, recibiu a Medalla Castelao. Cando se restableceu a democracia, formou parte do primeiro parlamento autonómico como deputado do PSdeG-PSOE. Para el, a principal loita era acadar a normalización da lingua galega.

Barros coincide en destacar esta postura, ''cadraba co seu obxectivo principal, que era elevar o grado de conciencía do país como un pobo diferenciado, que sería un suxeito capaz de reclamar dereitos políticos e autogobernarse. Nese sentido, para el a lingua era a metáfora da nación''.

O estudoso vai un paso máis alá e afirma que ''o obxectivo primordial para el sempre foi defender os dereitos políticos de Galicia'', polo que sempre pediu a igualdade de trato coas outras nacionalidades históricas, Cataluña e Euskadi. Os seus principios políticos coñeceríanse como 'Piñeirismo'.

O galeguista faleceu en Santiago en 1990 dunha insuficiencia hepática. Tralo seu pasamento, o daquela presidente da Xunta, Manuel Fraga, asinou a creación do Centro Ramón Piñeiro, dedicado á investigación en humanidades.

Os señores da palabra
Sen dúbida algunha, falar do Día das Letras Galegas supón mencionar a Rosalía de Castro. E é que a data escollida para a celebración, o 17 de maio, coincide coa publicación da primeira obra en galego da escritora de Padrón, 'Cantares Gallegos', en 1863.

A idea partiu de tres académicos que, en 1963, quixeron conmemorar o centenario da célebre obra, establecendo unha data para exaltar ás letras galegas en xeral. Cómpre non esquecer que o libro rosalián foi a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea. ''A súa aparición veu a darlle prestixio universal á nosa fala, como instrumento de creación literaria'', rezaba o texto.

Francisco Fernández del Riego, Manuel Gonsález Román e Xesús Ferro Couselo presentaron un escrito na Real Academia Galega, no que lle pedían á institución que consagrara este efeméride, ''con carácter de perdurabilidade'', dándolle unha periodicidade anal simbólica. E así, en 1963, celebrouse por vez primeira tan sinalado festexo, homenaxeando como non podía ser doutro xeito, a Rosalía de Castro.

Con nome propio
A partir de entón, cada ano escóllese a unha persoa que te destacado pola súa creación literaria en galego ou pola defensa do idioma. Requírese unha condición máis: levar morto, cando menos, dez anos. Tras a nai das letras galaicas, o primeiro homenaxeado foi o pai. Así, Castelao tan só tivo que agardar un ano máis para ver o seu nome escrito en ouro na historia da nosa literatura.

A partir de aí, e tras completar con Curros Enríquez e Eduardo Pondal o tridente do Rexurdimento, sucédense os nomes ilustres até os nosos días: Francisco Añón, Noriega Varela, Manuel Pintos, Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Manuel Antonio, Alfonso X el Sabio, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Luis Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Blanco Amor, Luís Seoane, Rafael Dieste, Ánxel Fole, Manuel Murguía, Fray Martín Sarmiento...

Así ata acadar os 46 homenaxeados, e a seguir aumentando a nómina ano tras ano. Ante tal afluencia de persoeiros distinguidos, algúns incluso se viron obrigados a compartir premio, como fixeron Xoán de Cangas, Martín Códax e Mendinho, en nome de todos os poetas do Medievo.

O que queda claro é que nos taopamos ante un innegable reinado dos señores da palabra. Entre estes 46 nomes, tan só tres son de xénero feminino. Francisca Herrera Garrido e María Mariño teñen a honra de completar, xunto á pioneira Rosalía, o trío de afortunadas.

A hora de Piñeiro
Como todos os anos, en 2009 xorden toda unha serie de actividades para homenaxear ao elixido. En torno á figura de Ramón Piñeiro, oranizaranse congresos, publicacións inéditas, recuperacións de textos, exposicións, edición de gravacións sonoras dos seus discursos...

Como prato forte, a recnstrución do deu gabinete, incluída a famosa mesa camilla na que recibiu diversas personalidades da época. Todo é pouco para quen tanto fixo por Galicia e as súas letras.

Comentarios