"Levamos cento e pico anos de historia do cine e ninguén leu un guión"

Ignacio Vilar é militante do cinema en galego sen concesións e director curtido en sacar adiante proxectos contra vento e marea ► Actualmente vén de inaugurar unha nova colección da editorial Galaxia na que se publicarán guións de cine, 'Aura 1964' é o título que abre esta serie que busca reivindicar o valor literario dos textos das películas. Este sábado preséntao en Pontevedra 
O director de cine Ignacio Vilar. RAFA FARIÑA ARQUIVO
photo_camera O director de cine Ignacio Vilar. RAFA FARIÑA ARQUIVO

"Necesitamos persoas estudadas que nos defendan", dille a tía Berta a Siro no inicio de Aura 1964 (Galaxia, 2021), a obra de Ignacio Vilar (Petín, Ourense, 1951) que inaugura unha nova colección dedicada a guións de cine galegos.

Seis palabras chegan para explicar por que ese rapaz de aldea ten que marchar estudar a Ourense a un internado de curas. É o punto de partida da nova historia deste director, que acaba de estrear en salas a súa última película, María Solinha. "Debe ser o único caso no mundo dun filme que xa viron 50.000 espectadores antes de chegar a exhibirse nas salas comerciais", di.

"Agora imos pola terceira semana. Estamos contentos". Vilar presentará o seu libro este sábado (12.00 horas), na Deputación de Pontevedra, acompañado pola presidenta provincial, Carmela Silva, e polo concelleiro de Cultura de Cambados e profesor da Universidade de Vigo, Tino Cordal. Para asistir é necesario inscribirse en [email protected].

Aura 1964 é o guión dunha película que está por facer. Farase?

Farémola se conseguimos o orzamento. Custaría arredor de 1.600.000 euros, máis ou menos como ‘A esmorga’. Esta é a primeira vez na historia do cine que se publica un guión antes de realizar a película. É algo totalmente novo. Nas circunstancias que nos está tocando vivir, o cine ten que renovarse, como tantas outras cousas. Temos que implicar á xente no proceso creativo dos filmes. E o mellor é empezar dende a base, que é o guión, o fundamento da película. Esta implicación xa está funcionando porque esta mos creando clubs de lectura por centros de ensino, bibliotecas e librerías, e xa me están chegando comentarios de lectores. Todo isto vai enriquecer o guión, que é un proceso vivo e vai mutando.

Hai tamén aquí unha reivindicación do valor literario do guión?

Claro. Esa é outra clave. Agora que estamos facendo estas presentacións por toda Galicia eu pregunto sempre quen leu un guión. Ninguén. Ninguén leu un guión. Levamos cento e pico anos de historia do cine e a xente non coñece estes textos, cando son moito máis sinxelos de ler que unha novela ou que unha obra teatro. Á parte, ler un guión de cine é vivir unha experiencia. Cada lector ou lectora vai ver a súa propia película. Imaxina o interesante que pode ser ir ver despois a que se faga, ese contraste que podes atopar entre o que ti imaxinaches e o que aparece na pantalla.

O protagonista desta historia é un rapaciño que se chama Siro e que entra nun internado relixioso nos anos 60 en Ourense. Canto de hai de autobiográfico neste relato?

Hai un director, para min un dos mellores da historia do cine, Louis Malle, que ten unha película titulada Au revoir les enfants...

Que cita Manolo González no prólogo desta obra e tamén vostede mesmo antes de iniciar o texto.

Porque Malle di que a memoria é un terreo fértil para a imaxinación. Así que si, nesta historia hai moito de min, pero o cine é un medio expresivo ao que tes que adaptarte. Unha cousa é vivir e outra cousa é pintar.

A rebeldía e a ansia de liberdade nesta historia atopan refuxio nos libros, nas películas e nos discos.

Na gran cultura. Para ser independentes necesitamos a axuda doutros. E que mellor que unha novela ou unha película. A gran cultura danos aos seres humanos a posibilidade de ser libres.

Ten destacado a conexión da obra coa actualidade e como, de feito, recibiu apoio da Unión Europea (Creative Europe Media), entre outras cousas, pola importancia da historia en relación co auxe da extrema dereita no continente.

Aínda que pasaron 57 anos, por desgraza é unha obra que ten moito que ver co presente. É o primeiro proxecto galego que acada esta axuda europea competindo con 309 propostas de 28 estados, incluído o Reino Unido, que daquela aínda formaba parte da Unión. O programa apoiou 75 obras. Unha delas foi ‘Aura 1964’. E unha das cousas polas que nos apoiaron é precisamente por iso que dis. Como é que 57 anos despois daquilo volve estar a extrema dereita ou gobernando ou xogando un papel clave en tantos países de Europa, incluída España? Como é posible? É que imos tropezar coa mesma pedra? Por iso é fundamental coñecer o que pasou. Penso que axuda moito a entender o que sucede no presente e a que non se volvan repetir estas desgrazas. 

Comentarios