A libraría Nós pon en valor as letras galegas co Verán Literario

Ledicia Costas, Arantza Portabales, Domingo Villar e Manuel Jabois son os autores que aterran en Sanxenxo para presentar ao público da vila as súas últimas obras en galego
D70K0651
photo_camera Intre da presentación. EMILIO MOLDES

A libraría Nós leva case toda a súa vida impulsando a literatura galega e traendo a Sanxenxo a escritores galegos para presentar as súas obras. Isto lévano facendo case dende que a libraría abriu as súas portas e fai dez anos decidiron bautizar esta iniciativa como Verán literario. O que a libraría busca con isto é poñen en valor a todos os escritores galegos que teñen obra en galego e tamén en castelán.

Xaime Corral, o impulsor desta iniciativa, conta que "orientamos a iniciativa cara un público que ás veces descoñece a nosa riqueza literaria e creadora. Queremos facer unha pequena representación das letras galegas, aínda que non sexa nas mesmas datas".

Este libreiro asegura que "este ano temos un póker literario" e explícao dicindo que "as catro persoas que máis están influindo agora mesmo a nivel España son galegas e pareceunos que configuraban o que denominamos como un póker literario". Estes catro autores son Ledicia Costas, Arantza Portabales, Domingo Villar e o autor local Manuel Jabois.

A primeira delas xa pasou onte pola libraría para firmar o seu novo libro Infamia. Os asistentes a esta cita literaria puideron coñecer a esta escritora e gozar da posibilidade de falar desta obra que conta unha historia de amor baixo o formato dun thriller psicolóxico.

Xaime Corral tamén destaca que esta autora está tendo unha gran proxección e afirma que "eu puiden estar presente na súa firma na feira do libros e Madrid e é encomiable ver unha autora galega firmando nunha feira do libro que é referente en España".

Mañá será Arantza Portabales a encargada de atraer aos lectores ata a libraría Nós. Esta autora, a pesar de non ser galega, leva o galego por bandeira. Xaime Corral incluso denomina a esta autora como "a nova dama do xénero policiaco en España". Por esa razón a libraría quixo contar con ela para esta edición do Verán literario. Publicado tanto en galego coma en castelán, este ano Portabales trae consigo o libro Beleza vermella, unha obra de xénero policiaco. O impulsor desta iniciativa tamén destaca que nesta obra "se narran moitos espazos de Galicia, fundamentalmente de Santiago, pero tamén fai moita referencia a Sanxenxo en algúns pasaxes da novela", o que fai que a autora esté moi ligada a esta vila.

O próximo día 13 será a quenda de Domingo Villar, un escritor moi achegado a Sanxenxo e moi vinculado coa librería Nós dende fai anos. Despois de dez anos do éxito acadado con A praia dos Afogados, Villar volve para presentar O último barco, unha novela moi esperada polos seus seguidores. O impulsor da iniciativa asegura que o autor "ten moitos adeptos tanto en Sanxenxo" e que "tras tantos anos neste mundo é unha persoa moi achegada á nosa libraría. Él e Ledicia Costas teñen moi boa relación cos lectores de Sanxenxo".

E, por último, o mércores 14 será Manuel Jabois quen presente a súa última obra Malaherba. Tras a gran afluencia de público en ocasións anteriores os donos da libraría Nós decidiron trasladar esta firma á pranta baixa do Concello, onde os as persoas que se acheguen terán o privilexio de asistir á presentación do libro, que estará seguida dunha firma por parte do autor.

Pode parecer difícil para unha libraría como Nós poder traer a Sanxenxo autores de tan alto nivel na literatura tanto galega como española. Con respecto a isto Xaime Corral asegura que "procuramos ter un bo trato cos que nos visitan. Facemos un traballo de divulgación da súa obra e incluso a publicitamos". O impulsor da iniciativa tamén afirma que "ao longo dos últimos meses contactamos cos autores e tratamos de pechar axendas. De momento non tivemos ningunha queixa. Todos veñen de maneira altruista".

Tras tantos anos promocionando a cultura e literatura galega a libraría Nós conta cunha ampla lista de personalidades do mundo da escritura que pasaron polo seu establecemento. Corral incluso afirma que "pasaron por aquí todos os premios nacionais de literatura nacidos en Galicia". Nesta lista inclúense Fina Casalderrey, Victor Freixanes, Manolo Rivas ou Suso de Toro, quen para o impulsor da iniciativa xa é "como da familia".

Comentarios