O Local de Música abre etapa dixital e promove novos cursos

A música electrónica centra os obradoiros do 28 de maio e 4 de xuño
Masterclass celebrada no Local de Música. ADP
photo_camera Masterclass celebrada no Local de Música. ADP

O Local de Música de Pontevedra abre unha nova etapa marcada pola dixitalización e o impulso de novas cápsulas formativas. Tal e como informa o Concello, este centro continúa a ser un dos edificios municipais que gozan dunha maior actividade sociocultural dentro da cidade. Así, o concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña e os responsables da súa xestión, Diego Parajó, Marcos Rodríguez e Pablo Trovo, presentaron o novo ciclo de actividades que terán lugar neste equipamento municipal, ao carón da estación do tren.

"A pandemia supuxo unha revolución en moitos sentidos, logo dun traballo constante que funcionaba moi ben pero que tivo que ser totalmente reinventado por esa forza maior que foi a crise sanitaria", manifestou o edil de Xuventude. "Por sorte, xa estabamos a traballar nun proceso de dixitalización polo que logramos sortear a pandemia en mellores condicións que outros espazos socioculturais e puidemos seguir botando unha a man esas persoas que querían probar cousas, ensaiar... aumentamos a formación dixital, levamos a cabo unha transformación", engadiu Oubiña.

Alén deste proceso de dixitalización, que cristalizou no uso de ferramentas como Discord, aplicación informática que permite a creación de espazos de discusión, divulgación e información, e que desde un tempo conta cunha canle xestionada polo Local; tamén se tentou volver reconducir á mocidade cara o Local de Música, promovendo visitas e sesións piloto cos institutos da cidade, que levan ao seu alumnado a "cacharrear" a comprobar que hai tralas paredes verdes do edificio, e comproben que non só hai música, senón que tamén se presenta como un espazo para a gravación de podcasts ou Tik-Toks, novos formatos audiovisuais que estouparon en popularidade nos últimos tempos.

Para o futuro inmediato, xa están programadas novos obradoiros de formación no Local de Música a través das chamadas cápsulas formativas. Centradas na música electrónica principalmente, serán o 28 de maio e o 4 de Xuño. A primeira tomando o programa Ableton como referencia, e, a segunda, a ferramenta de pinchadiscos Selecta.

Comentarios