Longa vida ao Ferve!

Xoel López ateiga a Alameda e clausura por todo o alto o festival de Estrella Galicia e Esmerarte ▶ Os organizadores valoran seguir en Pontevedra se se confirma unha segunda edición

Público que ateigou a Alameda durante o concerto de Xoel López no Ferve. RAFA FARIÑA
photo_camera Público que ateigou a Alameda durante o concerto de Xoel López no Ferve. RAFA FARIÑA

Coa Alameda ateigada de xente para escoitar en directo a Xoel López chegou o punto álxido do Ferve, o festival de música, gastronomía e cervexa que organizaron conxuntante Estrella Galicia e Esmerarte, co patrocinio do Xacobeo, e que se celebrou en Pontevedra toda a fin de semana. O concerto do músico coruñés, que se fai acompañar dunha súper banda na que militan María Yfeu e Charlie Bautista, entre outros, derivou nunha festa de despedida do evento por todo o alto. Entre as altas temperaturas deste domingo e o concerto de Xoel López, Pontevedra finalmente ferveu.

"Eu fago unha valoración tremendamente positiva do festival", di o chef Pepe Solla, padriño do evento. "Sorprendeume, sobre todo, a aceptación que tivo entre o público. Foi marabillosa a actitude da xente, súper positiva, moi receptiva a todas as actividades que se propuxeron e moi respectuosa, por exemplo, cando nalgún momento puntual se formaba algunha cola para consumir as tapas dos chefs".

Xoel López coa súa banda no festival Ferve. RAFA FARIÑA
Xoel López coa súa banda no festival Ferve. RAFA FARIÑA

Ademais dos concertos de Baiuca, Guadi Galego, Marilia Monzón, a Banda de Late Motiv e Xoel López, Ferve, ofreceu charlas do propio Pepe Solla, así como de Javier Olleros e Pepe Vieira. Tamén incluíu showcookings de Héctor López, Diego Guerrero e Iñaki Bretal, e petiscos de autor de máis de 20 chefs de renome. A maiores había unha serie de actividades arredor da cultura da cervexa e un mercado de produtos ecolóxicos. O acceso foi gratuíto.

"Creo que Pontevedra reúne os unha serie de requisitos que a converten na cidade perfecta para este festival", segue contando Pepe Solla. "A Alameda é espectacular para acoller algo como isto: o suficientemente cómoda e confortable para todos, no mesmo centro da cidade, con espazo abondo para poder instalar cousas como ese mercado de produtores, que é un aspecto moi interesante do festival". 

Creo que Pontevedra reúne os unha serie de requisitos que a converten na cidade perfecta para este festival

En aspectos moi similares insiste Kin Martínez, da promotora Esmerarte, á hora de facer unha valoración do evento. "O primeiro que hai que destacar é a alta participación da xente", comenta. "Despois, a alta interactividade. Viuse que a xente tiña ganas de participar. Tiñamos todos os talleres cheos, todas as charlas, todas as actividades... E isto é moi bonito". 

Iñaki Bretal durante o showcooking que protagonizou no festival Ferve. RAFA FARIÑA
Iñaki Bretal durante o showcooking que protagonizou no festival Ferve. RAFA FARIÑA

Martínez tamén pon o foco no adecuado que foi a escolla do espazo. "A Alameda é un nervio da cidade. É importante axudar a poñer en valor este tipo de espazos. Notamos que a xente quedou moi agradecida por iso". A pesar de que na presentación do evento se falou de Pontevedra como punto de partida dunha posible itinerancia, o promotor non descarta que Ferve repita aquí. "Non descartamos nada. A itinerancia non ten por qué ser anual. A min gústame Pontevedra evidentemente. Vivo aquí e aquí me quedaría encantado. Será un traballo colectivo que así sexa. Pero hai que ver moitas cousas. O Xacobeo está rematando e hai que ver como se pode reformular a proposta".

Ahora toca hacer balance y mejorar seguramente muchas cosas, pero a nivel general creo que hemos disfrutado de tres días fantásticos

Tampouco descarta que Pontevedra volva acoller o festival a responsable de Cultura, Proximidad y Gastronomía en Estrella Galicia, Goretti Castro: "Nos encantaría repetir. Todavía no sabemos dónde. Quizás en Pontevedra, quizás en otro destino. Pero, en todo caso, larga vida a Ferve!", di. "Nosotros nos sentimos hoy realmente felices. Hemos visto disfrutar a la gente. Hemos acercado al público la cultura de la cerveza, la gastronomía y la música de una manera diferente, en un entorno idílico como es la Alameda de Pontevedra. Ahora toca hacer balance y mejorar seguramente muchas cosas, pero a nivel general creo que hemos disfrutado de tres días fantásticos".

E AGORA: O RÍO VERBENA FEST
O festival Ferve dálle paso esta semana en Pontevedra ao Río Verbena Fest, que tamén está organizado pola promotora Esmerarte e conta co patrocinio do Xacobeo. Será o 24 de setembro no parque que se construíu nos terreos da antiga fábrica de Tafisa. Están anunciadas as actuacións de Hijos de la Ruina, Ayax, Maikel Delacalle, Villano Antillano (que visita por primeira vez Galicia), Sila Lua, Thom Archi e Groove Amigos. Tamén se anunciou que pincharán tres DJ locales (More Amore, N. Skillzz e G. Rich) e que haberá unha demostración de arte urbana a cargo de O ‘Ras. As entradas están á venda en ataquilla.com (33 euros).

Comentarios