Longa vida para a Lola

Avelaíña Teatro realiza unha minixira coa súa última montaxe polos institutos de Pontevedra ▶"Parécenos unha obra moi adecuada para os rapaces, para que entendan o que pasou"

Un momento da representación no IES Sánchez Cantón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un momento da representación no IES Sánchez Cantón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O IES Sánchez Cantón, o IES A Xunqueira I, o IES A Xunqueira II, o IES Valle-Inclán, o IES Torrente Ballester e o IES Luís Seoane son os institutos de Pontevedra nos que Avelaíña Teatro representa, dende o luns e ata despois de Semana Santa, a súa última obra, A Lola. A montaxe, que o grupo estreou o ano pasado, conta cun texto de Manuel Ayán baseado no libro Un cesto de mazás, de Montse Fajardo. O seu obxectivo é axudar a recuperar a figura das mulleres represaliadas a través do teatro.

"Fomos nós os que lle propuxemos ao Concello facer estas representacións polos institutos da cidade, porque nos parece unha obra moi adecuada para os rapaces, para axudarlles a ententer o que pasou", conta Ayán.

A Lola é a terceira montaxe de Avelaíña, grupo de teatro afeccionado que montaron en Pontevedra, hai sete anos, algúns mestres xubilados que gustaban das artes escénicas. As anteriores foron María Castaña e E din que chove. Neste caso, o tema elixido foi o das mulleres represaliadas. "As que se clasificaron como roxas", di o autor da peza, que transcorre en dous tempos: un primeiro na Guerra Civil e o outro xusto antes da morte do ditador. "Concretamente nos anos 36 e 65", explica Ayán. "Lola pode ser calquera. Podería ser a túa avoa. Podería ser outra. Neste sentido, buscamos retratar un pouco á muller sen nome".

Avelaíña continúa ademais coas representacións fóra de centros escolares. "Levamos máis de 20 e de cada unha que facemos saen outras dúas". As próximas son en Mondoñedo e en Santiago.

Laiovento publica en papel a peza de Manuel Ayán
"Os compañeiros de Avelaíña non paraban de dicirme que había que publicar este texto. Así que un día que me atopei con Afonso Ribas, que é a persoa que dirixe a editorial Laiovento, comenteillo. Leuno, encantoulle e agora saíu o libro. Así de sinxelo", explica Manuel Ayán, de Avelaíña Teatro, sobre a saída á rúa de A Lola en papel. Publícaa a editorial Laiovento.

"A obra conta cun prólogo de Montse Fajardo, que é unha cousa extraordinaria, sobre o que pasaron todas aquelas mulleres", indica o autor. "E Pepe Álvarez é o autor dun epílogo sobre os dous modelos de sociedade e as dúas culturas que se confrontaron durante a guerra".

 

Comentarios